01/05/21

O primeiro Capitán de Pesca español era de Cela: José Loira García

José Loira García
José Loira García
 Fai tempo que desexaba poñer de manifesto a algunha persoa relacionada co mar. Entre os que
barallaba estaba José Loira, veciño meu moito tempo e pai de amigos. Gratitude que tamén lle debía polo seu facer.

José Loira García naceu en Castrelo-Cela ás cinco da tarde do domingo dous de agosto de 1925 e faleceu en Seixo (Marín) o 27-8-2016, días despois de cumprir os 91 anos, .

Na súa Cela natal era dos de “Curro”, por parte do pai e “mariñeiros de toda a vida”.

1928-Escola de José García Hermida-Cela
O seu primeiro contacto coa escola foi en Parapía-Cela, que desde 1927 rexentaba nese lugar, José García Hermida. Este mestre o marcou positivamente xa que era unha persoa moi activa non só no ámbito da escola senón como dinamizador do colectivo do profesorado. No 1936 e logo no 1940 foi suspendido do cargo e posteriormente, como tantos outros, desterrado ao lugar de Barreiros en Salvaterra. O mesmo José Loira nunha entrevista conta como anécdota que un cuarto de século despois atopou ao seu antigo mestre e este lle fixo entrega dun caderno de exercicios, corrixidos e asinados, de cando estaba na escola con 11 anos.

O seu futuro gustaríalle que fose coma médico, quizais para emular a outros veciños, coma Manuel Riobó que ata chegara a mercar a Illa de Ons, pero a realidade económica da familia púxolle os pés nunha chalana da rapeta aos 13 anos. Durante un tempo traballou en barcos de baixura, de aí pasou a outros que pescaban sardiña para a fábrica de Massó.

Desde 1942, e durante moitos anos, traballa na Casa MAR (acrónimo de Motopesqueros de Altura Reunidos). Con aspiracións de postos máis relevantes decide estudar para ingresar na Escola de Pesca de Vigo. Para o cal queda uns días, antes dos exames, a preparar estes na escola do Pósito de Bueu que levaba D. José Martínez. Sinalásenos que foi o único da zona que aprobou dito ingreso. Tras un curso na Escola segue a traballar na mesma compañía. Saca, con 19 anos, o título de Patrón de Pesca de Gran Altura.  E co paso do tempo decidiu facer o bacharelato e, en 1963, o temos co número 1 da recen creada titulación de Capitán de Pesca.  Pero José Loira non contento con iso cinco anos despois sacou o título de Capitán da Marina Mercante.  
Como puidemos comprobar na súa traxectoria académica, como pescador acadou as máis altas cotas, tamén foi armador (B. Alfageme), e o seu paso polo traballo duro dos mares tamén o describe a súa libreta de mar: dende a costa galega e portuguesa, Gran Sol, Canarias, Sudáfrica ata recalar definitivamente polo continente norteamericano en Groenlandia, Boston, Canadá e, como non, polo mundo do bacallau en Terranova, de onde se retirou en 1989.

Ningún comentario: