Falar da Casa-Torre
do Casal, ou Pazo do Casal, “dos Picos” ou da Graña é falar das antigas
fidalguías baixomedievais na comarca do Morrazo.
Atribúeselle a súa
fundación, no século XV, á familia dos Fernández Aldao cuxos descendentes
serían propietarios do mesmo ata o ano 1914.
A estrutura da
casa-pazo variou dende os seus inicios que foran coma “torre grande con troneiras e ameas e outros instrumentos para a súa
defensa e un foso”. No mesmo documento
onde aparece a descrición anterior fala de que todo fora derrubado polos
señores da Torre de Meira e Darbo.
Posteriormente foi
levantada a estrutura principal, sobre a base do que fora a torre. A casa
seguiu a sufrir modificacións ao longo do tempo: fundouse unha capela
agora integrada na casa principal, engadíuselle a ampla terraza que da ao
poñente,...
Mais hoxe o que
quero sinalar son algunhas notas acerca duns elementos actualmente desaparecidos que aínda están na
memoria dalgúns: As pontes que unían as dependencias superiores da casa coa
estrada Bueu-Cangas e rampla que daba á mesma estrada.
En canto a unha
Ponte de pedra:
No 1883, Don Joaquin Aldao Sarmiento
demanda a Benito Quinteiro, mestre de cantería de
Meiro, para que devolva 40 pesetas
que se lle anticipou por conta da pedra para a construción da Ponte de entrada
na dita torre que tiña encargado o Sr. Aldao. Tamén lle pide que lle pague 2000
reais (500 pesetas) que lle costou ao Sr. Aldao o almorzo e xantar co que tivo
que dar a 22 “labregos distinguidos”
que levaron a pedra desde o monte Borrallido á casa Torre como á Benito Quinteiro
e outro canteiro.
Reclámalle
que retire a dita pedra por non reunir as condicións legais e moito menos as
estipuladas, inútiles para a construción da devandita ponte.
Esta
ponte pode referirse ao que hoxe é parte da terraza posterior e que no seu
momento tiña unhas escalas que servían de entrada nobre ou principal desde a parte
interior do circundado.
En canto a rampla
de entrada á finca:
No
1929 o propietario Miguel Costas pide autorización, ao través da alcaldía, a
Obras Públicas de Pontevedra para que lle sexa autorizado “construír unha rampla de acceso dende a súa casa do Casal, á estrada de
Pontevedra a Cangas no seu quilómetro 19 hectómetro 7, marxe dereito”.
En canto ás Pontes de
ladrillo e cemento:
Realizadas
nos anos trinta do século pasado polo mestre albanel Baltasar Buceta. Eran dúas
pontes ou pasos elevados feitos de ladrillo e cemento. Localízanse na fachada
leste do edificio permitindo o paso, directamente, dende a estrada
Pontevedra-Cangas ata o primeiro andar do pazo. Ambos elementos permaneceron
operativos ata os anos setenta do século pasado.
Ponte –A: Con balaustrada de ferro forxado e estrutura algo abovedada. Chegaba
a unha porta que había no lugar que agora ten a segunda ventá, comezando pola
dereita. Accedíase ás dependencias principais da casa-torre.
Ponte –B: Con balaustrada de cemento. Situada na estrema esquerda da torre
ameada, correspondéndose coa zona da actual última ventá. Daba a unha porta
pola que se accedía a unha pequena estancia que tiña uns pasos de escala que
permitían o acceso á tenda-comercio
que ocupaba o que fora no seu tempo capela.
Da
parte dereita da balaustrada, xunto á porta de entrada, baixaban unhas escadas
cara a finca.