Nestes tempos de confinamento moitos botan de menos un paseo polas vilas da irmá Portugal. Dende aquí, un saúdo e os mellores desexos aos amigos portugueses.
Certo é que estes días, de finais de febreiro, véñenme a memoria os preciosos azulexos de Póvoa de Varzim nos que algunhas das composicións reflicten o que sería a segunda das maiores traxedias da pesca no mar do litoral portugués[1]. E Bueu, porto mariñeiro agochado nunha ría, que está lonxe do cotiá das embarcacións de baixura portuguesa, unhas 68 millas náuticas, que ten que ver con esta desgraza? Pois moito, e na súa mellor carta de presentación, como porto de acollida. Pero non adiantemos acontecementos, e fagamos un pequeno resumo do acontecido...Fixo antonte 192 anos, o 27 de febreiro de 1892 “ficará dolorosamente assignada para as populações marítimas da Povoa de Varzim e da Affurada, pela horrorosa hecatombe que se deu em resultado da tempestade que se desencadeou n’aquelle día e que causou a morte a dezenas de pescadores, que tinham ido procurar na labutação do mar, o sustento dos seus”[2]
A descricións na prensa escrita desta terrible traxedia están cargadas de palabras de prantos, salaios, queixumes e de moita dor reflexo do vivido por aqueles días nas praias desta costa portuguesa lugares dende onde se podía observar a desesperación das tripulacións por chegar a lugar seguro e aos que o mar ía engulindo. “A desolação é indescriptivel. Aos rugidos do temporal ouvem-se os gritos afflictivos das mulheres que se reuniram na praia... [...] Dos quarenta barcos que sahiram da Póvoa e dos seis que partiram da Affurada” naufragaron nove cun total de 105 tripulantes afogados (“mais 3 em resultado dos ferimentos que receberam”). O resto das embarcacións arribaron cara a distintos portos portugueses (Vila do Conde, Leixões, Viana e Esposende) ou galegos como Vigo (3), Baiona (4), A Garda (1) e BUEU (5). Como poden ler “chegaron a BUEU” 5 embarcacións (6, di algunha revistas portuguesas da época)[3].
Tal e como lemos no diario de Lugo, El regional que á súa vez recolle do Diario de Pontevedra dando o nome de cinco patróns dos barcos portugueses (“Juan Praga, Joaquin Mitra, Juan Lima, Manuel Mayo Nobo y Manuel Reigosa”) e indicando que o número de tripulantes eran 111.
Como non podía ser doutro xeito
todos foron aloxados e coidados polos nosos veciños, logo telegrafiaron ás súas
familias e ao cónsul portugués en Vigo. Cando mellorou o tempo puideron regresar ao seu país e o
fixeron por terra. E que pasou coas embarcacións? Segundo recolle o Diario
de Avisos de la Coruña veu un remolcador portugués ata Vigo para recollelas
e trasladalas ata Póvoa de Varzim.
Nota:
Cando pasedes pola vila de Póvoa de Varzim acercádevos á entrada do Porto de
mar (fronte ao Casino) a contemplar o mural de azulexos e buscade os que se
refiren a esta traxedia pero tamén podedes mirar a igrexa de Nossa Senhora
da Lapa que está, fronte ao mesmo porto, a uns 700 metros en dirección a
Vila do Conde e nela o peculiar faro testeiro da igrexa e un panel
conmemorativo a este evento.
... e lembrade que chegaron a Bueu...
[1]
A maior deuse na rexión de Matosinhos/Leixões, o 2 de decembro de 1947, onde houbo un
grande temporal que colleu á flota de traíñas no mar e afundiu algunhas delas, perecendo
152 mariñeiros. Número grande pero alonxado aos 322 náufragos na galerna que no
Cantábrico se deu no “Sábado de Gloria” do 1878.
[2] Revista «Occidente» volume XV-1892-Lisboa:
http://hemerotecadigital.cm-lisboa.pt/OBRAS/Ocidente/1892/N476/N476_master/N476.pdf
[3]
Sinalar que o xornal A Independencia
de Póvoa de Varzim do 6-3-1892 informa como poboación de acollida Vilagarcía de
Arousa e ata nomea ao patrón Juan Praga. Esta noticia fixo que nos actos de
conmemoración do centenario da evocación da traxedia estivesen unidas Póvoa de
Varzim e Vilagarcía de Arousa. Incompresiblemente non houbo, que eu saiba, referencia
alguhna aos pobos receptores mencionados nos xornais españois e portugueses.
Curioso que se poña, no folleto anunciador da homenaxe, a portada (e non o
texto) da revista ilustrada portuguesa “Occidente” que cubriu monográficamente
a noticia e non cita para nada a Vilagarcía (nin Vilanova), e sí ás demáis,
Bueu, Vigo, A Garda e Baiona.
Ningún comentario:
Publicar un comentario