Relacionar Bueu coas anguías soamente ocorreríaselle aos rapaces da Banda do Río ou da Praia que apañaban nelas onde desaugaba o caño da fábrica de Massó (con refugallos do peixe) ou no río Bispo, principalmente na desembocadura (pois tamén chegaban sangue e vísceras do matadoiro que había detrás da Bicha e do Hostal Estévez, hoxe hotel Incamar).
Pero Bueu e as anguías teñen outra relación que rescato
grazas a amigos como Miguel Loira e José Casaleiro:
Alá, a mediados dos anos sesenta do século pasado, chega
un holandés a Bueu cunha maleta cargada de documentos e ideas para dedicarse á
pesca da anguía. A primeira dificultade que se atopa é onde deixar gardados, de
forma segura, os documentos. Coñece a Manuel Loira García, persoa que lle
permite gardalo na súa casa e aos que pode acceder cando os precisa. A amizade
entre ambos fixo que o ‘Holandés’, pois así o coñecían, lle ofrecera participar no negocio que o
trouxera por estas latitudes: a pesca da anguía ou eiroa. Manuel Loira e á súa
muller Josefa González xa bastante tiñan con atender ao seu barco e negocio do
polbo, polo que rexeitaron a oferta.
Co tempo o ’Holandés’ atopou un socio inversor, José
Casaleiro Domínguez, dos “Guerra” de Beluso.
Xa en compañía trouxeron un barco de Holanda que se
chamaba “Bernardo”[1].
Logo dun tempo de preparación no porto de Bueu, foi
definitivamente despachado na comandancia de Vigo para a pesca da anguía
(eiroa) no esteiro e na parte baixa do Miño[2].
O método de pesca utilizado eran a arte das nasas[3].
Nasa da anguía coa 'moleira' ou pedra de lastre |
O que prometía seu unha revolución no negocio da pesca
artesanal de río quedou practicamente nun intento frustrado. Pois só houbo unha
marea de pesca do buque 'Bernardo' en augas do Miño.
O motivo foi que os seus armadores no accederon á
chantaxe dun militar portugués que quería participar das ganancias coa promesa
de facilitar a pesca. Este, en represalia e no que foi considerado un acto de
piratería, mandou queimarlles as nasas.
Ante ese panorama hostil e belixerante abandonaron o
caladoiro para sempre xa que o próximo en arder podería ser o barco...
O ‘Bernardo’ pasou logo a traballar como remolcador en
Vigo. Nel traballaron algúns veciños de Bueu e Beluso como, durante un tempo, o
fixera Gaspar Barros.
Logo marchou para Vilagarcia, onde traballou como
remolcador dunha barcaza-draga que estaba a limpar os fondos da ría de Arousa.
Aí xa lle perdemos a pista ao ‘Bernardo’....
[1] Na honra de
[2] O Miño era e é unha
das zonas máis importantes de anguía de España.
[3] Fundamentalmente de
vimbios pero tamén as hai de rede, láminas de madeira etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario