01/06/21

Fábrica de chocolate en Bueu

 Fai un tempo, no Facebook o Sr. Joaquín Pimentel Lalinde escribía as súas impresións sobre a casa “Matilde Bares”, vivenda que fora tamén da súa familia. Na descrición que dela facía engadiulle: “El patio exterior a la izquierda lindaba con las ruinas de una antigua fábrica de chocolates (allí había maquinaria oxidada y todo abandonado). Si claro, en los años 20 en Bueu teníamos una famosa Fábrica de Chocolates”.

Como é normal nestes casos a moita xente lle estrañou, pois nunca ouvira falar de tal fábrica. Algúns me preguntaban, e lles respondía co pouco que sabía, e xa que aínda de cando en vez me seguen a preguntar vou mencionar algunhas cousas relacionadas con ela e co empresario que a puxo.

Ata onde sabemos no ano 1896 xa estaba afincado en Bueu un reloxeiro santiagués, chamado Juan González Raíces, que casara cunha rapaza de Santa Mª de Cobres-Vilaboa.

A mediados de febreiro de 1897 tiveron o seu primeiro fillo nado en Bueu (Juan Edmundo) e en anos sucesivos nacéronlles aquí catro máis  (Mª Rosa -1899-, Juan Miguel -1901-, José Ramón -1903- e María -1908-).

Juan González Raíces era un emprendedor nato. Á parte de montar unha reloxaría, que era o seu oficio, primeiro en aluguer no barrio da Praia e logo, 1903, na rúa do Príncipe. Nos dous lugares dou en explorar o mundo do chocolate, moi demandado na época. Para iso na traseira da reloxaría instalou unha serie de máquinas que lle permitirían desde triturar e tostar cacao ata completar o proceso da confección de chocolate.

Como o negocio ía moi ben mercou un solar pegado á casa en construción da mestra Matilde Bares e solicita autorización, 1906, para construír unha casa no mesmo. Nela instala no baixo, preto da rúa, a reloxaría e na parte de atrás a fábrica de chocolate.

A época máis puxante da Chocolatería sería o primeiro decenio do s. XX e a partires de 1913, co falecemento da súa muller, foi pouco a pouco abandonado esta actividade e centrándose na reloxaría e na procura dos seus fillos: Primitiva, Isolina, Rosa, Juan, José Ramón e María.

 "El Adelanto" 1912-1913

"El Adelanto" 1912-1913

Nesa mesmas datas a súa proxección pública ven da man dos seus amigos como o director do xornal local «El Adelanto», Ricardo Portela Pazos, e o amplo equipo de redacción Claudiano García, Cesáreo Ferradas, Rogelio Val, Jesús Domínguez, Luis Bolibar, Ignacio Lis, Amancio de la Cueva, José García e Ventura García. Non é raro atopalo mencionado nas páxinas do xornal en pugnas co mestre Manuel Sotelo Rey, ou a reloxaría como lugar onde contemplar os regalos que o xornal sorteaba entre os subscritores ou anunciando a Reloxaría e a Chocolatería.

 

Nota: Quero aclarar, para algunhas persoas que así mo demandan, que a pesar de coincidir o primeiro apelido e ter as vivendas na mesma zona non se deben confundir as actividades do reloxeiro/chocolateiro Juan González coas da panadaría Alfredo González. Este último de Marín que casou en 1943 con Segunda, filla dun panadeiro de Celanova, afincado en Bueu, chamado Camilo Fernández. Os establecementos eran coñecidos como “A do relojero” ou “A de Rosita a Relojera” o de Juan González (tamén foi de Eugenio Piñeiro Carballo, Julio Rodríguez Portela, etc.) localizado á esquerda da de “Matilde Bares”. E, un pouco máis abaixo, a de Camilo González, logo “Panadaría de Alfredo” ou “Bar Codia” (do que todos gaban os famosos cacahuetes que no seu forno se torraban).

Ningún comentario: