21/12/23

 Sirvan estes días de “paz e ...”, con que se propón o Nadal, para manifestar a situación doutros colectivos menos favorecidos ou simplemente non ben atendidos, que teñen que usar esa arma, a folga, que ninguén quere pero que facilita melloras no laboral e nas vidas dos traballadores. Non sinalo aos do transporte urbano de Vigo, que tamén. Nin ao colectivo de bombeiros galegos, que tamén. Nin aos de Alcoa, Hiperxel, etc. que tamén. Un Feliz Nadal e, sobre todo, un mellor 2024 que falta lles fai.

Pero non quixera deixar de aproveitar este tema para achegar unha folga no Bueu de 1932. Folga da patronal do transporte, si, pero folga. O que nos servirá para coñecer aos 9 empresarios de concesións de transporte público, así como os métodos represivos e ameazas gobernativas para os que a secundaran.

Telegrama do gobernador civil aos alcaldes: “ Deberase notificar propietarios empresas autos públicos que no procede secundar huelga contra aumento de tributos y en caso de ir a ella será propuesto a ministro gobernación aplicación ley defensa requisitoria previniéndole que para la prestación del servicio a que se dedican le será concedido el auxilio por la autoridad xxxx a sus órdenes debiendo denunciarse a los infractores esta orden”.

Informados os transportistas de Bueu

-         - José Cerqueiro                      - Francisco Escáneo            - Benito Estévez

-         - Segundo Filgueira                - Manuel Ríos                       - Eugenio Novas

-        -  Gabriel Álvarez                     - E. Piñeiro                            - Jesús Barreiro

 A  Desta actuacións e ao través dun decreto emitido por parte do Alcalde Luís Jesús Prieto só hai constancia da requisa do transporte PO 3172,  por reclamación dos cartos que por ese servicio se lle debían ao chofer do mesmo.

Co tempo, como veremos outro día, hai máis requisas destes medios...

Agora, esteades en folga ou non, desexarvos unhas boas e felices festas coa compaña dunha mellora laboral e/ou vital.

Apertas!

08/11/23

 Relacionar Bueu coas anguías soamente ocorreríaselle aos rapaces da Banda do Río ou da Praia que apañaban nelas onde desaugaba o caño da fábrica de Massó (con refugallos do peixe) ou no río Bispo, principalmente na desembocadura (pois tamén chegaban sangue e vísceras do matadoiro que había detrás da Bicha e do Hostal Estévez, hoxe hotel Incamar).

Pero Bueu e as anguías teñen outra relación que rescato grazas a amigos como Miguel Loira e José Casaleiro:

Alá, a mediados dos anos sesenta do século pasado, chega un holandés a Bueu cunha maleta cargada de documentos e ideas para dedicarse á pesca da anguía. A primeira dificultade que se atopa é onde deixar gardados, de forma segura, os documentos. Coñece a Manuel Loira García, persoa que lle permite gardalo na súa casa e aos que pode acceder cando os precisa. A amizade entre ambos fixo que o ‘Holandés’, pois así o coñecían,  lle ofrecera participar no negocio que o trouxera por estas latitudes: a pesca da anguía ou eiroa. Manuel Loira e á súa muller Josefa González xa bastante tiñan con atender ao seu barco e negocio do polbo, polo que rexeitaron a oferta.

Co tempo o ’Holandés’ atopou un socio inversor, José Casaleiro Domínguez, dos “Guerra” de Beluso.

Xa en compañía trouxeron un barco de Holanda que se chamaba “Bernardo”[1].

Logo dun tempo de preparación no porto de Bueu, foi definitivamente despachado na comandancia de Vigo para a pesca da anguía (eiroa) no esteiro e na parte baixa do Miño[2]. 

O método de pesca utilizado eran a arte das nasas[3].

Nasa da anguía coa 'moleira' ou pedra de lastre

O destino da anguía e das angulas era a exportación cara os Países Baixos, grandes consumidores deste produto.

O que prometía seu unha revolución no negocio da pesca artesanal de río quedou practicamente nun intento frustrado. Pois só houbo unha marea de pesca do buque 'Bernardo' en augas do Miño.

O motivo foi que os seus armadores no accederon á chantaxe dun militar portugués que quería participar das ganancias coa promesa de facilitar a pesca. Este, en represalia e no que foi considerado un acto de piratería, mandou queimarlles as nasas.

Ante ese panorama hostil e belixerante abandonaron o caladoiro para sempre xa que o próximo en arder podería ser o barco...

O ‘Bernardo’ pasou logo a traballar como remolcador en Vigo. Nel traballaron algúns veciños de Bueu e Beluso como, durante un tempo, o fixera Gaspar Barros.

Logo marchou para Vilagarcia, onde traballou como remolcador dunha barcaza-draga que estaba a limpar os fondos da ría de Arousa.

Aí xa lle perdemos a pista ao ‘Bernardo’....



[1] Na honra de Bernardo de Lippe-Biesterfeld (1911-2004) que era príncipe consorte dos Países Baixos tras o seu matrimonio coa reina Juliana.

[2] O Miño era e é unha das zonas máis importantes de anguía de España.

[3] Fundamentalmente de vimbios pero tamén as hai de rede, láminas de madeira etc.


09/10/23

 Vou tratar de explicar[1] o que ao longo dos anos as xentes de Bueu entendían cando falaban do Desencravo.

Para os nosos mariñeiros o Desencravo non era falar da Semana Santa, da dor da Pasión, dun Cristo articulado ao que se baixaba da cruz como en moitas vilas galegas[2] e do centro e sur de España, onde o veneran e procesionan por esas datas.

Para os mariñeiros de Bueu O Desencravo  era unha celebración anual que comezaba na tarde-noite do día 1 de febreiro de cada ano e duraba case toda a noite. Costume antiga motivada polo comezo da veda e peche da colleita da pesca da sardiña.

O Desencravo é unha metáfora da separación por un tempo dos compañeiros que compartiron traballo no barco, pero tamén de reconstrución de esperanzas  futuras de novos e mellores tempos.

Consistía nun compartir caldeirada e viño nas tabernas como as de Claudio Agulla,  Alejandro López, Miguel Nogueira, Ruperto Rajoy, Antonio Domínguez... ou no dicir do xornalista: do Capelán, do Rabuxo, da Mundina ou a de A Lera.



[1] No 1903 o correspondente en Bueu, L.D., do xornal La correspondencia Gallega tamén o citaba entre outras noticias (1-2-1903 páx. 2).

[2] Lembro o asombro, dun neno que era, de ver cravar e desencravar un Cristo na capela da Encarnación de Celanova que logo baixaban a San Rosendo.

01/09/23

 Xa chegou setembro e comeza a preparación do curso escolar para os nosos cativos (e non tan cativos…). Vexo a uns nenos xogando na fonte que hai entre a praza de abastos e o Centro Social. Seus país que deben estar pola zona pero non se mira a ninguén que os atenda. O máis pequeno agárranse á dorna con forza pois estivo a piques de caer... 

Poño a mirada no neno e na dorna... e tamén respiro tranquilo. Pero a imaxinación voa e miro a dorna nun pedestal máis alto, onde non lle chegaría o neno. Case á vez xórdenme dúas preguntas, das que resulta que tamén me saen as respostas que pensaba tiña esquecidas. Quen puxo a dorna aí? Cando? E sen pararme máis deixei que os nenos seguiran navegando na dorna emulando ao apóstolo Santiago.

 Nota: Por se alguén non se acorda ou non o sabe a dorna está aí dende o 11 de novembro, día de San Martiño de 1945 e foi unha doazón persoal do por aquel entón (e moitos anos máis...) era alcalde de Bueu, José Mª Massó.

Como xustificación poño o anaco de acta da sesión do 13 de decembro de 1945 onde nolo aclara.

E xa postos, con preguntas e respostas, subindo polas escalas aos andares altos do concello hai un escudo de Bueu de madeira que ten na súa extrema inferior a data de 1838. Quen o puxo? Cando? Estivo sempre aí? Por que esa data?

Respostas: O mandou poñer o mesmo alcalde antes citado (Massó) pero pagouno o concello de Bueu. A data exacta de colocación non a sabemos pero si que se acordou encargalo na sesión do 12 de setembro de 1946 e que era para pór na sala de sesións do concello.


 O do número 1838 é un erro pois sempre houbo a crenza de que o concello tal como o coñecemos comezou nese ano con Salvador Marty como alcalde (así aparece nos listados municipais). Máis a realidade é que tería que pór 1836 e, como primeiro alcalde, a Juan Fontenla Sotelo xa que foi comisionado para o cargo o 8 de decembro dese ano.

 

Nota:

Por se algún desexa entreterse, pode buscar as moitas diferencias entre as fotografías das dornas. Seguro que pasará un rato entretido e sacará unha reflexión interesante…

01/07/23

Entrada á Praia de Agrelo-Bueu 1940 - Deputación Pontevedra

A partires de 1837 instaláronse lazaretos ou zonas de corentena en lugares preto dos portos a onde arribaban os barcos que chegaban de distintas partes do mundo; exemplo disto os houbo, na nosa contorna, nas illas como Tambo ou San Simón. Tamén se instalaron sanatorios para enfermos contaxiosos como o da Lanzada.

Pois ben imos lembrar que en Bueu, a pequena escala, houbo un momento que as autoridades decidiron previr as consecuencias dunha posible epidemia de peste. Para o cal, igual que noutros momentos o control era nas  vivendas ás que caleaban e desinfectaban a fondo cando o inquilinos enfermos morrían.

No 1899, ante o posible paso da fronteira portuguesa da peste bubónica decidiron, de ser preciso, tomar medidas... e así na Sesión plenaria do 21 de agosto de 1899 o concello acordou o lugar do illamento dos infectados:

Seguidamente polo devandito Sr. Presidente deuse conta de acordo da Xunta local de Sanidade tomado na sesión de dez e oito do corrente respecto da instalación no punto de Agrelo dunha caseta ou barraca de madeira para o illamento de atacados se chegase a desenvolverse neste termo a peste Bubónica reinante en Portugal respecto dos procedentes das parroquias de Bueu e Cela, e outra no monte dá Cabritiña para os de Beluso”.