14/07/13

A néboa que hai estes días faime lembrar moitas cousas…

Antonio Cidrás Piñeiro 
Salvador Vilas Iglesias
Recordo que cando a néboa pechaba a ría, as sirenas dos barcos e as voces dos mariñeiros anunciando a “cala”, facía que as xentes, conscientes do perigo, achegásense á praia para gritar, ou na noite, con lumes e así avisar da situación, as rochas ou dos baixos…

Recordo por escoitalo unha vez a miña nai, polas hemerotecas e pola  documentación que me achegou o meu amigo Ramón Vilas, que a tal hora de hai 84 anos tamén había néboa na mar, tamén era domingo e, curiosamente, o meu avó e o seu avó estaban uno fronte ao outro no mar de Lagos. O un nun penedo como náufrago, o outro, en compañía da súa irmá, como rescatador:


Era o día 14 de xullo de 1929, ás tres mañá, os irmáns María e Salvador Vilas Igrexas, de 27 e 23 anos, fillos do caseiro da vivenda que a familia Massó ten preto da praia de Lagos-Beluso, levantáronse sobresaltados ao ouvir os toques de alarma da sirena dun barco próximo á costa. Baixaron á praia a ver o que ocorría. Segundo di o expediente, que eles mesmos asinaron, “…ouviron voces de auxilio dos tripulantes, e postos á fala con eles, tranquilizáronos dicíndolles o lugar en que se achaban…”

Circunstancias do naufraxio: O buque estaba a facer probas de mar. Saíra de Marín cara a Ons e, buscando porto debido á espesa cerrazón de néboa, foi quedar varado nuns baixos rochosos chamados Cons a uns 200 metros da Praia de Lagos.  Os tripulantes botaron a auga a chalana de a bordo e con ela tenderon o rizón pola popa para ver se con este e a máquina do barco podían polo á flotación. O rizón rompeu, inclinouse o barco e abriuse unha vía de auga. Ante a imposibilidade de facerse co barco decidiron coa mesma chalana trasladar a todos os mariñeiros a unha rocha próxima. A pesar de que o mar estaba en calma non tardou máis de 20 minutos en afundirse. Comezaron a trasladar aos mariñeiros á praia logo de advertirlles os irmáns Vilas que estaban na Praia de Lagos. Salvador Vilas pediu que alguén axudáselle a baixar a súa chalana que tiña na praia. Un mariñeiro veu a nado e tras baixala puideron traer 6 ou 7 homes máis.

Ao día seguinte o patrón e o maquinista cun lanchón e un mergullador tentaron sacar o barco pero unha forte marusía do noroeste impediuno. O casco rompeu e parece que puido recuperase a máquina.


Tras saír a noticia na prensa local e nacional o Presidente do Consello de Ministros, Marqués de la Estrella, solicitou información ao Gobernador Civíl e este a o alcalde Sr. Camilo Davila coa intención de que, de ser certos os feitos, darlle algunha distinción. A distinción sería a Cruz da Orde Civíl de Beneficencia. Aínda que a heroicidade foi recoñecida a medalla...

Ficha:
- Barco afundido: Vapor “Florentina” de 15 m de quilla, da matrícula de Marín
- Patrón-Armador: Antonio Cidrás Piñeiro “O Conexo” da Praia de Loira. Fora patrón dunha lancha da arte desde moi novo. Este era o primeiro barco que conseguise construír e, para maior desgraza, aínda non tiña seguro. Posteriormente puido refacerse e construír a motora “Río de Loira”, o “Conexo”,
- Maquinista-armador: Manuel Loira Campelo “Follato”
- Mariñeiros: 30. Todos da Praia de Loira e arredores.

12/07/13


Tal e como reflicten os xornais: El Combate, Diario de Pontevedra, El Estandarte Católico,... dando a noticia "Sinistro en Marín", "Un naufragio en Marín", "Dez afogados",... 
Eran case ás 21 horas do luns tres de xuño de 1899 cando á altura da illa de Ons un refacho de vento do Norte fixo naufragar á lancha de Marín “Flor de María” na que ían 13 mariñeiros ás ordes do patrón Antonio Rodríguez Veiga. O patrón e nove mariñeiros máis lanzáronse ao mar tentando alcanzar terra. Mais despois dunha longa loita co embravecido mar foron desaparecendo un tras outro. O mesmo patrón morreu abrazado ao seu irmán Clemente. Os outros tres, que non sabían nadar, agarráronse á quilla da lancha ata que unha dorna que conducía ao capelán de Ons viu aos tres mariñeiros sobre a quilla nunha situación desesperada. Achegouse a eles e con grande traballo, recolleunos e levounos a unha praia da illa onde foron embarcados nun vapor que acababa de prestar servizo no faro, o “ Riotesa”, que os trasladou ata Marín.

01/07/13

As Visitas Pastorais son aquelas que fan polas parroquias da súa diocese o bispo, arcebispo ou
cardeal, para comprobar o estado económico, cumprimento das obrigas das misas, examinar libros, etc. e aproveitar para a confirmación dos fregueses que o precisen.
Con data de dous de xullo de 1875 queda constancia, no Libro VIII de Bautismos (ff 44v e 45 r), o rexistro da visita pastoral do arcebispo de Santiago de Compostela D. Miguel Payá y Rico. Ata aquí todo quedaría nunha visita coma calquera outra de non ser que nesa do 1875 non está o cura párroco de Bueu, D. Joaquín González; pois o prelado suspendeuno do ministerio parroquial e sacerdotal con data do día anterior e nomeou “Rexente no seu lugar ao Presbítero D. Francisco Cerviño que foi quen asistiu a todos os actos. Tamén creu conveniente S. E. Illma nomear coadxutor da expresada parroquia de Bueu ao Pbro. D. Manuel Martínez Sueiro, deixando vacante por imposibilidade a D. José Gómez: a uns e outros señores mandou S. E. Illma cumpriran os mandatos que lles deu de palabra e por escrito baixo a máis estreita responsabilidade”.
En ningunha parte do libro pon as causas de tan drástica medida como é a suspensión do ministerio parroquial e sacerdotal do cura de Bueu.