O meu confidente, agora vai
camiño dos 90 anos, está a falarme das actividades que realizaba nos seus
tempos mozos. Sen pretendelo, mesturáronse anécdotas e vivencias co que se oía ou
dicían caladamente. Algunhas coñecidas outras non tanto, pero sempre
sorprendentes e de abraio impregnado coa dor.
Non fai falta explicación a estas expresións ou frases que cito coa maior precisión posible:
- Os da Banda do Río eran comunistas. Pasaban polo concello e levaban unha tunda. Ao pai de Adolfo G..., grazas a Cerviño non lla deron.
- Pedro da Ri... levaba unha pel de ovella por embaixo e cando lle pegaban ríase. Cando se deron conta déronlle unha malleira de verdade. Levárono nunha padiola.
- A muller de Co... dicía : “cada ‘rojo que mata mi marido, comemos un pollo”.
- Meu pai e o Méndez que andaban ao bou, cando ían ao mar ás dúas da mañá moitas veces escondíanse debaixo dunha gamela esperando a que marchara a Funeraria[1] Os colgaban pola boca e tirábanos ao mar.
- Unha vez, Narciso Barreiro “O Borralleiro”, fillo de Chuco, irmán da avoa de Berto, estando traballando ao ‘molinete’ colleu un cambo de homes...
- Á avoa de Berto, cortáronlle o pelo...
Todo iso lembroulle a fame que pasara naqueles anos e para mitigala entre outras cousas:
- Comíamos lagarto arnao (arnal); cun anzol o pescabamos e lle sacabamos a tripa e pel. Logo o asabamos nunha fogueira como os indios.
- Íamos a unha veiga a coller espigas novas. Como a de Sra Antonia da Nogueira, que tiña o millo aínda novo, con leite. Sacabámoslle a espiga e comiámola e caía o leite pola goxa abaixo (púñaselle a cara de felicidade con só pensalo).
- Na de Pimentel (Pazo Stº Cruz) .... collíamos amarotes (amorodos).
[1] Nome que coloquialmente lle puxeron ao barco onde trasladaban a xente asasinada para tiralos ao fondo do mar e facelos desaparecer.