14/10/13


En San Martiño de Bueu a catorce días do mes de outubro de 1845 celebrouse un acto ante o alcalde D. Manuel Guimeráns, por unha parte, o demandante, Joaquín Suarez, cura párroco de Ermelo e, como demandado, o seu fregués José Martínez. Os motivos da demanda: Non completar os funerais prescritos, “segundo a súa clase”, así como que tamén lle faltaban por aplicarlle as misas afeitas “polo ben da” alma da súa sogra que vivira na súa casa e había falecido facía seis meses. José Martínez negábase a pagar o importe de tales actos.
O cura lle pedía ao alcalde que lle impuxese pagar a contía de cincocentos cincuenta reais, importe das misas e dereitos,  xa que estaba “obrigado en conciencia”.
O José Martínez deféndese dicindo de xa que a súa sogra morreu sen “disposición algunha testamentaria” só obrígase a pagar 120 rs que se corresponderían co importe de sesenta misas.
Como resolución do Alcalde, e tras o ditame dos “homes bos” de ambas partes en litixio, “providénciase” que o demandado pague antes de seis días o “total do importe dos dereitos funerarios, segundo estea en costume na súa parroquia, e das misas que deben aplicarse polo ben da alma da súa defunta sogra igual en esta á que se executara coa do marido da mesma...”.

Parece ser que o demandado seguiu nas súas... 
Descoñecemos se ao final  a sogra, o cura e o fregués díscolo descansaron “en paz”.

12/10/13

Como cita referente á capela de Ons temos[1],  no 1594, as manifestacións dun cura de Rianxo dicindo que nese mesmo ano “había moitos ladróns e corsarios que roubaban canto atopaban ansí de barco, como dos demais...” e que tamén habíase saqueado a illa e queimaran á igrexa.
O 22 de xaneiro de 1838 un monxe exclaustrado da Orde de San Bieito chamado Frei Manuel Mos lle pide ao Sr. Gobernador Eclesiástico do Arcebispado de Santiago lle permita “hacer y bendecir una capilla en la Isla de Ons para decir el sacrificio de la misa”. Nestas datas Ons pertencía (1837-1844) ao concello de Sanxenxo e "non tiña igrexa e santuario"
Joaquina Montenegro Ponte e Oca, dona da illa de Ons, casou con Javier Martínez de Arce y Enríquez (1808-1887), VII marqués de Valladares e VI vizconde de Meira.
Ao longo da costeira da sardiña o número de veciños de Ons aumentaba de forma significativa. Polo que no 1845 o Sr. marqués fai a reflexión de que os que quedan no inverno ”están en el mayor abandono, sin Pastor ni Iglesia y sin oratorios y capilla”. 
O día 2 de outubro de 1847 o marqués de Valladares comprometeuse a edificar a capela ante o Arcebispo de Santiago. Na mesma misiva do compromiso lle di que cando estea edificada se “digne autorizar su bendición , y darle título y advocación, que celebraré, y rogaré entonces a V. E. sea el de San Joaquin por ser el nombre de mi esposa a cuyo patrimonio pertenece la Isla”. 
Mentres non se construía a capela o marqués pon barco en Ons todos os domingos e festivos para que os veciños poidan acudir á misa en Beluso.
No 1848 bendícese a igrexa baixo a advocación de SAN JOAQUÍN… e no agosto de 1849 o mesmo marqués nomea Presbítero de Ons a José Ramón Correa, pero a este non lle sentou ben a vida na illa e tivo que substituílo outro, D. José Moravia natural de Bouzas.
Ons nunca foi parroquia independente a pesar de que no ano 1887 o Sr. Fragoso, Arcipreste de Morrazo, enviou o bispo un escrito solicitándollo. 




[1] Apuntes de J. Mª Estévez Castro

03/10/13


Jenaro Pérez Villaamil (1807-1854), o grande paisaxísta romántico e debuxante, nunha viaxe en barco pola banda sur da ría de Pontevedra no setembro do ano 1849 na compaña dun grupo de amig@s plasmou  nun debuxo a lápiz titulado “Playa de Bueu”, hoxe no Museo de Pontevedra, unha escena que o mesmo autor da obra describe nunhas inscricións autógrafas no ángulo inferior, central e dereito do debuxo:
         “Bueu. Ría de Pontevedra  
          cerca de Marín
         “Playa de Bueu: en el acto de recoger el pescado
          Salida del bote cargado
          colocar y recoger el aparejo y aparejo a tierra.
                         Ría de Pontevedra
                    18 Sbre. 49
A continuación realiza unha serie de acotacións toponímicas, paisaxísticas, ambientais,…dende o monte Sobareiro (Loira) ata Cela:
da Cova – Luz – Moza – bosque -10 – tono azulado – árboles bosque – Cela – blanca curva norte
O salientábel deste debuxo é que reflicte unha escena de pesca na que poden observarse a uns dezaoito mariñeiros tocados coa “barretina” típica do traxe catalán de mariñeiros e campesiños.
Pero o que moitos descoñecen ou lembran é que no reverso hai unhas incrición dos seus acompañantes e amigos, feitas ao pouco de debuxalo:…
 En Bueu 18 de Septiembre 1849
Recuerdo amistoso al Pintor de S.M. Dn. Genaro Perez de Villamil.
Amalia Fontenla[1]
Recuerdo al Sr Villaamil la satisfación de tenerlo en la casa en Bueu su affmº. Juan Fontenla
Luís Patiño Buceta
ruega al Sr. Villamil recuerde la chillona gabiota que tumbó el arcabucero
dn. Luís Patiño, su apasionado
“Al recuerdo del animado cuadro que hoy ofrece Bueu hirá siempre unida pª. mi la grata memoria del Sr, Villamil, del artista eminente. 
            Antº Valcárcel”
“Recuerda al ayudante, tu amigo 
            Perfecto Valdés Argüelles”
“Enrique A. Braña”
“Francisco Sancho Gutiérrez”
“Jacinto Pazo (?)
 A man do artista tamén plasmou a Bueu noutro debuxo tal como nos lembra o profesor Filgueira Valverde: “Pérez Villamil tamén fixo un debuxo da “Fábrica de Salazón en Bueu” cun alprende e traballadores” que está nunha colección particular.

[1] Amalia Fontenla Plá (+15-5-1896), filla de Teresa Plá Avalle e José Manuel Fontenla Sotelo. Neta dos salgadeiros da praia de Beluso, Pedro Plá Refulls e Mª Rosa Avalle Pereira.

19/09/13

No domingo 8 de setembro de 19129 na edición da mañá do xornal madrileño ABC, páxina 42, aparece unha pequena noticia da que sacando o anecdótico e o “xocoso” atopámonos coa dura realidade do illamento de moitas das persoas que vivían en Ons.   A transcrición literal é:OS VOOS DAS AVES ANELADAS
 Vigo 7, 10 mañá. Francisca Patiño Pérez, de sesenta anos de idade, recolleu na illa de Ons unha pomba mensaxeira, a cal, nos seus aneis, ostentaba as seguintes inscricións: “Wahter. N. N. 4. 3. 872. U. S. A
Alguén fíxolle crer que o achado valdriale moito diñeiro, e a boa muller presentouse no pobo de Bueu, pedindo unha crecida cantidade pola pomba e negándose a entregala ás autoridades. Dáse o caso curioso de que Francisca, que non saíra da illa desde hai vinte e cinco anos, realizou agora a viaxe convencida de que posuía un tesouro.

01/09/13


No semanario “La Tierra Gallega[1] editado na Habana o 17 de maio de 1896 aparece publicitado o café e fonda “La villa de Bueu”. Estaba ubicado na marxe esquerda na entrada da bocana do porto da Habana, preto do castelo de San Carlos. Os seus propietarios eran os señores Mañá e Barreiro, ámbolos dous emigrados a illa de Cuba dende a nosa vila.
Á vez que se embarcaron no mundo dos negocios cun “Café e fonda” tamén o fixeron coa importación dos viños da súa terra. Como di a publicidade este viño do Morrazo é a primeira vez que se presenta na Habana. De “tan exquisito producto” son os únicos representantes e importadores.


[1] Fundado e dirixido por Curros Enríquez (1894-1896)


15/08/13

Vendendo polbo de Ons na Lisboa do 1554 

Domingo, que naceu na illa de Ons no 1533 e que morreu en Muxía a idade de 124 anos, lle contaba ao relixioso beneditino portugués Frei Manuel Pereira de Novais que cando tiña 21 anos vivía en Lisboa: "Vendendo Polbo seco, que era a mercadoría que entón se mercanciaba desas Illas de Ons a diferentes partes,.."
O polbo e as matemáticas
Que unha ducia é conxunto de doce unidades non vai co polbo … ou que o quintal é a medida de peso que, segundo as zonas, vai de 50 aos 60 quilos[1] tampouco vai co polbo. Senón que llo pregunten á Revista de Inspección General de 1787 que cita Sáñez Reguart no seu “Diccionario histórico de las artes de pesca Nacional”:
Unha ducia componse de dezaoito polbos, e cada tres ducias  véndense por un quintal”.

Avances na conservación do polbo
No domingo do día 6 de abril do 1930, o correspondente do xornal El Pueblo Gallego, Luís Novas, escribía: “Dada a importancia da exportación en fresco que se fai do polbo, choco e lura sabemos que dous industriais van a montar unha cámara frigorífica”.
Unha enchente de polbo na illa de Ons
Álvaro de las Casas, no 1932, logo dunha estancia dunha semana na illa de Ons, escribía: “Baixamos ao almacén onde meu grande amigo Dídio Riobó ofreceunos non sei cantas toneladas de polbo, saborosísimamente condimentado. Na miña vida vira nin comera máis polbo”. 
Un polbo dun quilo mata a un arroas de 3 metros de longo
En abril do ano 1944 a  prensa[2] titulaba: “Un inimigo pequeno …” e “Un polbo dun quilo mata a un arroas de tres metros de longo”. O arroas ata foi exposto, aos curiosos, na lonxa de Bueu.  Como podedes supoñer a morte foi por asfixia pois ao tentar comer ao polbo este agarrouse de tal xeito á boca que lla pechou por completo.

[1] O quintal métrico (Qm) é unha medida de peso que equivale a cen quilogramos. En Bueu 1 quintal = 100 libras casteláns  = 45,45 kgs
[2] El pueblo Gallego de 18-4-1944. Páx 10

01/08/13

Un globo de papel “de colosais proporcións e 20 metros de altura, elevarase aos inconmensurables espazos, seguidos de infinidade de globos diversos de caprichosas
Bueu 1919
formas”
. Isto é o que ocorreu na tarde do domingo 13 de xullo de 1919 nas festas de verán na honra da patroa[1]. E, pola noite, "Magnífica Velada Marítima" lucindo as embarcacións milleiros de faroliños
Portada de Urbano Lugrís

Esta é a primeira vez da que se ten noticias dun evento similar no noso pobo, sobre todo, pola magnitude do globo que só está a 5 m do record do mundo que posúe o aeróstato de papel que, desde 1875, lánzase na noite da festa de San Roque no municipio de Betanzos. Para ser máis precisos coa medidas do globo brigantiño: mide 25 m de altura, 50 m de circunferencia e está realizado con 160 kg de papel.

Os pioneiros no lanzamento de globos foron os habitantes do sur de China, na fronteira con Tahilandia. O facían en épocas sinaladas como no aninovo e pensaban que canto máis subisen máis sorte ían ter os seus propietarios.

[1] Adiatáronse as festa ao fin de semana pois o día do Carme era mércores.

14/07/13

A néboa que hai estes días faime lembrar moitas cousas…

Antonio Cidrás Piñeiro 
Salvador Vilas Iglesias
Recordo que cando a néboa pechaba a ría, as sirenas dos barcos e as voces dos mariñeiros anunciando a “cala”, facía que as xentes, conscientes do perigo, achegásense á praia para gritar, ou na noite, con lumes e así avisar da situación, as rochas ou dos baixos…

Recordo por escoitalo unha vez a miña nai, polas hemerotecas e pola  documentación que me achegou o meu amigo Ramón Vilas, que a tal hora de hai 84 anos tamén había néboa na mar, tamén era domingo e, curiosamente, o meu avó e o seu avó estaban uno fronte ao outro no mar de Lagos. O un nun penedo como náufrago, o outro, en compañía da súa irmá, como rescatador:


Era o día 14 de xullo de 1929, ás tres mañá, os irmáns María e Salvador Vilas Igrexas, de 27 e 23 anos, fillos do caseiro da vivenda que a familia Massó ten preto da praia de Lagos-Beluso, levantáronse sobresaltados ao ouvir os toques de alarma da sirena dun barco próximo á costa. Baixaron á praia a ver o que ocorría. Segundo di o expediente, que eles mesmos asinaron, “…ouviron voces de auxilio dos tripulantes, e postos á fala con eles, tranquilizáronos dicíndolles o lugar en que se achaban…”

Circunstancias do naufraxio: O buque estaba a facer probas de mar. Saíra de Marín cara a Ons e, buscando porto debido á espesa cerrazón de néboa, foi quedar varado nuns baixos rochosos chamados Cons a uns 200 metros da Praia de Lagos.  Os tripulantes botaron a auga a chalana de a bordo e con ela tenderon o rizón pola popa para ver se con este e a máquina do barco podían polo á flotación. O rizón rompeu, inclinouse o barco e abriuse unha vía de auga. Ante a imposibilidade de facerse co barco decidiron coa mesma chalana trasladar a todos os mariñeiros a unha rocha próxima. A pesar de que o mar estaba en calma non tardou máis de 20 minutos en afundirse. Comezaron a trasladar aos mariñeiros á praia logo de advertirlles os irmáns Vilas que estaban na Praia de Lagos. Salvador Vilas pediu que alguén axudáselle a baixar a súa chalana que tiña na praia. Un mariñeiro veu a nado e tras baixala puideron traer 6 ou 7 homes máis.

Ao día seguinte o patrón e o maquinista cun lanchón e un mergullador tentaron sacar o barco pero unha forte marusía do noroeste impediuno. O casco rompeu e parece que puido recuperase a máquina.


Tras saír a noticia na prensa local e nacional o Presidente do Consello de Ministros, Marqués de la Estrella, solicitou información ao Gobernador Civíl e este a o alcalde Sr. Camilo Davila coa intención de que, de ser certos os feitos, darlle algunha distinción. A distinción sería a Cruz da Orde Civíl de Beneficencia. Aínda que a heroicidade foi recoñecida a medalla...

Ficha:
- Barco afundido: Vapor “Florentina” de 15 m de quilla, da matrícula de Marín
- Patrón-Armador: Antonio Cidrás Piñeiro “O Conexo” da Praia de Loira. Fora patrón dunha lancha da arte desde moi novo. Este era o primeiro barco que conseguise construír e, para maior desgraza, aínda non tiña seguro. Posteriormente puido refacerse e construír a motora “Río de Loira”, o “Conexo”,
- Maquinista-armador: Manuel Loira Campelo “Follato”
- Mariñeiros: 30. Todos da Praia de Loira e arredores.

12/07/13


Tal e como reflicten os xornais: El Combate, Diario de Pontevedra, El Estandarte Católico,... dando a noticia "Sinistro en Marín", "Un naufragio en Marín", "Dez afogados",... 
Eran case ás 21 horas do luns tres de xuño de 1899 cando á altura da illa de Ons un refacho de vento do Norte fixo naufragar á lancha de Marín “Flor de María” na que ían 13 mariñeiros ás ordes do patrón Antonio Rodríguez Veiga. O patrón e nove mariñeiros máis lanzáronse ao mar tentando alcanzar terra. Mais despois dunha longa loita co embravecido mar foron desaparecendo un tras outro. O mesmo patrón morreu abrazado ao seu irmán Clemente. Os outros tres, que non sabían nadar, agarráronse á quilla da lancha ata que unha dorna que conducía ao capelán de Ons viu aos tres mariñeiros sobre a quilla nunha situación desesperada. Achegouse a eles e con grande traballo, recolleunos e levounos a unha praia da illa onde foron embarcados nun vapor que acababa de prestar servizo no faro, o “ Riotesa”, que os trasladou ata Marín.

01/07/13

As Visitas Pastorais son aquelas que fan polas parroquias da súa diocese o bispo, arcebispo ou
cardeal, para comprobar o estado económico, cumprimento das obrigas das misas, examinar libros, etc. e aproveitar para a confirmación dos fregueses que o precisen.
Con data de dous de xullo de 1875 queda constancia, no Libro VIII de Bautismos (ff 44v e 45 r), o rexistro da visita pastoral do arcebispo de Santiago de Compostela D. Miguel Payá y Rico. Ata aquí todo quedaría nunha visita coma calquera outra de non ser que nesa do 1875 non está o cura párroco de Bueu, D. Joaquín González; pois o prelado suspendeuno do ministerio parroquial e sacerdotal con data do día anterior e nomeou “Rexente no seu lugar ao Presbítero D. Francisco Cerviño que foi quen asistiu a todos os actos. Tamén creu conveniente S. E. Illma nomear coadxutor da expresada parroquia de Bueu ao Pbro. D. Manuel Martínez Sueiro, deixando vacante por imposibilidade a D. José Gómez: a uns e outros señores mandou S. E. Illma cumpriran os mandatos que lles deu de palabra e por escrito baixo a máis estreita responsabilidade”.
En ningunha parte do libro pon as causas de tan drástica medida como é a suspensión do ministerio parroquial e sacerdotal do cura de Bueu.

23/06/13

A festa de S. Xoán  ou festa do solsticio de verán é a festa máxica por excelencia. É a noite das bruxas e feiticeiras. A noite dos encantamentos e rituais. A noite do lume e da auga. O imaxinario popular está repleto de lendas, historias e crenzas que teñen o seu cumio ás 12 da  noite de San Xoán.
A auga:  As fontes son lugares de prodixios e sanacións. O mar lugar de purificación e rexeneración. Na Fonte dos Tornos (en Xexide) : se se collía a flor do fento aparecía unha fermosa moza de pelo louro. Encantamento tamén se dá no “Buraco da moura” en Cela-Paralaia.
O lume como elemento purificador, de conxuro, renovación, …  Na Fonte (factor auga) de San Lourenzo de Cela (factor lume) óbrase o encantamento coa “Galiña dos pitos de ouro”
Como nos di Taboada Chivite: “En moitos pobos de Galicia alcéndese lumeiradas, fogueiras, cachelas, lumes; na praza, na rúa, nunha encrucillada, no monte ou por barrios. Báilase arredor e chóutase por cima delas con fins catárticos e propiciatorios, ás veces cun conxuro: Salto por riba do lume de San Xoán / para que non me morda nin cobra nin can.”
Como recordo do que foron as festas de S. Xoán citar o poema de Alfredo Brañas titulado:

Lembranzas!
Quén pode esquencer de vello
Os seus tempos de rapás?
Quén pode esquencer a noite,
A noitiña de San Xoán,
C’o seu séquito de bruxas,
Fogueiras, baños de mar,
Augas de rosas,parrandas,
 Troulas, bailes y aínda mais?
….
Para lembrar, lembrar como nolo presentaba a prensa local, a festa de San Juan en Bueu hai 100 anos (Transcribo o artigo traducido):
A festa do precursor San Xoán Bautista, foi este ano dobre; pois uns celebrárona o 22, segundo disposición recente de S.S. [papa Pío X] e outros, como antigamente, o 24. Nós non quitamos nin pomos festa, pero parécenos que nisto como en todo, hai que obedecer a quen manda e máxime se este é infalible.
As fogueiras, como sempre. Hóuboas na praia de Beluso , na de Bueu e rúa de Vincenti e montes circundantes ofrecendo fantástico aspecto e queimándose barrís e madeiras inservibles; para San Pedro tamén as haberá e acabaranse de queimar todos as cousas vellas que estorben.
Diante da fábrica de don Juan Tapias [onde están actualmente os pisos de Alonso en Pescadoira],  houbo, como todos os anos, verbena con fogos artificiais e baile, terminándose ás doce da noite.