01/09/23

 Xa chegou setembro e comeza a preparación do curso escolar para os nosos cativos (e non tan cativos…). Vexo a uns nenos xogando na fonte que hai entre a praza de abastos e o Centro Social. Seus país que deben estar pola zona pero non se mira a ninguén que os atenda. O máis pequeno agárranse á dorna con forza pois estivo a piques de caer... 

Poño a mirada no neno e na dorna... e tamén respiro tranquilo. Pero a imaxinación voa e miro a dorna nun pedestal máis alto, onde non lle chegaría o neno. Case á vez xórdenme dúas preguntas, das que resulta que tamén me saen as respostas que pensaba tiña esquecidas. Quen puxo a dorna aí? Cando? E sen pararme máis deixei que os nenos seguiran navegando na dorna emulando ao apóstolo Santiago.

 Nota: Por se alguén non se acorda ou non o sabe a dorna está aí dende o 11 de novembro, día de San Martiño de 1945 e foi unha doazón persoal do por aquel entón (e moitos anos máis...) era alcalde de Bueu, José Mª Massó.

Como xustificación poño o anaco de acta da sesión do 13 de decembro de 1945 onde nolo aclara.

E xa postos, con preguntas e respostas, subindo polas escalas aos andares altos do concello hai un escudo de Bueu de madeira que ten na súa extrema inferior a data de 1838. Quen o puxo? Cando? Estivo sempre aí? Por que esa data?

Respostas: O mandou poñer o mesmo alcalde antes citado (Massó) pero pagouno o concello de Bueu. A data exacta de colocación non a sabemos pero si que se acordou encargalo na sesión do 12 de setembro de 1946 e que era para pór na sala de sesións do concello.


 O do número 1838 é un erro pois sempre houbo a crenza de que o concello tal como o coñecemos comezou nese ano con Salvador Marty como alcalde (así aparece nos listados municipais). Máis a realidade é que tería que pór 1836 e, como primeiro alcalde, a Juan Fontenla Sotelo xa que foi comisionado para o cargo o 8 de decembro dese ano.

 

Nota:

Por se algún desexa entreterse, pode buscar as moitas diferencias entre as fotografías das dornas. Seguro que pasará un rato entretido e sacará unha reflexión interesante…