01/11/19

5 regateiras de Bueu morren afogadas


Estamos en Santos e lembramos, cadaquén aos seus seres queridos que se foron...
O outro día o mar cobrouse o que uns chaman “seu tributo”, o que ven ser unha vida máis...
Falando destas cousas comentáballe a uns amigos algunhas desas mortes que se leva o mar e que me deixaron pegada. E iso é o que me decidín compartir con todos vos, polo menos unha desas historias.
A morte de 5 regateiras de Bueu (1 de abril de 1879):


Dende Marín saíron, nun bote de remos, dous mariñeiros e 5 regateiras que volvían á súa casa logo de vender o peixe. Chegados á illa do Santo un golpe de mar anegoulles o barco e lanzounos contra un baixos que alí había. Caeron todos á auga. O patrón puido agarrarse ao bote.
Vistos dende terra por un home e dúas mulleres, arriscando ás súas vidas, saíron estes noutro bote dende a praia do Santo para rescatalos. Só puideron salvar ao patrón. Aos demais non os atoparon ata que ao día seguinte apareceron 3 dos afogados na praia.
A noticia conmocionou a toda a xente dos pobos da Ría pero a dor incrementouse ao darse a circunstancia de que o mariñeiro afogado e unha das mulleres eran matrimonio que deixaban orfos a cinco fillos pequenos. 




Aclarar que de todas as mortes das que somos, ou non, coñecedores deixan un baleiro. Séntense como se houbera un circuíto social localizado que borra para sempre unha parte dese “disco duro” gravado de vivencias, coñecementos  e un longo etc. que nunca máis recuperaremos.


Ningún comentario: