01/12/19

Abusos a unha obreira en Beluso

Hai uns días, o 25 de novembro, estívose a reivindicar a Eliminación de Todas as Formas de Violencia contra as Mulleres, veña de onde veña. Fundamentalmente esta violencia ten connotacións sexuais e é exercida por elementos do xénero masculino, pois así o avalan os datos estatísticos, xudiciais, a voz da rúa, etc. Certo é que, aínda que porcentaxemente irrelevante, tamén dáse da man do mesmo xénero.
A pesar de que son remiso a dar calquera tipo de información que poida ser mal interpretada, e menos cualificala, poño por diante a solidariedade coas persoas que nalgún momento sufriron, sofren ou sufrirán calquera tipo de violencia.   
Co que se describe na noticia que presento hoxe hai que ser cauto nas cualificacións e conclusións pois descoñecemos (senón o poría) a sentenza xudicial ou resolución final da denuncia. Uns, como a prensa da época, din que é abuso, outros diriamos violación, agresión sexual, etc.
Pero quero introducir un elemento que non está contemplado na narración do feito, e que podería servir como unha variable máis para a reflexión. Tal é que puidera ser o resultado de compoñentes atávicos en resposta a unha enfermidade, a epilepsia, que na cultura popular aínda nesa época a consideraban “demoníaca” ou como unha “enfermidade da cabeza” que, segundo a idade e o sexo do paciente, tiña uns remedios ou outros.
Se quen a padecía era unha rapaza moza, como foi o caso, aparte da posible utilización de sortilexios e amuletos, apócemas, e rituais máis ou menos .... pensaban que “dado que sofren cambios que se cumpre no útero ... no mesmo acceso hai que sacar sangue da vea ...” e cando haxa actuado a “cacoquimia, a obstrución” hai que provocar o vómito...  
Mais deixémonos de especular e coñezamos os feitos cando menos da man do correspondente de prensa:

Un caso de salvaxismo”

Na praia de Beluso cometeuse un feito, que por las circunstancias que o rodean está sendo obxecto dos máis duros comentarios e que ao ser coñecido aquí, produciu xeral indignación.
Traballadores e familia de Clemente Lago - Beluso
Segundo puidemos investigar, o sucedido é o seguinte:
Carmen P.F. é unha agraciada moza duns 17 anos de idade, que traballa como operaria na fábrica de salgas e conservas que don Clemente Lago posúe en Beluso.
O venres último, mentres se dedicaba ás súas habituais faenas en dita fábrica, sufriu un ataque epiléptico, e foi conducida a un departamento próximo, onde quedou ao coidado de catro compañeiras para que a suxeitaran e atenderan.
Nada más se soubo aquel día, despois de ter recobrado o coñecemento a paciente, pois esta nada manifestou á súa familia ao observar certas sinais no seu corpo, unhas por producirlle vergoña e outras por crer que eran ocasionadas polos golpes conseguintes ao ataque sufrido; pero o sábado foi vítima dun segundo ataque na mesma fábrica e ao atendela debidamente, quedaron ao descuberto algunhas pegadas de ter sido maltratada.
Desde aquel momento, as suposicións que se fixeron sinalaban como causantes das lesións ás catro obreiras que asistiron o día anterior á infeliz rapaza e os rumores fóronse estendendo e tomando corpo ata chegar a oídos da tía de Carmen. Josefa F., veciña do lugar de Sar, Beluso, a que veu a denunciar o caso ao Xulgado municipal.
O digno xuíz señor Prieto García, ordenou inmediatamente á Garda civil deste posto, a detención de oito obreiras, entre as que se supoñía se atoparían as autoras. Esta detención levouse a efecto na mañá de onte, polo cabo señor Mondino e o garda señor Rodríguez Conde.
Das primeiras declaracións prestadas polas detidas decretouse a liberdade de Ramona F., Herminia M., María O., unha tal Consuelo e Isolina C., sobre as que non apareceu cargo algún, quedando detidas e a disposición do xuíz de Instrución do Partido, Teresa M., como autora das lesións e abusos deshonestos, Carmen D. e Rosario O., como cómplices, todas veciñas de Beluso.
Nos arredores do Depósito Municipal aglomerouse numeroso xentío que condenaban acremente este insólito e repugnante feito, pedindo ao mesmo tempo un castigo exemplar para estes seres; vergoña dun pobo culto.”
El Pueblo gallego, 27 agosto 1925 páx. 5 
Diario de Pontevedra do 27 de agosto de 1925 páx. 2

Ningún comentario: