08/11/23

 Relacionar Bueu coas anguías soamente ocorreríaselle aos rapaces da Banda do Río ou da Praia que apañaban nelas onde desaugaba o caño da fábrica de Massó (con refugallos do peixe) ou no río Bispo, principalmente na desembocadura (pois tamén chegaban sangue e vísceras do matadoiro que había detrás da Bicha e do Hostal Estévez, hoxe hotel Incamar).

Pero Bueu e as anguías teñen outra relación que rescato grazas a amigos como Miguel Loira e José Casaleiro:

Alá, a mediados dos anos sesenta do século pasado, chega un holandés a Bueu cunha maleta cargada de documentos e ideas para dedicarse á pesca da anguía. A primeira dificultade que se atopa é onde deixar gardados, de forma segura, os documentos. Coñece a Manuel Loira García, persoa que lle permite gardalo na súa casa e aos que pode acceder cando os precisa. A amizade entre ambos fixo que o ‘Holandés’, pois así o coñecían,  lle ofrecera participar no negocio que o trouxera por estas latitudes: a pesca da anguía ou eiroa. Manuel Loira e á súa muller Josefa González xa bastante tiñan con atender ao seu barco e negocio do polbo, polo que rexeitaron a oferta.

Co tempo o ’Holandés’ atopou un socio inversor, José Casaleiro Domínguez, dos “Guerra” de Beluso.

Xa en compañía trouxeron un barco de Holanda que se chamaba “Bernardo”[1].

Logo dun tempo de preparación no porto de Bueu, foi definitivamente despachado na comandancia de Vigo para a pesca da anguía (eiroa) no esteiro e na parte baixa do Miño[2]. 

O método de pesca utilizado eran a arte das nasas[3].

Nasa da anguía coa 'moleira' ou pedra de lastre

O destino da anguía e das angulas era a exportación cara os Países Baixos, grandes consumidores deste produto.

O que prometía seu unha revolución no negocio da pesca artesanal de río quedou practicamente nun intento frustrado. Pois só houbo unha marea de pesca do buque 'Bernardo' en augas do Miño.

O motivo foi que os seus armadores no accederon á chantaxe dun militar portugués que quería participar das ganancias coa promesa de facilitar a pesca. Este, en represalia e no que foi considerado un acto de piratería, mandou queimarlles as nasas.

Ante ese panorama hostil e belixerante abandonaron o caladoiro para sempre xa que o próximo en arder podería ser o barco...

O ‘Bernardo’ pasou logo a traballar como remolcador en Vigo. Nel traballaron algúns veciños de Bueu e Beluso como, durante un tempo, o fixera Gaspar Barros.

Logo marchou para Vilagarcia, onde traballou como remolcador dunha barcaza-draga que estaba a limpar os fondos da ría de Arousa.

Aí xa lle perdemos a pista ao ‘Bernardo’....



[1] Na honra de Bernardo de Lippe-Biesterfeld (1911-2004) que era príncipe consorte dos Países Baixos tras o seu matrimonio coa reina Juliana.

[2] O Miño era e é unha das zonas máis importantes de anguía de España.

[3] Fundamentalmente de vimbios pero tamén as hai de rede, láminas de madeira etc.