06/11/20

 Dende a antigüidade a lepra (gafura, laceira) é unha enfermidade que estigmatizaba e condenaba a aqueles que a padecían. Ata a primeira parte do século XX prevalecía, incluso nos medios médicos, a crenza hereditaria da mesma[1].

Hoxe en día coñecemos que a causante desa enfermidade infecciosa que se caracteriza polas úlceras na pel e mucosas, danos neurolóxicos, etc., é causada por un bacilo (ou bacteria con forma de bastón) chamada Mycobacterum leprae.

Pero o aquí quero poñer de manifesto é a incidencia histórica desta enfermidade coa illa de Ons. Dende que a poboación da illa foi aumentando as condicións de hixiene e alimentación desta comunidade, a causa das súas limitacións sociais, laborais e de colonato, foron deteriorándose ata situacións extremas. Isto foi o caldo de cultivo para que esta enfermidade se asentase de forma endémica no lugar. Ase mesmo o condicionante espacial reducido, polo illamento, permitiu que de forma recorrente aparecesen máis casos que noutras poboacións próximas[2].



En El Pueblo Gallego do 12 de febreiro de 1933 temos a primeira das referencias claras á lepra na Illa. É nun artigo de Álvaro de las Casas facendo un in memoriam de Antonio Bruno, no que dicía: ”Naquela illa vergoñosa, sen médico, nin cura, nin botica; naquela illa con máis de trescentos veciños que non teñen un palmo de terra, nin un libro, nin un periódico, que en tanto por cento elevadísimo agonizan sumidos pola lepra, sen man piadosa que lles axude…”


Algunha que outra vez deron en aproveitar esas circunstancias de necesidade e enfermidade dende o mundo da política. Porei dous exemplos de distinto signo e intencionalidade.

En 1934 o deputado a Cortes por Lugo, Manuel Becerra, do partido Republicano Radical como subsecretario de obras públicas pasou de inspección polo faro de Ons e “puido apreciar persoalmente as pésimas condicións sanitarias nas que se atopan os habitantes da citada illa, moitos deles atacados de lepra e carecendo de asistencia facultativa...”.  Falou co ministro de Traballo, Sanidade e Previsión Social e este transmitiu ordes “ao inspector provincial de Sanidade de Pontevedra para estudie a maneira de subsanar esas deficiencias sanitarias, atendendo con elo a tan xustos e humanitarios desexos”. Polo que sabemos todo quedou igual.

Baixo o lema “Ons as illas esquecidas” desembarcan a primeiros de xullo de 1938 un grupo de Falanxe ás ordes do Xefe Provincial, Jesús Suevos, ao que acompañaba un amplo cadro de especialistas e directivos da organización.  Reflectida esta visita en El Pueblo gallego cun amplo artigo, coa reportaxe gráfica de Valin[3] (que é a causa desta entrada no blog).

No que respecta aos habitantes da Illa di: “Depauperados fisioloxicamente. Non hai servizos sanitarios nin espirituais. As enfermidades da pel constitúen unha estatística aterradora, fomentadas polo xénero de comidas e pola [..] consanguinidade. A lepra cravou tamén a súa garras naquela terra ingrata, sen que non se fixera nada por aqueles desgraciados”.


 NOTA: Coa entrada neste Blog, do 8 de maio deste ano, que tiña por título “Outras enfermidades endémicas no Bueu da 1ª metade s. XX - Epidemia VIII” ía deixar por concluído o capítulo das enfermidades epidémica e/ou endémicas. Consciente de que quedaban outras, coa fin da desescalada do confinamento prefirín non abordar.

Hoxe retornei ao tema coa intención de completar, divulgar e poñer en valor a entrada que o día 23 de outubro deste ano puxeron no Facebook os do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (Entradas que aconsello seguir polo seu interese documental) co título LEPRA NA ILLA DE ONS” :



[1] Quizais influídos polos textos bíblicos coma “… a lepra de Naamán pegaráseche a ti  e á túa descendencia para sempre…” (Reyes II 5-27)

[2] Enfermidade que se daba tamén en moitos pobos galegos, o que fixo que en novembro de 1907 o ministerio de Instrución enviara a Santiago, en comisión de servizos, ao Catedrático da Facultade de Medicina da Universidade de Sevilla, para que estudiara a lepra en Galicia.

[3] Fotógrafo establecido en Vigo que se formara no estudo de Ksado.

01/11/20

 Comezar dicindo que as motivacións da detención do alcalde son estritamente políticas. Son momentos convulsos da política nacional onde a inestabilidade social, económica e de goberno  manifestase sen pudor na represión do contrincante ou adversario.

A alternancia, e ata cohabitación, entre políticos de distintas sensibilidades é unha constante o que, con outros ingredientes da época, levounos a exercer unha represión “rotativa” entre os dirixentes e partidarios das tendencias liberais dominantes (moderados e progresistas).

Como podedes supoñer estou a falar dunha época ‘algo’ distinta á actual. Deuse na rexencia de María Cristina, e máis concretamente no ano 1839, xa cando comezaban as revoltas populares que provocarían a renuncia da Rexente e a ascensión de Espartero.

O alcalde de Bueu era dende o 3 de xaneiro, Manuel González, natural de Cela. Sabemos que estivo retido na Axudantía de Praza-Fiscalía Militar da Rúa Real nº 4 de Pontevedra o 7 de agosto de 1839 por orde do Capitán Xeneral do Exercito e Reino en Galicia, por tres oficios que o Fiscal militar de Pontevedra, Santiago Cobas lle remitiu a o Señor Rexidor 1º do concello de Bueu, D. Domingo Ferradás.

Nestes oficios reclamaba (6-8-1839) “a fin de practicarlles certas dilixencias” a presentarse na súa casa de Pontevedra a Matias Freire (Mordomo de Stª Mª de Cela) e Salvador Martí (salgadeiro en Beluso, alcalde no ano 1838 e agora concelleiro).

No segundo oficio (7-8-1839), de forma urxentísima:”Siendo las tres de este día y su tarde; sin haberse presentado en esta Matías Freire Mayordomo del Sta María de Cela y Dn Salvador Martí de Beluso, según se lo prevenía en mi oficio de ayer; y como se halle detenido en esta el Alcalde Presidente de ese Ayuntamiento, se hace indispensable que sin pérdida de momento se presenten los sujetos especificados, bajo su más estrecha responsabilidad caso de detención.

Ao parecer tras este requirimento e “chantaxe” puido saír o Alcalde libre, xa que o día 21 dese mesmo mes o cita para que o día 26 acuda a Pontevedra, na compaña de Manuel Fernández Ramos (abade de Cela) para notificarlles una Providencia.