21/03/13

Hai quen soñou… que Bueu

  • Estaba no  mapa dos pobos “preciosos”  de España. So facía falta que no seu momento se houbera posto en valor o que ía aparecendo ou se coñecía.
  • Que as estradas que sacaron do illamento ao Morrazo foran ríos apousados de persoas ávidas da beleza e da cultura.
Todo quédase  escuro … comezaron a camiñar e… nada máis baixar por Xoalde sorprendeulles as vistas dos areais dunares de Portomaior e Agrelo cun pano de fondo das illas de Tambo, Ons e Sálvora. Tentados pola natureza virxe fixeron a súa primeira parada para sentir nas propias carnes o masaxeante pracer da area ou simplemente para contemplar a escasos metros os areais sucados por pequenos ríos que dende os montes de Cela se achegan a “morrer no mar”. Pero seguen o camiño cara Bueu e sen perder de vista o mar, pois non hai nada que llo impida, ven a estrutura, agora reformada en Casa Rural, da salgadeira de Fazzina. Tras un pequeno paseo polo cantil en volta aparece unha enseada que amosa a terra con máis dun quilómetro de praia bicada polo mar e bordeada por arranxadas casas mariñeiras.
Na baixada a Pescadoira comeza a entrada nun mundo de soño de mar e praia. Segundo o “libro guía” que todos levan: á dereita está a salgadeira de Francisco Rúa hoxe convertida nunha pequena e coqueta casa-museo cunha ampla sala que serve de entrada e de exposición con paneis explicativos de todo o proceso da salga comezando polo método tradicional galego de "moura" ou “escochado”. No primeiro andar a recreación da casa-fábrica coa lareira e todos os útiles da vivenda. Na parte de atrás, no patio da casa a salga de fusos colgantes tal e como foi construida no seu momento. Dende aquí podería accederse á primeira salgadeira dun “patriano”: A salgadeira de Vicente Freire (1806) situada na coñecida Casa de Pin Cabanillas. Salga de fusos ancorados no chan. A casa convertida en casa rural para unha familia con estancias museables como casa nobre.
Dende unha das ventás, nun abrir e pechar de ollos dáse conta de que é ao comezo desa praia onde atópase coa contorna do mundo romano dos primeiros séculos da era Cristiá. Ao carón norte iniciase uns muros que de forma case paralela ao mar ten continuidade co complexo romano no que pode apreciarse: unha pequena vila romana, casa con tres habitacións, forno ou olaría, salgadeira,… exposición con pedras de prensado, muíños de man, moedas, … e centos e centos de fragmentos de cerámicas, cristais, etc. atopados no berce da terra e postos en valor. Parecese transportado a un mundo único onde as pezas dan mostra de singularidade son únicas no finis terrae peninsular: coitelo con mango, tapón cerámico con rosca,…  
Alguén con roupa estraña lle di que pouco máis de cen metros cara o centro urbano podería contemplarse outra olaría con exposición de ánforas de distintas tipoloxías, algunha delas que poderíamos chamar “tipo Bueu”. Con só pensalo xa se atopaba na olaría. Na parcela do lado un conxunto de paneis onde se visualizaba a entrada de pobos xermánicos, o asentamento xeográfico na costa galega do pobo suevo, e dun grande panel da fibela aurea do s. V atopada uns anos antes no lugar. Aínda se ven, protexidas, as lousa de perpiaño e nichos do pequeño cemiterio suevo…
Non da crédito a tanta cousa e tanta beleza… e iso que acaba de entrar no pobo… Vai pasando as páxinas da Guía como se fora unha baralla de naipes e na súa retina lle van quedando imaxes mesturadas con frases….
Illa de Ons: Para gozar do pracer da paisaxe insular, das súas praias, gastronomía … coa visita cultural á súa salgadeira e mosaico romano,... aos seus castros, petroglifos, laxe do Crego,…
Cela … románica… do campo … e Ermelo co seu mosteiro…. Igrexa de Bueu… pequenas capelas que a desfeita dos tempos (1104 e 1865) desvirtuaron os seus modestos inicios.
…dende a Praia pódese ir camiñando cara o sur seguindo o curso do río ata o lugar coñecido como Paraiso que onde o Abade/Canudo se xuntan co Portela para darlle nome de Bispo… chegamos a Meiro onde podemos ver o peto de San Antonio de Meiro … polos restos da Vía Per loca Marítima (camiño Real ou Brea) ….  aos muíños do alto do Canudo e facer a baixada …
 
Pero que pasa?… a Guía de Bueu comeza a desaparecerlle das mans. A beleza das casas mariñeiras comeza a elevarse e desfigurarse,... o mar e a praia comenzan a afastarse e ata desaparecer… Un pesadelo fai que o que mira apenas teña identidade co seu pasado, que as súas xentes tampouco se identifiquen con este, que a uniformidade faga medrar as vivendas… que a Praia non sexa o eixo, que… que…
A dor e tan grande que esperto e atópome con Bueu … ese Bueu que cada ano mudou con estilos que non identifican… un Bueu onde a sinal fabril dou paso a “outras cousas”… Nin mellor nin peor. É outro  Bueu que nos volve facer ensoñar e engaiolar cando miramos cara o mar e o seu horizonte…  cando tratamos cás súas xentes… ou cando coñecemos e respectamos o seu pasado

Ningún comentario: