01/04/17


Hoxe imos achegarnos ao momento no que os concellos, como o de Bueu, tiveron que lexislar para adaptarse, na práctica, ao que dispuña a Lei de pesas e medidas de 19 de xullo de 1849[1]. Deixar as medidas tradicionais e adaptarse ao Sistema Métrico Decimal non foi nada doado. Algunhas unidades de pesas e medidas duraron, na súa adaptación definitiva, algo máis dun século.


Texto oficial do...

O Concello Municipal de Bueu

 Segunda varias disposicións vixentes, as pesas e medidas que deben usarse nos pobos da Península, deben ser arranxadas ao novo sistema métrico decimal; e para as transaccións neste distrito municipal proponse as modificacións que a continuación se anotan.
No Distrito de Bueu existen como tipos as pesas e medidas sigs (seguintes) para medir:
Trigo  centeo.............
1 ferrado de 12 concas, equivalente a 20 litros 86 cents
Millo e feixóns..........
1 ferrado de 16 concas, equivalente a 26 litros 80 cents
Graos e sementes......
1 conca, equivalente a 1 litro 738 cents
O viño e Agte. con.....
1 calabazo, que seu peso é de 40 libras castelás equivalentes a 18 litros 0 87 mils, conten 40 cuartillos.
O viño e Agte. con....
1 cuartillo, que pesa 1  libra castellá
 O viño ....................

1 pipa compútase con 26 cabazos, e resulta igual ás que marcan en Galicia 60 vergas, e en Cataluña 63 ½ cortes, conten o peso de 1040 libras castelás equivalentes á 478 quilogramos-500 gramos.

Os terreos................

1 vara de 13 cuartas galegas, equivalente a 2 metros 728 mils

Os terreos................
1 ferrado de sementeira, comprende 64 varas cadradas, de 13 cuartas, é equivalente a 643 varas castelás cadradas, e á 5 áreas 00 centiáreas 97 mil2.

Panos e lenzos..........

1 vara castelá de 4 palmos, equivale a 836 milims

Outros efectos..........
1 vara de 4 cuartas galega equivale a 861 milims
Outros usos..............
A braza nominal de 8 cuartas galegas igual a 1 metro 721 milims
Aceites...................
A medida arroba castelá de 25 libras, equivalentes a 12 litros 563 mililitros. = e para o menudeo = o cuartillo e as súas divisións
O peso...................
1 libra castelá de 16 onzas equivale a 460 gramos e ademais seus submúltiplos, arroba e quintal.
O peso....................
1 libra galega de 20 onzas, equivale a 579 gramos e ademais seus múltiplos e submúltiplos: arroba e quintal.

A modificación de pesas e medidas arranxadas ao sistema métrico decimal poden usarse baixo os tipos seguintes
Poderá usarse para medir:
Trigo o centeno.......
1 ferrado de 20 litros, equivalente a 11 concas 50 cents dos cales 5 equivalen a 1 hectolitro. = tipo nos cereais.
Millo e feixóns........
1 ferrado de 25 litros, equivalente a 14 concas 38 cents dos cales 4 computan 1 hectolitro, = tipo nos cereais
Viño.....................



Viño.....................
(outro cabazo)
1 cabazo de 18 ½ litros, que pesara 39 libras 80 centes castelás igual a outros tantos cuartillos, dos cales 26 cabazos  computaran unha pipa que conteña 468 litros, pesando 476 quilogramos 424 gramos, equivalentes á 1035 libras castelás. = Para completar un hectolitro precísanse 5 cabazos e 10 litros máis.
Dobre decalitro
1 cabazo de 20 litros (dobre decalitro), que pesara 44  libras 23 cents castelás igual a 44’23 cuartillos, e para computar 1 pipa precísanse 24 cabazos, contendo 480 litros, pesando 488 quilogramos 640 gramos.
Para medir e pesar

O viño...................

Y 400 gramos equivalentes a 1062 ls castelás = Para completar un hectolitro precísanse 5 cabazos que é o tipo fixado nos líquidos. O cómputo dunha pipa con este cabazo ten de aumento 22 libras.

Graos e sementes....

1 conca de 2 litros equivale á 1 conca 15 cents

Os terreos................

1 vara de 28 decímetros = equivale a 13 cuartas galegas das que 64 cadradas computan 5 áreas 00 centiáreas igual a un ferrado de sementeira de medida actual. = A hectárea é tipo nas agrarias, polo que se compara con 100 áreas.= a 20 ferrados de sementeira.

Panos lenzos
e outros efectos
1 metro equivalente a 1 vara 7 pulgadas 00 líneas de castela = e igual a 1 vara 5 pulgadas 9 ½ líñas de Galicia.  (A castelá= 1’196   A galega = 1’ 157)

Os aceites.............
1 litro equivalente a 1 libra 990 mil2.
1 decalitro = 10 litros, equivale a 19 libras 9/10

O peso.............

1 libra de ½ quilogramo, equivale a 17 onzas 33 cens
1 quilogramo = dos cales 11 ½ é unha arroba, e 46 igual a 1 qq castellano, e 57 ½ equivale a 1 qq de Galicia.



 1 hectárea son 20 ferrados de sementeira = 1 ferrado de sementeira = 8 ferrados de millo…



[1] O seu Regulamento pódese ler no arquivo dixital da Biblioteca Nacional de España no seguinte enderezo: http://bdh-rd.bne.es/viewer.vm?id=0000092980&page=1

19/03/17

Hoxe celebran o día das Pepas e Pepes. Isto me fai lembrar de seres queridos que xa non están: a avoa Mamá Pepa, a nai Josefa, os irmáns José Ignacio e Mª José, os tíos José, etc. Tamén dos que aínda podemos gozar coa súa presenza, sexan familiares, amigos, veciños ou persoas que coñecemos ou non. Antes de nada darlles os meus Parabéns!
A todos dedico esta entrada do blog onde citarei a dúas celebracións do día de San Xosé: 
  • A primeira será a da parroquia de Bueu no ano 1917. A información da que parto está recollida no xornal La Provincia do 25 de marzo de 1917 na páxina 6. Celebráronse o venres 18 e sábado 19 e, ao parecer, con bastante éxito. Así se resume a descrición das mesmas: Actuou a banda de exploradores que dirixía o mestre Serrano. Houbo carreira de bicicletas que gañou Remigio Rodal, de Cangas, ao que lle entregaron unha figura de arte e de segundo quedou Attilio Gaggero, residente en Bueu, que recibiu unha pitilleira de prata. A función relixiosa, procesión, lugar onde estaba a imaxe do santo, etc. era a ‘Capela Vella’ localizada no lugar da Praia preto de Pescadoira. Ás 6 da tarde do sábado 19 partiu desde aí a procesión: “Alí vimos dúas larguísimas filas de homes e mulleres, o máis distinguido deste pobo, con velas acendidas. O fermoso estandarte do rico propietario señor Nores[1]”. Os que levaban a anda coa imaxe de San Xosé[2] eran seis ‘Pepes’ que ían escoltados por seis garda civís.   Os ‘Pepes’ citados eran : Cerqueiro, Madrigal, López, Rodríguez, Lago e Prieto; todos “xoves distinguidos”. En canto á festa profana fálase de bailes tamén nas sociedades ‘Liceo Casino’ e ‘Círculo Mercantil’.
  •  A segunda refírese á unha festa “ao ar libre” que se veu de celebrar o luns, 19 de marzo de 1928, no lugar de Castrelo-Cela para a que solicitara autorización o veciño de Cela Agustín Garrido Freire.


[1] A súa muller era a dona da casa “Capela Vella”.
[2] Que fora donada por Gerónimo Galup.

08/03/17

Sentimentos encontrados preséntanse cada xornada que aparece “Día internacional de...” que as Nacións Unidas e as súas Axencias elixen para “marcar aspectos importantes da vida humana e da historia”. Enténdese que haxa que lembrar, poñer o punto de mira, etc. en aspectos fundamentais para a vida e a convivencia das persoas que viaxamos neste autobús planetario que é a Terra.  Pero faise como se os condutores foxen os Trump, as Merkel, os Rajoy,... ou como se os grandes poderes financeiros foran os donos da empresa do autobús. E ata como se as grandes multinacionais da enerxía, da informática, da tecnoloxía, etc. foran as concesionarias da peaxe por desprazarnos ou as que nos abasteceran do combustible que nos move polo espazo. E todos achantamos sen decatarnos de que son as forzas gravitacionais as que nos trasladan ao seu antollo. E que ninguén, e digo ninguén (persoa, empresa, nación, ideoloxía, deus, etc.) nos dirixe.
A pesar de todo, sumámonos con plenitude de conciencia e intencionalidade a poñer de manifesto a falta de equidade por sermos mulleres ou homes, altos ou baixos, diferentes ou iguais, fortes ou débiles, sans ou enfermos, de aquí ou de alí,...[1] e o vou facer, en contraposición ao dito ata agora, sen grandes alfaremes, coa voz tranquila e reivindicativa dos veciños de Beluso reclamando, un 14 de xullo de 1881, unha escola de nenas para a súa parroquia:
 Ao Concello Constitucional de Bueu
Os que subscriben [...] á corporación municipal respectuosamente acoden expoñendo: Que miraron con singular pracer o celo do Concello e o desexo que lle anima por difundir a instrución creando na próxima parroquia de Cela unha escola de rapazas tan necesaria como beneficiosa, é ao mellor desenvolvemento e fomento da educación da muller circunstancia que os que subscriben teñen sen reserva que aplaudir; por máis que ben desexaran obtivese aquela o grao de elemental completa, pero non obtén a súa categoría. Non pode por menos que recoñecer o beneficio que reporta a súa instalación.
Dígnase na actitude do Concello o fixar a escola de que se trata ten de recoñecer o municipio o principio supremo do dereito que consiste na equidade, e en tal concepto, e seguros os que subscriben dos bos propósitos da municipalidade, cren firmemente que terá que atendese, axustarse e subordinar a súa acción aqueles prexuízos, pois a que se o demanda a xustiza máis severa.”
Equidade palabra que, con outras, nos aportan valores universais, non ideolóxicos, e que nos animan a adherirmos ás intencións e fins do “Día Internacional da muller traballadora” que hoxe celebramos.
Nota: De botar, botaría en falta o “Día internacional do Sentido Común” (e o mellor día para celebralo: os 365 días do ano) pois así non sería necesario reivindicar tantas cousas que terían que ser normais neste autobús...


[1] Se vos fixades un pouco só veredes persoas.

01/03/17

O día 26 de novembro de 1938, pouco despois das 9 da noite, Perfecto García Lemos achábase na compañía duns amigos nunha casa de comidas preto da súa vivenda e solicitaron ao taberneiro lles servira unha última copa. Vendo isto un Axente de Policía Marítima do Distrito de Bueu o recriminou por estar expresamente prohibido o consumo de alcol nas tabernas, bares e casas de comidas de toda a provincia, a partires da primeira hora da noite, por orde do Delegado de Orde Público. Ao parecer o fixo de non moi bos modos, o que provocou un pequeno altercado entre ambos incrementado pola exixencia de respecto reclamada por Perfecto García ao sentirse investido de autoridade como alcalde que era do concello de Bueu.
O incidente xerou unha denuncia ante o Gobernador Civil do Axente de Policía Marítima. Denuncia que se transformou un mes despois nunha comunicación do gobernador que “autorizado pola Superioridade”  decide cesalo no seu cargo e substituílo, como alcalde, polo Xestor da Corporación, José Mª Massó García que toma posesión do seu cargo ás 11 horas do día vinte catro de xaneiro de 1939 en detrimento do que viña exercendo como tal, Perfecto García Lemos. Na acta “Promete o D. José Mª Massó García cumprir ben e fielmente o seu cometido dándose por tomado posesión da Alcaldía e despois de cambiar frases de saúdo e mutuo afecto entre o Alcalde que cesa e o entrante...”


23/02/17

Ante acontecementos ocorridos non hai tanto tempo con respecto á utilización da censura no Entroido bueuense faime lembrar un máis, e espero que sexa o último, reflectido nunha Providencia da alcaldía. O caso que quero amosarlles data do Entroido de 1929. A ‘murga’ implicada era de Beluso e chamábanse “Las catacumbas del pueblo” na que en tres das súas letras (con músicas de pasodobre, valse e xota) parece ser que tiñan no punto de mira a unha familia do municipio á que, segundo criterio da alcaldía, “aluden dun modo claro e vexatorio”.
A raíz deste criterio decide o rexedor municipal sacar unha Providencia prohibindo o difusión de ditas letras, non así da cuarta letra, unha mazurca, para o cal se lles comina a que entreguen todas as letras impresas.  
Todo isto ponse en coñecemento do Gobernador Civil con data de 7 de febreiro de 1929.

 Outras entradas anteriores aparecidas neste blog co mesmo tema de prohibicións ou censuras polo Entroido en  Bueu:

O alcalde prohibe a letra e cartel dunha comparsa no Entroido de 1931

Bueu: Membros dunha comparsa detidos pola Garda Civil  no Entroido de 1933

(Se queres velas premer no texto de enlace)


 

14/02/17


Hai anos, recompilando artigos do xornalista Joaquín Pesqueira[1] atopeime un que me chamou moito a atención pois dábame claves para entender parte da súa biografía que en ningún libro atopaba. Tratábase do artigo “De como volví una vez a mi pazo pairal” publicado en Bós Aires na revista “Caras y Caretas” nº 1.340 do 7 de xuño de 1924, páxinas 33-34.
Interesante artigo tamén porque describe escenas de 1910, das xentes do Morrazo que acudiran a un día de feira en Pontevedra. Pon en boca do cura de Cela o contar das últimas novidades acontecidas na parroquia de Cela: a morte do Sr. Ramón o ferrador e de Manuel o serrador, que se perdera a colleita da froita de oso e diminuíra moito a do millo, etc. Tamén describe a paisaxe e a posta do sol por Ons.
Pero o que agora quero resaltar é a mención que fai de “Benito, tecelán de Cela, o ladino filósofo rústico, amigo de don Ramón del Valle Inclán, xa non tecía na súa vetusta tecedora, porque as mozas e as vellas tampouco fiaban o branco liño caseiro coas súas pulidas rocas de buxo”.



[1] Nado en Pontevedra e “neto do maiorazgo de Ardán”. Xornalista afamado. Corresponsal do xornal La nación entre outros.

04/02/17


Eran tempos que ocupaba a alcaldía Miguel Nogueira Fraguas (con 10 anos de dealcalde en catro mandatos)
Tomo como exemplo acordo nunha só sesión de Pleno do Concello, como a do 23 de outubro de 1899:
Acordouse satisfacer a Manuel Ferradás Agulla, “a cantidade de seis pesetas que reclamaba polos prexuízos que sufriu con motivo de haberlle embargado seu Bote e Tripulación para conducir á Illa de Ons, o vinte de xullo último, a unha parella da garda civil, en virtude da orde do Cabo Comandante, con cargo á caixa de Imprevistos”.   
 
Xa vedes todo un día sen pescar e aínda por riba remando, ida e volta, á illa de Ons por seis pesetas. Menos dunha peseta por cabeza! E tres meses máis tarde! O auxiliar da secretaría que recollera nas oficinas municipais a reclamación do armador do bote cobraba 6 pesetas cada tres días de traballo.  
Pagáronse 6 pesetas (e 50 céntimos) a Justo Troncoso por unha viaxe a Pontevedra a recoller unha documentación para o concello.
Exactamente 6 pesetas sesenta veces foi a inversión do concello para reparar a estrada vella de Gándara na parroquia de Cela.
 Vinte nove veces 6 pesetas, máis 1 pts, foron os gastos da comisión do concello de Bueu que se desprazara a Pontevedra para cumprimentar ao deputado en Cortes Eduardo Vincenti.
Dúas veces 6 pesetas, máis 1 pts., foi a cantidade que se pagou a Salvador Abelleira por dúas viaxes a Pontevedra como Comisionado para o ingreso dos mozos en Caixa (para a mili).
Como se mira montóns de seis pesetas, en Bueu, dan para moito...