11/03/21

Día internacional da muller. Cousas polas que loitar...

 Comezarei a entrada de hoxe por considerar os feitos que nela poño cos cualificativos máis negativos e reprobacións máis enérxicas, como algo ferinte á condición humana. E senón lean e xulguen vostedes mesmos: 

16 de novembro de 1934: Un tal Manuel.........., mariñeiro de 50 anos, compadece ante o 1º tenente de alcalde, en funcións de alcalde, Luís Jesús Prieto García, asistido do Secretario Municipal, para manifestarlle que a súa muller .................... “marcháralle” da casa conxugal a casa dunha familiar no barrio das Castiñáns. Que fora “na súa busca negándoselle a seguilo ao domicilio conxugal.

Como queira que non ten medios para obrigala a cumprir seus deberes como tal muller casada, senón as que autorizan as leis, interesa da Autoridade municipal dispoña que polos axentes a súas ordes ou Garda Civil sexa retida e se me entregue.

O alcalde en funcións resposta o mesmo día que como non ten gardas municipais oficioulle ao comandante do posto da Garda Civil para que practique o servizo.

Dous días despois, logo de ser entregada pola garda civil, o mesmo alcalde fixo entrega da esposa ao reclamante Manuel........ Este faise cargo dela e asina co alcalde a entrega.

Nota: Quixera que tiveran en consideración que ocorre o narrado en novembro do 1934 cando se levaba, na política española, case un ano no período coñecido por Bienio Negro ou Conservador da 2ª República. Simplificando, dicir que nestas datas chegaran ao poder o parido de Alejandro Lerroux (apoiado, entre outros, pola CEDA e Partido agrario -integrado por propietarios expropiados) polo que supuxo un freo, cando non un retroceso, para a todos os cambios que ían emanando da Constitución, que España se dera no 1º período da 2ª República, coñecido como Reformista. Nela atopábanse innovacións que nos achegaban á Europa máis avanzada: como a división de poderes, separación igrexa-estado, liberdades individuais (de conciencia, prensa, movementos, etc.),... e dos que emanaron leis como a Lei de divorcio,... e Reformas como a agraria, relixiosa, etc. 




Ningún comentario: