17/05/26

José Seijas Otero - Amigo centenario

Desexarche moitos parabéns por ter conseguido unha meta de vida longa e fecunda na compaña de familiares e amigos. Chegar a centenario non é doado, pero facelo nas condicións e animosidade túa é de grande asombro, admiración e respecto 

Agradecer a Pepe Seijas a información facilitada e reflectida en moitas das miñas publicacións; así como poñer en valor o seu esforzo dende hai moitas décadas polo recompilar diario, non só do acontecer local, senón do país e do mundo: ducias de tomos dan testemuña diso.

A pesar da dixitalización actual dos contidos el, aínda que aproveitando eses recursos, segue apuntando e construíndo a historia do presente xa pasado con fidelidade notarial, pero co selo persoal: engadíndolle sinxeleza e fuxindo do innecesario.

 Receita de vida de José Seijas:

“Facer unha vida tranquila... sen abusar de nada”.

Polas mañás: Traballar e recompilar as noticias do día, facer encrucillados e logo ler e reler libros, revistas... mesturando con pequenos exercicios de brazos e pernas...

Polas tardes: Camiñar e socializar (indo a xogar a partida...). Rematar o día gañándolle o pulso ás horas de soidade e recordos, con máis ximnasia intelectual da man da lectura, escritura etc.

 Parabéns! e Grazas “Pepe/Moncho” por seguir ensinándonos acotío como encher o baleiro coa esperanza no futuro!

 Arturo S. Cidrás

Ningún comentario: