14/07/18

Paco Costas e Bueu

Hoxe vexo no Facebook de Fernando Miranda avisándonos da lutuosa noticia do pasamento de Paco Costas. Para min foi unha sorpresa, aínda que esperada, pois lle seguía a pista dende que nunha entrevista que lle fixera Montse Carneiro na mesma La Voz de Galicia alá polo novembro de 2003 me chamara a atención unha das preguntas que a xornalista lle facía: - De onde ves?  E el respondeulle: -Das zapatillas de goma de pneumático que gastaba na guerra, ja ja; miña nai, que era unha galega de armas tomar, conducía un Citroën ata o Fronte de Guadalajara. Logo...
Esa resposta con tanta retranca fixo que me preguntase: E se foxe de Bueu?
Tras unha serie de pescudas, non moi longas, dei cun posible documento no que aparecía un tal Francisco Costas Verde.  Preguntando puiden atopar un amigo que algo lle soaba o nome e preguntou a uns parentes ata confirmalo. Púxome ao tanto dalgunhas cousas que me permitiron ir completando pouco a pouco unha pequena ficha da súa relación con Bueu entre as que resaltaríamos que aínda que seu pai, Serafín Costas Bacelar, era un mariñeiro natural de Aldán casara en Bueu con Carmen Verde Troncoso e vivían no lugar de A Graña cando o día 10 de novembro de 1931 naceu o seu fillo Francisco. Como seu pai estaba no mar, dous días despois achegouse unha tía materna do rapaz, chamada Dolores, a inscribilo no Xulgado. Como curiosidade dicir que asinaron como testemuñas o depositario e administrador do concello de Bueu, Ricardo Gómez Buceta e Francisco Franco Miranda.
Francisco Costas Verde, célebre como Paco Costas foi un recoñecido experto en seguridade viaria e motor, sobre todo a partires dos programas «La segunda oportunidad» (1977), «Todo es posible en domingo» (compartido con Tip y Coll, entre outros), «Grand Prix: Así es la Fórmula 1», etc. nos que era director, guionista e presentador.
O seu amplo currículo pódese buscar en internet. O que agora queremos é manifestarlle á súa familia o noso pésame dende o pobo onde naceu. D. E. P.

1 comentario:

Unknown dixo...

ESTANDO EU RAPAZ.....NO VERÁN DO ANO 82.......UN GRUPO DE AMIGOS VIÑAMOS DA PRAIA DE PESCADOIRA......E NOS BANCOS QUE ESTABAN FRENTE A PANADERIA DE SOUTO.......A NOSA SORPRESA FOI ATOPARNOS CON "PACO COSTAS" E EU PREGUNTEILLE SI EL ERA O DO PROGRAMA "A SEGUNDA OPORTUNIDÁ".......E EL DIXONOS CUNHA SORRISA........"EU SON BATMAN E A MIÑA MULLER E ROBIN" ........HASTA HOXE QUE ME ENTERO QUE ERA NATIVO DE BUEU......GRACIÑAS DON ARTURO......UN APERTA!