27/12/25

As tres capelas dos Santos Reis (2ª parte)

(A que puido ser, a que foi e a que hai...) 

(Continuación) 

Deste relato e dos que seguen compre facer algún comentario, puntualización ou mesmo contestar a algunhas preguntas como:

Cal era a súa relación/dependencia con Fernando de la Rúa? Para responder a isto habería que botar man da psicoloxía e logo especular cunha morea de factores que se intúen na biografía de Fernando de la Rúa, como o carácter dominante, ambición de posuír etc. Para ser máis precisos remitireime á documentación anterior á manexada ate agora, como pode ser unha actuación ante notario[1] en 1680 na que Melchor de Mondragón urxe a Fernando de la Rúa a buscar mestres, carpinteiro e canteiro, presupostar e contratar con eles as obras da “casa vella dos curas” de Coiro (reitoral). Fíxose todo ante o escribán Juan Fernández: Exhorto, presentación dos mestres de obras, presuposto e contratación da obra e case todo da man de Fernando de la Rúa...

... a quien biene cometido pa que cumpla con su honor llamando para la abaliaon que se manda, pedreros, carpinteros para qe la miren, midan y tacen su valor estimaon an si de piedra como de madera sumándole pa ello juramto que hizo por su mo dho Comissario dixo que lo obedece…”6.


Para comprender un pouco todo isto lembremos que Fernando de la Rúa era non só cura abade da parroquia veciña senón tamén persoa poderosa e temida, con status elevado, con moitas posesións nas Rías Baixas (o que tamén pode traducirse en intereses). E no caso concreto do lugar de Coiro que nos atinxe posuía pazos (Leirachán e A Retirosa), granxas e casas coas correspondentes terras de cultivo e monte. Pero o que mellor nos aclara e xustifica o papel de De la Rúa é que era o posuidor da sexta parte do beneficio curado da parroquia de Melchor de Mondragón.

E agora quizais sexa o momento de preguntarse, construíron ou non a capela dedicada aos Santos Reis no lugar das Besadas ou Abesadas? A resposta é que neses termos non. Mais habería que matizar algunha cousa... a capela acabou facéndose con fundación en abril de 1704[2], no lugar “da Sobreportela da Magdalena” que coincide coa zona das Bessadas, polo escribán Diego Ramírez Montejano cando, xa viúvo, estaba a vivir cunha neta de Fernando de la Rúa[3], Bernarda de la Rúa Freire[4], coa que tivo de 1698 a 1703 catro fillas, e coa que casaría en 1706[5], pasando a ser señores da casa de Leirachán[6].

Sinalar que a capela a puxo Diego Ramírez Montejano baixo a advocación, non dos Stos Reis[7], senón dun grupo de santos/a:

“San Diego, de mi nombre, San Caetano, Santa Barbara, San Marco, San Guillermo abogado de la nieblas y truenos por los muchos que suceden en el contorno y ocasionan una gran perdida de frutos, por quien tengo particular debocion de fabricar, hacer y fundar una capilla de advocación de dhos santos...”[8]

Cada un tiña unha misa anual e, a partir de 1710, ao regular como sería o padroado entre os seus herdeiros e dándose certas circunstancias[9] aparece, por vez primeira con referencia a esa ermida, o nome de S. Cosme:

sean obligados anualmente mandar decir en la dha capilla otra misa rezada a onor del glorioso ssn dn Cosme cuya imagen se alla en dha capilla...8.


Co tempo, cumprindo as mandas do fundador, quedou no imaxinario popular como a capela de San Cosme, baixo a advocación dos irmáns Cosme e Damián.

Quixera desmentir un erro transmitido de boca en boca no cal se atribuía á capela do Stos Reis de Bueu e á da catedral de Colonia (Alemaña) a exclusividade[10] na advocación a ditos personaxes.

 Ante iso dicir que mesmo en España, son moitas as capelas e igrexas consagradas aos mesmos.

Citarei, a modo de exemplo, algunha:

Fanlo
Igrexas:

·        Na provincia de Huesca: no pobo de Javierrelate (Caldearenas), a de Fanlo (Barbastro), de Ara (Jaca), La Hoz de Jaca ...

·        En Castellón: a de Calstellnovo (fundada polos Borjas)...

·        Valencia: á da Praza da Constitución, a de Benissanó ...

Javierrelate
Capelas dentro de igrexas ou conventos:

·        En Burgos: Santo Domingo de Silos

·        La Orotava (Tenerife): No templo da parroquia da Orotava.

·        Madrid: Congregación das Bernardas...

E así poderíamos seguir con máis. Tamén por América, sobre todo en México: como Cajititlán (Tlajomulco de Zúñiga-Guadalajara), Tetela del Monte (Cuernavaca), Metztitlán (Hidalgo), Tupátaro..., ou en Perú como Andahuaylillas etc.

Logo que fai que a de Bueu sexa única? A parte da súa iconografía mariñeira, o seu deseñador, o seu pequeno tamaño é a súa dedicación exclusiva aos Reis Magos.

 

 Nota: Aproveito para felicitar e poñer en valor á Asociación Santos Reis pola potenciación da cultura e patrimonio no mantemento e arranxo da capela como da recuperación das dúas misas cantadas (6 de xaneiro e Ascensión), reparto da “parva” que na actualidade consiste en repartir gratuitamente roscón con chocolate quente, exposicións etc.



[1] Ante o escribán de Cangas, Juan (H) Fernández Rodríguez: “Dotaón y fundaón del abaz d. Melchor de Mondragón. Señor Provissor en sede Bacante” 1680. Folios 98-109

[2] Dotación e fundación no escribán Martín Castro o 7-4-1704 fol. 94-99vª e 8-7-1905 fol.45-46vª. A data que aparece no interior da capela é a de 1705.

[3] Este xa morrera en 1697.

[4] Filla natural recoñecida do capitán José Antonio de la Rúa Freire.

[5] A partires dese ano tivo tamén por fillos: Caetano; Manuel Antonio, Miguel, Francisca Antonia e Bernarda Francisca.

[6] Xa era da do Telleiro.

[7] Que xa había a de Fernando de la Rúa en Castrelo.

[8] Nombramiento de patrón y mejora… Escribán Francisco Pérez del Monte, xaneiro de 1710. Folio 8-9vª

[9] Circunstancias relacionadas co que o padroado tivese que pasar a algún dos fillos da 1ª muller.

[10] Consaciente ou non, nalgún momento eu tamén o fixen.

Ningún comentario: