05/07/18


Dende os anos vinte do século pasado o santoral bueués ten un santo máis. Coñecido por todos os seus devotos como San Vir-Elas. Ata a eliminación do local do “Círculo Náutico de Bueu” presidiu unha das súas paredes nun cadro que se lle atribúe ao eximio debuxante Federico Ribas. O cadro pintado con técnica de tinta e grafito sobre papel de 60 x 43 cm, actualmente nos depósitos do Museo Massó de Bueu.
Fai anos o poeta Luís Ríos Dopazo escribiu sobre a orixe de San Vir-Elas e ese documento é o que lles transcribo a continuación para que aquel que non o coñeza decida poñelo ou non na súa lista ou santoral particular:
Copia cedida por Manuel Aldao
"Hoxe en día aínda podamos dicir que, sen matinar niso, sae para fora de nós unha devoción para pór diante das bruxas e os trasnos, vagarosos por camiños e encrucilladas, velas e candis para facerlle dar viravolta. Por elo, coido que a miña historia é auténtico enxebrismo galego anque mesturada e chea de paganismo celta.

Isto aconteceu cando nunha partida de dominó hai un dos xogadores que non lle vai na boa e a carón del está un home como Federico Ribas. Este nacera en Vigo no 26 de novembro de 1890 e tiña sona de ser home moi culto e de moita resonancia pois no seu tempo salientaba como debuxante tanto nas Américas como en España. En Francia chegou a ser director artístico da revista parisina “Mundial”; traballou en “Elegancia” e tamén colaborou na “Le Rire”, asínesmo que noutras editoriais.

Pois ben, este Federico Ribas pasaba os veráns en Bueu xa que era meirande compañeiro do señor Gaspar Massó. O Federico despois de terminar de comer acompañaba ó señor Gaspar ao Casino a tomar café e presenciar a partida de dominó. Era o Ribas un espectador atentiño, oíndo e matinando sobre o que dicían os uns e os outros entorno do xogo.

Un día sucedeu unha cousa extraordinaria, que motiva o que hoxe eu poida facela historia que estades e ler. Todo sucedeu así, e diso, humildemente, damos testemuña para a historia

Un dos xogadores, Barreiro o da Bomba, pois por tal era coñecido no pobo xa que usaba dito instrumento para despachar gasolina, cadrou que tiña mala sorte no xogo -”non lle ían” -; sempre lavaba malas fichas, aforcábano os dobres, e o bo do home, cando alguén lle dicía:

- “ Moi mala sorte tés, Barreiro”.

El sempre respondía:

- “ San vir elas”.

A cousa estaba feita. O xenio creativo do Ribas, que escoitaba calado, fixo e encargouse do resto. Un día chegou ao Casino cun debuxo que podedes ollar aquí a beira. Eu ata coido que semella un pouco ó señor Barreiro. O debuxo representa o “San Vir-Elas”. O “santo” amais da coroa ten uns guedellos e barbas fenicias, na man esquerda un tazo de café fumegando e na dereita un caxato de peregrino onde prende a soga que aforca o malpocado seis dobre, ingrato e desagradecido ser das partidas de dominó, de estraña cachola, ollos pechos e brazos de pito morto.

Como todo “santo” que se respecta ten a cintura de corda e nun extremo cólgalle e pende unha cabeza de allo, remedio probado encontra das bruxas.

Noutro lado ten un chaveiro onde pende un aviso da meirande importancia prós devotos: ”Pechade sen preguntar”. Primeira orde do “San Vir-Elas”, coido eu, a todos os xogadores de dominó e que pescudan aforcar o seis dobre. Non podían faltarlle ó noso santo “un par de anxos volvoreteiros e a serpente pecaminosa”.

Cando o “San Vir-Elas” estivo entronizado no Casino axiña os devotos do pobo encomezaron a traerlle ofrendas para que lles dera sorte no xogo. Uns era un tomate, outros unha cebola, mais sempre eran os mellores produtos da eira pois o retranqueiro “San Vir-Elas” non se deixaba amadurar por cousa ruín.

Asegundo os mais eruditos investigadores do “santo”, o primeiro milagre seu pasoulle o compañeiro Américo, bo home e mellor “peixe”. O Américo é bo católico; vai a misa e confesa, como todo católico, unha vez por ano si non hai perigo de morte, que nese caso faino cantas veces faga falta.

Un día asegundo el me contou, estando solteiro, acompañando a súa moza a casa ollou un limoeiro extraordinario, propiedade da nai da rapaza, cuns limóns de moito nabizo. Xogando coa sorte, roubou un limón e levoullo o “San Vir-Elas”. Ofrecer o limón e ter sorte no xogo foi todo un. El non cree nas bruxas pero ese día xogando o xulepe foi a primeira vez da vida en que gañara tanto carto. E din que berrou:

-”San Vir-Elas, eu non creo nas bruxas, mais desde este intre en ti fago confianza”.

Foi pasando o tempo e a devoción o “San Vir-Elas” foi esmorecendo. O santiño ollaba saír e entrar a xente no Casino, mais ninguén rogaba unha caridade. Eran tempos de apandar ata para os santos, pero o “San Vir-Elas” sabe agardar. En efecto, un bo día unha pandilla ollando ó “santo” cheo de teas de araña decidiron limparlle o polvo e o barro; deixárono novo do trinque. Logo, propuxeron de común acordo facer algo por el.

Respectar a tradición? Organizar algunha cousa nova? Venceron os innovadores, os de esperanza no futuro; había que sacar o “San Vir-Elas” a asollar un pouco, pois xa facía moito tempo que non vira o sol o probe do santo. Cousa feita. A semana seguinte da festa de Santiago no monte Hermelo, fixeron os seus devotos unha festa campestre acolá enriba con todo boato necesario. Ben, non pensedes mal. Non houbo misa, pois os santos enxebres non están canonizados. Sen embargo, a romaría foi de moito pistón. Tocaron os gaiteiros do Axuntamento, houbo sardiñas e costelas de porco asadas con vides de viña e carolos de millo, como nos tempos vellos. Todo foi mesturado co bo viño de Cela e daba xenio ollar a todo o mundo brincando ó son das muiñeiras e a xente ruxía e ruxía ata o ceo como diría Castroviejo.

Desde aquela, o “San Vir-Elas” ten a súa festa na primeira semana de agosto. Eu agardo o día no que o “San Vir-Elas”, aínda que sexa quedando fora da porta de Igrexa, teña a súa misa malia o seu enxebrismo, e a quen o pobo llo deu o Señor o bendiga.

Feito polo devoto do “San Vir-Elas”

LUIS RIOS DOPAZO

23/06/18


Galicia, e Vigo como referente, dende o mes de xaneiro ata este mes está a homenaxear ao intrépido mariño Blas de Lezo (1689-1741). O fixo no seu momento coa exposición na Casa de América co título «Blas de Lezo y la Guerra del Asiento»[1] que xa fora inaugurada polo Rei Felipe VI en Cartaxena de Indias no 2016 e que ao longo deste ano segue a percorrer España.
Na lembranza deste ilustre mariño púxoselle o seu nome a un cruceiro lixeiro[2] (1925 a 1932) que acabaría afundíndose nunhas manobras navais a cinco millas da costa de Fisterra e, por sorte, salvándose toda a tripulación.
Será neste cruceiro no que un 4 de maio de 1926, cando estaba en reparación no porto de Ferrol, a desgraza estivo a piques de segar a vida de dous mariñeiros do buque que caeran ao compartimento do dique[3] de proa de non ser pola afortunada intervención de bueués José Estévez Ferradás.
Por esas datas, José Estévez, de 1926 estaba en Ferrol rematando o ano de prácticas como Técnico Auxiliar da Armada[4]. Por mor da súa valentía outorgóuselle ao ano seguinte a Cruz de prata ao Mérito Naval con distintivo branco pensionada con 25 pesetas mensuais.
Todo un heroe! De Beluso…



Outros datos do segundo Condestable[5] José Estévez Ferradás:
Naceu en Bon, parroquia de Beluso.
A primeiros de decembro de 1932 sendo Auxiliar 2º foi trasbordado da cañoneira ‘Dato’ ao buque de transporte ‘Contramaestre Casado’.
No mes de abril de 1934 aparece na publicación ferrolá da Armada =Memorial Técnico del Auxiliar de la Armada” un artigo seu titulado «Distancias y estadías». En xuño deste mesmo ano é destinado coma Auxiliar 2º á Escola Janer de Marín.
No 1937 era Auxiliar 1º de Artillería.


[1] Exposición que estivo aberta en Vigo do 25 de xaneiro ata o 16 de marzo. Neste mes de xuño estamos a mirar polas rúas de Vigo exhibicións de duelos de espadas do s. XVIII na honra de Blas de Lezo.
[2] Dende decembro do 2004 a Armada Española ten unha fragata (F-103) que leva o nome de Blas de Lezo.
[3] Obra de construción que permite poñer os barcos en seco para reparalos, pintalos etc.
[4] Remataría o 1-6-1926
[5] Suboficial na artillaría de mariña.

02/06/18

A raíz dos distintos cambios no trazado da procesión de Corpus en Bueu ocorridos nos últimos anos e que se viviron con disparidade nas opinións dos veciños quero mostrar que noutras épocas isto era ‘normal’ e adoitaba poñerse a última decisión na alcaldía. Como exemplo a ‘petición’ do cura párroco de Bueu en 1931, Ángel Rama Lestón que o facía nos seguintes termos:
Téndose que se celebrar por disposición popular a festividade do Santísimo Sacramento nesta vila do S. Martiño de Bueu, vinte un da corrente, o párroco da mesma, que ten a honra de subscribir, compracese en poñelo en coñecemento de V. por se reserva algún motivo de orde público que aconselle algunha variante na tradicional procesión relixiosa subseguinte aos outros actos interinos do culto; así como tamén respecto ás horas e lugar do concerto vespertino que a banda de música amenizadora da festa indicada ten, segundo me din, costume de executar en dito día, para solaz do noso culto e católico pobo.
Reiterando a V. e ao Concello que tan acertada e prudentemente preside meu humilde, pero leal cooperación, haberei de agradecerlle no nome da Comisión de festexos, e acatar miñas reservas o que teña a ben resolver acerca dos mencionados extremos.
S. Martín de Bueu, 16 de xuño 1931
Angel Rama Lestón.”

31/05/18

Na parroquia de Beluso, ao igual que noutros moitas vila da España, constituíuse (novembro de 1937), dependentes da organización de Pontevedra, o movemento asociativo chamado “Mujeres al servicio de España” cuxa principal misión era de confeccionar ou coser prendas, pero tamén servían de canles de donativos, en cartos ou en material téxtil: mantas, calcetíns, panos, etc., para as tropas do exército de Franco.
A agrupación de Beluso da conta ao alcalde de Bueu da súa fundación e para pedirlle a este un local para exercer a súa actividade. Para iso propoñen a escola de nenos da Ruanova, por estar baleira, e un caixón con cadeado para mandar a roupa á sede de Pontevedra e fano co seguinte oficio:

01/05/18

Dende hai moitísimas décadas reivindicouse a presenza médica permanente na illa de Ons. Mais agora, nos últimos meses, vólvese a falar diso na prensa, nos despachos dos distintos organismos oficiais e nas persoas e Asociacións relacionadas coa illa.
Estes últimos de forma expresa, senón que llo pregunten a Celestino Pardellas, están a solicitar polo menos dúas cousas relacionadas con isto:   
·         Que no PRUX (Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia) queden claras as competencias de cada organismo na Illa de Ons.
·         E que nas Illas de Cíes e Ons haxa xa a partires deste verán un Servizo Permanente de Primeiros Auxilios. 
Quixera ao respecto lembrar o papel dos mestres-sanitaros para o que recomendaría ler de novo o artigo: “Ons, o meu paraíso de onte (VI) ¿Mestre ou sanitario?” do mestre  Julio Santos Pena aparecido na revista Aunios nº 7.[1]
Máis nesta entrada quero aportar a información da solicitude en 1947, por parte da Rexedora Provincial de Divulgación da Sección Feminina, dun Botiquín para que a mestra da Illa de Ons puidera atender as urxencias facendo curas, poñendo inxeccións, etc.  
O curioso é que nestas datas non era o Xefe de Sanidade o que tiña que autorizalo senón que era o Gobernador Civil, a proposta dos concellos.
A continuación póñolles o oficio de solicitude deste trámite, ao alcalde de Bueu:




[1] Aunios nº 7 páx. 64-66 á que podedes acceder directamente neste enlace https://bit.ly/2JItBtK