01/11/15



A petición do Gobernador Civil (BOP de 9-1-1937) para que se informe dos monumentos, obxectos, bibliotecas, etc.  considerados como artísticos que foron derrubados despois da chegada da República (14-abril-1931).
Como resposta a esta dilixencia só se mencionou como de haber sido danado o Cruceiro de Castiñeiras (ou Morouzos). E en contestación ás preguntas do cuestionario danse as seguintes respostas:
1.      Chamase cruceiro de Castiñeiras por ser este o nome do monte onde se atopa. Dista do casco da vila uns seis quilómetros e está ao pe do camiño veciñal da Portela á Praia de Lago.
2.      Seu valor máis que artístico é sentimental, estando alumeado case constantemente con lámpadas de aceite levadas alí pola devoción. Ten a seguinte inscrición: “Esta obra mandó hacer a su costa el Capitán D. José de la Rúa –La O V.- al se  te  de  ció el día 14 septiembre 1700”.
3.      Foi derrubado en setembro de 1934 por medio de explosivos sen que puidera coñecerse o autor deste delito. Quedou esnaquizada a columna e con grandes estragos as efixies do Santo Cristo e a Dolorosa.
4.      O concello no adoptou pola súa parte medida algunha para a reconstrución.
5.      Acompáñanse 3 fotografías de como se atopa na actualidade.
6.      Foi reconstruído a expensas da Casa Massó Hermanos executando o traballo Manuel Acuña, canteiro con domicilio en Bueu.
7.      Non é preciso polo momento ningún traballo máis que os que xa se fixeron.
Asina o alcalde en Bueu a 26 de abril de 1937
 

22/10/15

No ano 1927 a empresa Massó Hermanos solicita autorización para “instalar na súa fábrica de conservas de peixe, unha máquina de fabricación de Puntas de París, con destino exclusivo para as súas necesidades” na fábrica que posúen en Bueu.
Ante a publicación[1] oficial de dita autorización os industriais dedicados ao ramo da fabricación de arameos e Puntas de París elevan instancia ás máis altas autoridades para que lle deneguen á empresa Massó a dita petición aducindo os seguintes motivos:

-         Porque nese momento “hai exceso de fábricas de Puntas de París que apenas traballa polo que hai unha enorme produción a prezos de coste e en cambio o consumo absorbe unha pequena parte, o que orixina un envilecemento nos prezos que é causa da grande crise que atravesa” o sector.
-         Porque son bastantes as fábricas que polas razóns anteriores tiveron que paralizar a fabricación, ou están en suspensión de pagos e quebra.
-         Porque co pretexto do “PROPIO CONSUMO móntanse subrepticiamente novas fábricas que perturban o mercado nacional xa que importan grandes cantidades de arameo estranxeiro aproveitándose das oscilacións do cambio e cotizan a ameaza, con evidente prexuízo da Economía Nacional”
A pesares de todas as queixas do sector o Presidente do Consello de Ministros, de acordo co Comité Regulador da Produción Industrial, autoriza á empresa Massó para que poida fabricar Puntas de París. O que se publica na Gaceta do día 27 de outubro de 1927.

Nota: Grazas a Manuel Aldao por facilitar información.


[1] Gaceta de Madrid n1 155 do 4 de xuño de 1927

11/10/15


No expediente relacionado coas obras e proxección en planta do proxecto de igrexa parroquial en San Martiño de Bueu atopámonos coas seguintes noticias que aquí resumo:
En canto á xustificación da necesidade dunha igrexa nova:
-          Pouca capacidade da vella dada a ampla veciñanza que posúe.
-          Por estar as súas paredes agretadas e ter esborralles notábeis e socavados gran parte dos cimentos.
-          Coas madeiras que arman o tellado e teito do templo, enteiramente inútiles e con desprendementos que ameazan próxima ruína.
-          Por ser tal o estado de todo o edificio que non admite reparación algunha que o sacase da ruína.
Por todo iso o arquitecto Domingo Lareo[1] fixo o proxecto, que se adxunta, do novo templo. “Proxecto o máis sinxelo en ornato e económico no custo”. Para contratar a licitación e construción das obras do citado proxecto puxo as seguintes condicións:
-          Cimentos dun metro, termo medio, de fondura.
-          O contratista non podería comezar a facer os cimentos sen o previo recoñecemento dos mesmos polo arquitecto.
-          Feitos os cimentos e asentado o soleado trazarase o perímetro que  ocuparan o groso das paredes coa asistencia do facultativo.
-          O zócalo exterior e interior que reciben as paredes, as faixas dos esquinais, as pilastras, os estribos, doelas dos arcos, [...] a fachada e paredes que constitúen, a torre, o lousado de toda a igrexa sancristía e a súa escaleira será o cadeirado da illa de Tambo e as paredes do corpo da igrexa e sancristía de cachotaría perpiaños asentados en morteiro de cal e area , [...] O recebo e chaira que ha de cubrir as paredes de cachotaría pola parte interior e exterior do templo [...] Para as revocaduras ou brancos daranse as mans que sexan necesarias con calea de cal puro.
-          As madeiras a empregar no tellado serán de carballo e castaño e, despois de montada, daranlle unha man de alcatrán.
-          Nos vans de luz poñeranse reixas de cadrado, a excepción da reixa da fachada que será de adorno.
-          A bóveda da igrexa será de medio canón.
Coma resumo do presuposto:
Importe total da obra                              160.689,9 reais
Por valor de materias da igxexa actual   16.818,0 reais
Cantidade ofrecida pola veciñanza         10.000,0 reais
Cantidade sobre os fondos do Estado   133.871,9 reais
Pontevedra 26 de xullo de 1860

Nota: Ver artigo relacionado saído neste mesmo blog 0 3/5/2015: O Concello pecha a igrexa de Bueu.


[1] Domingo Laredo Quintela naceu en Santiago de Compostela no 1791. Un dos poucos arquitectos, con Alejo Andrade, José Mª Noya, Santiago Estévez,… que na primeira metade do século XIX tiñan título pola Real Academia de Belas Artes de San Fernando.

01/10/15

No mes de xullo de 1936 as autoridades requisaron, entre outras cousas, os aparatos de radio que había nas mans de particulares do concello de Bueu. Pasados os meses, e examinados os expedientes políticos dos seus donos, foron devoltos. Máis a algúns, pese a ser afectos ao Réxime, tiveron que reclamar o seu aparato. Tal foi o caso de dous industriais de A Graña. Un era dono dun aparato de radio marca Clarion, modelo 470 tipo 2  e o outro da marca Philips nº 5976 tipo 634. Logo de pedir de novo os informes ao posto da garda civil e recibidos estes de forma favorábel o alcalde decreta lle sexan devoltos case un ano despois (maio de 1937).

Clarión 470
Philips tipo 634


27/09/15


No ano 1939 créase en Cartagena (Murcia) a primeira banda de “gaitas galegas” na Infantería de Marina Española. A “culpable” de que se constituíse esta, e de que nos actos da Armada Española houbese “representación da música galega”, foi dunha gaita de Beluso e do seu dono Manolo Barros Comedeiro, naquel tempo infante de mariña.
Conformaban a banda 32 gaitas mercadas nun establecemento da rúa Velázquez Moreno
de Vigo. O encargado de recollelas e transportalas ata Cartagena foi o mesmo Manuel Comedeiro. Os compoñentes eran case que todos galegos e mallorquinos; e a primeira peza que tocaron fora “Baila, miña Maruxa”. Participaron no “Desfile da Victoria” dese ano e ese foi o empurrón para que se consolidara a ”banda de gaitas na Infantería de Marina”.
Pero se queredes coñecer as reviravoltas polas que se chegou a iso teredes que ler o relatorio  do profesor Staffan Mörling, “A gaita galega nas bandas de música da Infantería de Mariña Española” no libro titulado “Albeites, compoñedor@s e menciñeir@s”[1], ou, de non poder facerse con el, atoparédelo neste enderezo:  https://bit.ly/2kZmgej ou neste outro da revista Aunios nº 12:   https://bit.ly/2sSLIpr


[1] Libraría Librouro de Vigo, editora do libro.