22/02/24

 Quizais debería nomear á familia do último propietario salgadoiro, José Fazzina Ambroggio, e así moitos saberíades mellor dos espazos dos que imos a tratar.

Pero para ser xustos, o que mandou construír, un lustro antes do s. XX, a fábrica de salga na extrema de poñente da praia de Loureiro-Bueu foi Francisco Ferrer Casellas, natural do Caramiñal.

Pouco despois, dous dos seus fillos, Francisco e Mamerto, fanse cargo da salga. Ao precisar outra vivenda o maior, Francisco Ferrer Ferrer, envía a mediados de abril de 1901 unha instancia ao alcalde Miguel Nogueira para que lle concedesen licencia para construíla nun terreo recentemente adquirido lindeiro coa salga e coa estrada Pontevedra-Cangas, no mesmo lugar de Loureiro.

Pola súa localización na zona marítima derívase a petición á axudantía militar de mariña que respondeu ao pouco tempo afirmativamente. Tiveron que presentar un plano de obra[1] e así comezou a mesma a toda presa, coa fatalidade que unha parte colapsou sepultando ao salgadoiro que se salvou de ‘milagre’, (Entrada do blog en agosto de 2014: A Virxe do Perpetuo Socorro salva a un salgadeiro en Loureiro[2]).

Tras este accidente paralízase a construción e tardaranse 4 anos en presentar outros planos, esta vez máis elaborados, para construír a vivenda. Tras repetirse os procedementos esta levántase con lixeiras modificacións como pode comprobarse na actualidade. 

 

Nota: Da salga e vivenda primixenia non se conserva case nada pois hai no seu lugar un bloque de apartamentos.

 


Ano 1952

Na actualidade

 

01/01/24

Falar das fábricas de curtidos en Bueu é algo que non está gravado no maxín de Bueu como pobo. Pero si podemos confirmar que houbo momentos da súa historia nos que os goldreiros ou curtidores traballaban o coiro nas súas casas de Bueu, Cela e Beluso.

Real de Legos-Bueu- Catastro Ensenada 1752
Se ben é certo que o facían ao por menor case sempre como algo complementario ao seu oficio de zapateiros. Destes, poderiamos facer unha relación de pouco máis dunha ducia sacados do Real de Legos do Catastro de Ensenada de 1752: como Agustín Estévez de Soutelo, Alberto de Otero de Meiro, Julián Juncal da aldea de Pedreiras, Patricio Gallego de Cela, Antonio Estévez, outro que vivía na Rosa-Beluso etc. Aínda que non había grandes diferenzas, non todos traballaban a mesma cantidade de peles polo que a ‘utilidade’ que lle adxudicaban de impostos a cada un ía dos 30 aos 70 reais/ano.
AHPP-Escr. Benito de Aris-1837 Venda Fabrca. curtidos

De grande fábrica de curtidos temos, no primeiro terzo do século XIX, como propietarios dunhas instalacións na antiga rúa Berrón de Pontevedra,.á dona da salga da Praia de Beluso, Mª Rosa Avalle[1] viúva de Pedro Plá.

Mais, Houbo fábrica de curtidos de certa entidade en Bueu? A resposta pode deducirse dunha solicitude para facela en 1883 na casa que hoxe aínda se coñece como a de “Pin Cabanillas” en Pescadoira. Casa que foi primeiro salga (1806) de Vicente Freire e Mª Alberta Otero e que logo pasaría a José Domínguez Fontenla que a mediados do XIX tivo unha pequena fábrica de curtidos aproveitando as pías para os procesos químicos e lavados das peles.

A grande fábrica de curtidos quixeron montala, en 1883, ampliando esta os señores Alejandro López e Salvador Ferradás, para o cal pediron á alcaldía autorización, que non lles foi concedida, nos seguintes termos:


que na casa almacén dos herdeiros do finado José Domínguez situada en Pescadoira fóra do centro da poboación, teñen proxectado establecer una tenería[2] para o curtido de coiros ou peles e modificar
algúns dos pilos ou chancas que xa contiña por terse exercido antes de agora a mesma industria no oficio; pero como ademais séxalles preciso reformar a súa fachada e para elo necesiten o permiso conducente con acordo ás ordenanzas municipais do concello aprobadas pola superioridade, se ven na necesidade de recorrer a V”.

 Para finalizar cabería preguntarse se hai outros indicios relacionados coa actividade do coiro nas parroquias de Bueu. Quizais a toponimia puidera dar algunha pista; que eu saiba, e sen moita relación coa industria dos curtidos, hai unha parcela nas Meáns chamada “Lavandeira” ou “Pozo de Coiro”.

Outra referencia ven da sabedoría de Belarmino Barreiro quen ouvira dicir que as donas dun muíño do río da Devesanova-Cela, ‘As Pelonias’, tamén se dedicaron ao curtido da pel.

Nota: Esta entrada, feita no marzo do 2003 e activada automaticamente  agora foi completada con outras aportacións documentais e formou corpo dun artigo na revista Cedofeita de Lérez-Pontevedra, Pode lerse ou baixarse en: http://bueu.esy.es/Documentos/Autoresbueue/Arturo%20Cidras/Cedofeita-2023-Curtidos.pdf

 



[1] Ela e os seus fillos vendérona por 10.000 reais, o 13 de abril de 1837, a Bernardo Echevarría, outro empresario dos curtidos.

[2] Fábrica de curtidos.