04/03/23

Ons. Serían capadores?

Os tempos políticos a mediados do século XIX estaban a pasar momentos convulsos onde, aos problemas sucesorios (sobre todo cos sectores carlistas) sumábanselle o enfrontamento por manter ou non o Antigo Réxime e as loitas entre os partidos dominantes que deron pé a novas formacións, como foi o Partido Progresista Demócrata[1].

Todos vían inimigos en todas partes. Os mandados, por parte dos Xefes Políticos, de extremar a vixilancia nas distintas demarcacións eran constantes.

Arquivo M.Bueu-Correspondencia Ca. 135/1
Por partir dun exemplo, o alcalde de Bueu recibe un oficio con esa fin do Xefe Político da

Provincia, 16 de novembro de 1849, ao que resposta co seguinte texto: “para que se exerza activa vixilancia nos puntos da costa pr se a elas arribasen o buque de vapor el Henriette, e o Bergantín Goleta ambos pintados de negro qe conducen equipaxes pa algúns miles de homes; de cuxas disposiciós pra impedir o seu desembarco quedo decatado e redobro a vixilancia nos puntos do meu distrito...”

Con este tipo de teimas, dáse unha rocambolesca situación na que o alcalde, o 8 de marzo seguinte, escribe ao Xefe Político:

Arquivo M.Bueu-Correspondencia Ca. 135/1
Habendo tido pr noticia qe no día de onte pasaran á Illa de Ons dous homes descoñecidos e de carácter sospeitoso, e ignorando o obxecto qe a aquel punto podían levar, mandei inmediatamte varios homes veciños nunha lancha pa qe auxiliándose do mordomo e máis indo restes naquela Illa se apoderasen das persoas dos primeiros, e mos presentasen  cal en efecto así cumprido na noite de hoxe noto qe cada un deles me presenta un pase, os mesmos qe con as súas persoas remito a V. pr ser máis distancia qe as oito legs do punto de onde sonan residtes; e ademais parecen algo inverosímil de qe pasaron a aquela Illa co só obxecto segundo din, de exercitar o seu oficio de Capadores; con obxecto sen embargo de qe aclarados estes inconvtes dispoña V.. o qe vexa oportuno.

A dubida que algúns teñen é se os pobres capadores ían armados cunha navalla a dar un golpe de estado tomando a Illa como refén ou simplemente a traballar no seu oficio. Porque o de capar a alguén na Illa de Ons nin se contempla, sería suicida...

De asasinatos, de e por capadores, tamén temos en Bueu, pero será outra historia.


[1] Escisión do Partido Progresista que solicitaba ir moito máis aló nos dereitos e liberdades cidadás, ampliación das medidas de desamortización, sufraxio universal etc.

Ningún comentario: