11/03/21

 Comezarei a entrada de hoxe por considerar os feitos que nela poño cos cualificativos máis negativos e reprobacións máis enérxicas, como algo ferinte á condición humana. E senón lean e xulguen vostedes mesmos: 

16 de novembro de 1934: Un tal Manuel.........., mariñeiro de 50 anos, compadece ante o 1º tenente de alcalde, en funcións de alcalde, Luís Jesús Prieto García, asistido do Secretario Municipal, para manifestarlle que a súa muller .................... “marcháralle” da casa conxugal a casa dunha familiar no barrio das Castiñáns. Que fora “na súa busca negándoselle a seguilo ao domicilio conxugal.

Como queira que non ten medios para obrigala a cumprir seus deberes como tal muller casada, senón as que autorizan as leis, interesa da Autoridade municipal dispoña que polos axentes a súas ordes ou Garda Civil sexa retida e se me entregue.

O alcalde en funcións resposta o mesmo día que como non ten gardas municipais oficioulle ao comandante do posto da Garda Civil para que practique o servizo.

Dous días despois, logo de ser entregada pola garda civil, o mesmo alcalde fixo entrega da esposa ao reclamante Manuel........ Este faise cargo dela e asina co alcalde a entrega.

Nota: Quixera que tiveran en consideración que ocorre o narrado en novembro do 1934 cando se levaba, na política española, case un ano no período coñecido por Bienio Negro ou Conservador da 2ª República. Simplificando, dicir que nestas datas chegaran ao poder o parido de Alejandro Lerroux (apoiado, entre outros, pola CEDA e Partido agrario -integrado por propietarios expropiados) polo que supuxo un freo, cando non un retroceso, para a todos os cambios que ían emanando da Constitución, que España se dera no 1º período da 2ª República, coñecido como Reformista. Nela atopábanse innovacións que nos achegaban á Europa máis avanzada: como a división de poderes, separación igrexa-estado, liberdades individuais (de conciencia, prensa, movementos, etc.),... e dos que emanaron leis como a Lei de divorcio,... e Reformas como a agraria, relixiosa, etc. 




01/03/21

Nestes tempos de confinamento moitos botan de menos un paseo polas vilas da irmá Portugal. Dende aquí, un saúdo e os mellores desexos aos amigos portugueses.

Certo é que estes días, de finais de febreiro, véñenme a memoria os preciosos azulexos de Póvoa de Varzim nos que algunhas das composicións reflicten o que sería a segunda das maiores traxedias da pesca no mar do litoral portugués[1]. E Bueu, porto mariñeiro agochado nunha ría, que está lonxe do cotiá das embarcacións de baixura portuguesa, unhas 68 millas náuticas, que ten que ver con esta desgraza? Pois moito, e na súa mellor carta de presentación, como porto de acollida. Pero non adiantemos acontecementos, e fagamos un pequeno resumo do acontecido...

Fixo antonte 192 anos, o 27 de febreiro de 1892 “ficará dolorosamente assignada para as populações marítimas da Povoa de Varzim e da Affurada, pela horrorosa hecatombe que se deu em resultado da tempestade que se desencadeou n’aquelle día e que causou a morte a dezenas de pescadores, que tinham ido procurar na labutação do mar, o sustento dos seus[2]

A descricións na prensa escrita desta terrible traxedia están cargadas de palabras de prantos, salaios, queixumes e de moita dor reflexo do vivido por aqueles días nas praias desta costa portuguesa lugares dende onde se podía observar a desesperación das tripulacións por chegar a lugar seguro e aos que o mar ía engulindo. “A desolação é indescriptivel. Aos rugidos do temporal ouvem-se os gritos afflictivos das mulheres que se reuniram na praia... [...] Dos quarenta barcos que sahiram da Póvoa e dos seis que partiram da Affuradanaufragaron nove cun total de 105 tripulantes afogados (“mais 3 em resultado dos ferimentos que receberam”). O resto das embarcacións arribaron cara a distintos portos portugueses (Vila do Conde, Leixões, Viana e Esposende) ou galegos como Vigo (3), Baiona (4), A Garda (1) e BUEU (5). Como poden ler “chegaron a BUEU” 5 embarcacións (6, di algunha revistas portuguesas da época)[3].

Tal e como lemos no diario de Lugo, El regional que á súa vez recolle do Diario de Pontevedra dando o nome de cinco patróns dos barcos portugueses (“Juan Praga, Joaquin Mitra, Juan Lima, Manuel Mayo Nobo y Manuel Reigosa”) e indicando que o número de tripulantes eran 111.


Como non podía ser doutro xeito todos foron aloxados e coidados polos nosos veciños, logo telegrafiaron ás súas familias e ao cónsul portugués en Vigo. Cando mellorou o tempo puideron regresar ao seu país e o fixeron por terra. E que pasou coas embarcacións? Segundo recolle o Diario de Avisos de la Coruña veu un remolcador portugués ata Vigo para recollelas e trasladalas ata Póvoa de Varzim.

 

Nota: Cando pasedes pola vila de Póvoa de Varzim acercádevos á entrada do Porto de mar (fronte ao Casino) a contemplar o mural de azulexos e buscade os que se refiren a esta traxedia pero tamén podedes mirar a igrexa de Nossa Senhora da Lapa que está, fronte ao mesmo porto, a uns 700 metros en dirección a Vila do Conde e nela o peculiar faro testeiro da igrexa e un panel conmemorativo a este evento.

... e lembrade que chegaron a Bueu...



[1] A maior deuse na rexión de Matosinhos/Leixões, o 2 de decembro de 1947, onde houbo un grande temporal que colleu á flota de traíñas no mar e afundiu algunhas delas, perecendo 152 mariñeiros. Número grande pero alonxado aos 322 náufragos na galerna que no Cantábrico se deu no “Sábado de Gloria” do 1878.

[3] Sinalar que o xornal A Independencia de Póvoa de Varzim do 6-3-1892 informa como poboación de acollida Vilagarcía de Arousa e ata nomea ao patrón Juan Praga. Esta noticia fixo que nos actos de conmemoración do centenario da evocación da traxedia estivesen unidas Póvoa de Varzim e Vilagarcía de Arousa. Incompresiblemente non houbo, que eu saiba, referencia alguhna aos pobos receptores mencionados nos xornais españois e portugueses. Curioso que se poña, no folleto anunciador da homenaxe, a portada (e non o texto) da revista ilustrada portuguesa “Occidente” que cubriu monográficamente a noticia e non cita para nada a Vilagarcía (nin Vilanova), e sí ás demáis, Bueu, Vigo, A Garda e Baiona.