09/10/23

 Vou tratar de explicar[1] o que ao longo dos anos as xentes de Bueu entendían cando falaban do Desencravo.

Para os nosos mariñeiros o Desencravo non era falar da Semana Santa, da dor da Pasión, dun Cristo articulado ao que se baixaba da cruz como en moitas vilas galegas[2] e do centro e sur de España, onde o veneran e procesionan por esas datas.

Para os mariñeiros de Bueu O Desencravo  era unha celebración anual que comezaba na tarde-noite do día 1 de febreiro de cada ano e duraba case toda a noite. Costume antiga motivada polo comezo da veda e peche da colleita da pesca da sardiña.

O Desencravo é unha metáfora da separación por un tempo dos compañeiros que compartiron traballo no barco, pero tamén de reconstrución de esperanzas  futuras de novos e mellores tempos.

Consistía nun compartir caldeirada e viño nas tabernas como as de Claudio Agulla,  Alejandro López, Miguel Nogueira, Ruperto Rajoy, Antonio Domínguez... ou no dicir do xornalista: do Capelán, do Rabuxo, da Mundina ou a de A Lera.



[1] No 1903 o correspondente en Bueu, L.D., do xornal La correspondencia Gallega tamén o citaba entre outras noticias (1-2-1903 páx. 2).

[2] Lembro o asombro, dun neno que era, de ver cravar e desencravar un Cristo na capela da Encarnación de Celanova que logo baixaban a San Rosendo.