Sempre que cae unha
páxina dese grande libro en construción que é a LITERATURA, a paisaxe da beleza
escóndese abrazada polas bágoas da brétema para chorar en solitario. Nese silencio
sen retorno camiña agora un artesán da palabra, José Manuel Caballero Bonald, levando
na memoria un recuncho de Bueu.
Quero lembrar aquí
a amizade e a simbioses de C. Bonald coa contorna de Bueu e non tanto ao Premio
Nacional de Poesía, ao Premio Cervantes, ao Premio Francisco Umbral, nin ao
longo etcétera de títulos que como poeta, novelista ou ensaísta aportan
aureolas de recoñecemento a un labor excepcional, tarefa que deixo para os
estudosos e divulgadores da cultura en xeral e da literatura en particular.
O médico José
Luís Barros Malvar amigo persoal de Caballero Bonald serviu coma imán para que este
se achegase a gozar en repetidas ocasións da súa casa de Pedrón (Udra-Beluso). A súa afección polo mar levouno a estudar tamén
náutica e astronomía pero, sobre todo, a gozar do contacto co el a través da
navegación. Aquí navegou e aquí tamén creou. Quen queira ler entre liñas nalgunhas
da obras de Caballero Bonald atoparase coa a amizade do galeno e co mar calmo
da ría.
Pero tamén Bueu de forma explícita na súa obra como en «Entreguerras» (“... aquel tránsito brusco de Madrid a Sanlúcar de Barcelona a Praga de la Habana a Sevilla de Bueu a Jerez de París a Palma de Mallorca...”) ou en «Mar adentro» onde na páxina 31 fala dun “... anciano patrón de pesca gallego de Bueu, desembarcado estancado cerca de Barbate,...”. Na páxina 92: "...Compartir con esos marineros sus modestas faenas en la costa balear de Andraitx o en pontevedresa Bueu..." e na páxina 196 cita a Carlos Casares “... que un marinero de Bueu al que llaman Capitán Lobo Negro, antiguo pescador de ballenas, murió del trallazo que le asestó a la embarcación donde iba un pulpo gigante...”
Amplío o abano de citas que fan referencia a Bueu da man do amigo Salvador Castro. En «Tiempo de guerras perdidas» na páxina 185 da edición de Anagrama de 1995: "Así cuando alguna vez (está a falar da súa vida na Escola Naval) ha sido para seguir a Punta Udra, pasado Bueu, donde un viejo amigo, José Luis Barros, tenía -aparte de una hermosa casa- un velero con casco de madera realmente espléndido. Era una especie de reliquia de la arquitectura naval mantenida por los calafates de las Rías Bajas, creadores de una de las barcas más capaces y airosas que conozco: la dorna, con vela trapezoide y casco de tingladillo. Salir a navegar entre las islas Oms (sic) y las Cíes, era otra buena manera de intensificar la penetración en este recóndito mundo galaico que tanto me seduce". E noutro momento di que despois da súa terra natal en Jerez, Udra é o lugar máis fermoso que ten coñecido, e cita expresamente que por enriba das paisaxes de Colombia.
Quixera deixar
constancia de que as areas de Pedrón ao igual que a escuma da ría hai tempo que
choran a túa ausencia. DEP
Ningún comentario:
Publicar un comentario