25/07/22

A cruz da Esculca e os Sanmartín

A entrada de hoxe non pretende se novidosa senón lembrar un momento na historia local ao través duns protagonistas que case sempre quedan no anonimato.

A data podería ser hoxe, o día de Santiago, patrón que atrae como romeiros a Ermelo, dende hai séculos, a moita xente. Máis non, esta é dun domingo de 1954...

Pero a historia comeza catro anos atrás... O alcalde José Mª Massó García proponlle un esbozo dunha cruz, a Cesáreo Sanmartín Fontán, canteiro de Xeve casado en Bueu e de grande prestixio na profesión, para ver a posibilidade de esculpila. O reto foi aceptado polo Cesáreo Sanmartín e consistía nunha cruz de Santiago que dada a localización que tería e as grandes dimensións, algo máis de 7 metros de alta e 3 metros de brazos, esculpiríanse en pezas que se ensamblarían posteriormente arredor dun soporte de ferro central.

Árbore de Sanmartín Fontán-Josefa Cerviño

O custo da cruz estaría a cargo do propoñente, señor Massó, e colocaríase nun penedo no mesmo cumio da Esculca onde parece ser que con moita anterioridade houbera unha pedra ou cruz, linde dos coutos de Ermelo e Meiro. Pedra ou cruz que non estaba na tardiña do luns 13 de setembro de 1745 pois quedaría perfectamente recollida polo Frei Martín Sarmiento que a esas horas estaba no lugar para ver o solpor e o que rexistrou foi ”infinito mar, bocas das rías, rías, puntas etc.”[1] e pouco mais por estar anubrado.

Cruz que si foi citada en documentacións (Apeos) de mediados do s. XVI[2] e posteriores, así como nun Poder notarial dado polo cura de Bueu, José Benito Gutiérrez o xoves 5 de xaneiro de 1797,para que o defenderan nun preito, ante a demanda do Mosteiro de Poio por terreos que os querelantes consideraban de Ermelo. José Mª Estévez estima esta cita, do marco con cruz desaparecida da pena, como a do lugar da Esculca.

Cardeal Quiroga Palacios en Bueu

Todo isto está ben, pero a data a lembrar puidera ser o domingo 28 de marzo[3] ou do 8 de agosto de 1954. Nas dúas datas hai referencias que sitúan ao Cardeal Quiroga Palacios achegándose á Esculca. Consecuencia desas achegas é o lousado do camiño de subida á Esculca e á mesma cruz dos Sanmartín.

Calquera que fora o motivo para encargar a cruz da Esculca alégranos que pertenza ao patrimonio de todos. Agora só faltaría recuperar a visión da paisaxe e, por que non, de paso refrescar tamén a memoria dos arguinas (canteiros) que a fixeron realidade.

Na foto adxunta están Cesáreo Sanmartín Fontán cos fillos que lle axudaron no labor de picado da pedra e montaxe da cruz: Jesús (o máis mozo), á súa dereita Francisco, logo Agustín e Antonio (sentado ao lado do pai) [4].

 Grazas polo traballo ben feito!



[1] Fr. Martín Sarmiento “Viaxe a Galicia (1745) na tradución de Carlos Castro Pinhao de Ed. Transmontes p.131,

 [2] Belarmino Barreiro:https://www.farodevigo.es/o-morrazo/2022/07/25/coutos-pertencentes-o-mosteiro-santiago-70100657.html

[3] Dende febreiro dese ano estaba o cardeal a promocionar as 4 quendas de Misións no Alciprestazgo do Morrazo. En Bueu e nas súas parroquias (incluíndo Ons e Ermelo) foron do 20 ao 29  de marzo de 1954. Sinalar que o martes 11 de maio dese ano volveu pola zona e estivo na illa de Ons.

 [4]Cesáreo e Roberto estarían por esas data emigrados en Brasil.

1 comentario:

albasotelo dixo...

Fermoso artigo!