01/10/19

5 mortos de Bueu na Habana


Ano de 1856. Na zona coñecida como  pontón da Habana (Cuba) había destacamentos de distintos Departamentos  militares españois: de Cádiz, Cartaxena e Ferrol. E dentro destes encadrábanse en distintos Terzos. No caso do de Ferrol os Terzos eran o de Ferrol, Santander e Vigo. Neste último, Terzo de Vigo, estaban mariños do concello de Bueu. Algúns deles morreron alí, na demarcación do porto da Habana onde estaban os buques de guerra, como consta na Orde que o 8 de outubro de 1856 asínase nas dependencias do Almirantazgo de Madrid.
Relación de bueueses falecidos, destino que tiñan e “as cantidades que da súa pertenza foron entregadas pola maioría xeral do propio apostadeiro” e que debían recibir os seus herdeiros:
-          JUAN MANUEL FARIÑA:
o   de Bueu, fillo de Benito, grumete do Pontón Marte  ...42 reais  30 céntimos (de velón).
-          JUAN FRANCISCO MAÑÁ:
o   de Bueu, mariñeiro ordinario da fragata Cristina  ... 28 rs. 50 cs.
-          JOSÉ MARTÍNEZ:
o    de Bueu, fillo de Rosendo e Teresa, grumete da fragata Cristina  ... 455 rs.
-          MIGUEL AGULLA:
o    de Bueu, fillo de Rosendo, mariñeiro ordinario do bergantín Habanero  ... 401 rs. 25 cs.
-          JOSÉ Mª VIZOSO:
o   de Beluso, fillo de José Vizoso, grumete do arsenal da Habana  ... 721 rs. 25 cs.
Dicir que estaban todos eles enrolados na Armada e que esta non estaba en guerra (a primeira guerra cubana non sería ata 1868-1878 que remataría coa Paz de Zanjón na que, entre outras cousas, aboliuse a escravitude e dou paso á representación cubana nas Cortes). De vez en cando por estas datas, mediados do s, XIX, había algunha que outra escaramuza entre os cubanos e os españois que adoitaban non ser na Habana.  Polo que para dar unha explicación  ao grande número de falecementos habería que acudir ás enfermidades “epidémicas  e contaxiosas” que se recollen nos libros da “Junta de Superior de Sanidad”.
Tamén vale a pena reflexionar sobre o dato de que tres dos cinco falecidos eran xente moza, axudantes de mariñeiros (grumetes) que de seguro inscribíranse coma voluntarios, para ter un medio de vida e saír da estrema pobreza, así como poder  ter as poucas vantaxes que este enrolamento lles supuña para a súa profesión de futuros mariñeiros de navegación mercantil ou de pesca. 



Ningún comentario: