Xa imos comezar coa ‘desescalada’
deste longo confinamento a causa da pandemia do COVID-19. Isto dáme pé para,
usando termos do momento, “desescalar en dúas fases” e así poñer remate,
cando menos por agora, ás Entradas do blog dedicadas a enfermidades epidémicas
ou endémicas en Bueu.

A incidencia xeral desta enfermidade
no Bueu da primeira metade do século XX foi relativamente pequena, xa que
causou un 7,5% das mortes. Se cuantitativamente era pouco relevante o impacto
social foi moi alto, dado o grao de contaxio e o medo que esta enfermidade
provocaba.
Non era de estrañar que se demandasen
publicamente medidas para a prevencións de contaxios desta enfermidade como a
da revista inglesa ‘Hospital’ (1903)[1] que
propuña tres: Obriga do médico de informar dos casos detectados, illamento dos
enfermos avanzados e “facer comprender ao público en xeral, a idea de que
dito mal é infeccioso”. Ideas que calaron nas autoridades da época ata tal
punto que vemos no Boletín Oficial, Gaceta de Galicia (6-10-1903), como se lle
daba un prazo de 15 días para que as Xuntas Locais de 1ª Ensinanza mercasen
carteis contra a tuberculose para repartir polas escolas.
En
canto á incidencia máis forte da
tuberculose no concello de Bueu, no período estudado, a temos no inicio
do segundo terzo que pode chegar ata o 12% do total de enfermidades. Serán os anos 1916/1922 os picos da curva
que podemos ver na gráfica[2].


Aínda que foi no 1944 cando Waksman descubriu
o antibiótico coñecido como estreptomicina, primeiro gran aliado para axudar a
combater a terrible enfermidade, non sería ata o 1951 cando se empezara a utilizar
en España e polo tanto a baixar o número de falecidos a números pouco
significativos.
Co paso do tempo xeralizáronse na
poboación probas de sangue ou, a máis común, “probas cutáneas da tuberculina
ou Mantoux” que deron tamén un grande golpe á Tuberculose ao ser un
marcador moi útil para detectar previamente se se está infectado da mesma (de
forma latente ou padecéndoa) ou que sexa probable que non o estea. Está proba
realizábase en moitos centros de traballo (grandes empresas) e nos centros de
Ensino. En Bueu realizouse por última vez a finais dos anos noventa do século
pasado.
Queda no recordo dos nosos maiores o
medo “do pulmón”, expresión que facía referencia á Tuberculose pulmonar,
e ao seu contaxio que ao igual que outras epidemias na casa que entraba,
segaba moitas vidas. Tamén se lembran que os nenos sans eran separados dos seus
familiares enfermos e de que as vivendas eran desinfectadas tralo parte do
médico comunicando a defunción á alcaldía. Disto temos constancia, no soamente nos
casos de Tuberculose, senón tamén por outras enfermidades infecciosas como o
coqueluche, xarampón, ... Como exemplo para Bueu, o oficio que o Xefe de
Inspección de Sanidade Provincial, 25 de xuño de 1928, manda ao concello indicándolles
a remesa polo coche de liña dun caixón con desinfectantes e o fai co compromiso
de se se necesitasen máis o expediría o máis axiña posible.
[1] Publicado
polo xornal lugués La idea moderna o 19 de maio de 1898.
[2]
A metodoloxía empregada foi elixir ao chou un ano, saíu o 1904, e un número do
1 ao 10, saíu o 6. O que fixen foi
partindo do ano 1904 ir anotando o número de falecidos por esta enfermidade.
Repetindo este procedemento en cada un dos anos, de seis en seis, e a un
universo que abarca a totalidade dos 1.309 falecidos neses anos.
[3] Recollían
aos que tiñan posibilidade de curación polo que se a fase do padecemento da
enfermidade era avanzado se rexeitaba ao paciente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario