02/03/19


Hai anos a través da Asociación Amigos da Biblioteca fixeramos un chamamento a todos aqueles veciños que posuían algún exemplar do xornal ‘LA VOZ DE BUEU’ para que puideran doalo á Biblioteca ou permitirnos fotocopialo, a fin de que haxa unha copia en depósito nas Bibliotecas do concello e colexios (ao igual que conseguíramos coa recuperación dos xornais de El ADELANTO).  A importancia desta recuperación do material hemerográfico local reside na práctica desaparición de tal periódico das bibliotecas e museos. Temos lembranza da encadernación  de todos os exemplares que tiña o concello!
Faise pois preciso a colaboración de todos aqueles particulares que, por gardar os seus maiores un recordo daquel periódico ou por manter eles un interese recompilatorio, posúan algunha copia, recorte, etc. se presten a permitila súa recuperación para patrimonio de todos.
De querer poñerse en contacto con nós[1] pode facelo a través do seguinte enderezo: viladebueu@gmail.com ou nas Casas de Cultura/Bibliotecas do concello, Arquivo Municipal (en Cela), etc. onde si o desexa, terá a discreción asegurada.
Na miña páxina http://bueu.ga  ou directamente en http://bueu.esy.es/Xornais/Voz.htm  podedes mirar uns poucos exemplares, recortes ou transcricións moi lonxe daqueles dos 120 números que saíron á rúa de 1904 a 1906.
E agora un pouco de noticias ‘novas’ do que fora La Voz de Bueu:
“Ao obxecto de levar a cabo o ordenado polo Ilmo Sr. Gobernador Civil da provincia na anterior comunicación cítese ao Director propietario do semanario que se publica na localidade D. Ramón Galup Maneiro para que cumpra o preceptado no artº 11 da lei de imprenta de 26 de xuño de 1883 presentando no acto da publicación do seu xornal titulado ‘La Voz de Bueu’ tres exemplares de cada número, autorizados coa súa firma para os efectos que dita comunicación indica.
Así o determinou a Sor. Alcalde D. Laureano Piñeiro Domínguez na Constitucional de Bueu a dez e sete de Xaneiro de mil novecentos seis, de que eu Secretario certifico.”
Logo houbo una Notificación:
“Na Consistorial de Bueu a dezasete de Xaneiro de mil novecentos seis, previa orde ao efecto presentouse D. Ramón *Galup Maneiro director propietario do xornal titulado ‘La Voz de Bueu’ que sae á luz nesta localidade unha vez cada semana, e pola Sor. Alcalde presidente léuselle a comunicación e providencia que antecede do que quedou decatado e ofreceu cumprir baixo as penas da Lei, en proba do que asina despois do dho Sor Alcalde, de que eu secretario certifico”



[1] Ao igual que se fixo cos orixinais de El Adelanto.

01/02/19


No mes de maio de 1908 recíbese unha instancia no concello de Bueu, curiosamente dirixida ao Sr Alcalde (ata aquí todo normal) «e máis tres desta digna Corporación» do que descoñecemos o porque desta insólita misiva así como quen son os tres interpelados[1].  
A transcrición do texto é:
«Josefa R--- F--- de Beluso á V.V. respectuosamente expón: Que mirado por máis dunha vez, que os xogadores da Chave na vía ppca de Beluso, non deixan paso libre aos burros que van cargados de gran para os muíños de Bueu.
Suplica a V.V.  dígnense ter a bondade de ordenar aos Celadores de barrio correspte, de que lles avisen a ditos xogadores para que non comentan semellantes desordes que ofenden ao pobo no que naceron.
Espero acadar do celo e bondade de V.V. o que por necesidade lle pide a expoñente.
Deus garde as súas vidas por ms as.
Bueu a 13 de maio de 1908
(asinado)»

Curioso e gratificante é saber que en menos dunha semana despois o alcalde, Manuel González Graña, deu as ordes oportunas aos Alcalde de Barrio, para que o mencionado na instancia non se repetira:
«O 18 de maio foi cumprido o que se interesa nesta instancia, oficiando ou transmitindo ordes sobre o particular aos alcaldes de barrio.
(Asinado)»


[1] Aínda que podemos interpretar son concelleiros da parroquia de Beluso probablemente implicados na denuncia.

16/01/19


Se nos achegamos á sesión plenaria do 21 de febreiro de 1924 que «A proposta da presidencia e en atención ao citado deterioro no que están os once farois do antigo alumeado por acetileno propiedade deste Concello, que están depositados na Consistorial, a Corporación acorda proceder á súa adxudicación mediante concurso...»
Anunciado oportunamente durante un período de quince días só se recibe no Concello unha solicitude para facerse cos farois, e non por todos senón por catro. A petición ven dende a Illa de Ons, da man de Didio Riobó Bustelo, xestor e fillo do dono da mesma. Didio oferta pagar por cada un dos farois 4 pesetas.
O 20 de marzo de 1924 o alcalde Jesús Prieto tramita, á proposta da Corporación, o expediente de adxudicación de «farois deteriorados» ao único que participou na poxa, Dídio Riobó Bustelo.
E así é como os farois foron a parar á casa-almacén que a familia Riobó posuía na súa illa, Ons.
Pero se seguimos o rastro deses farois retrocedendo no tempo chegaríamos a xaneiro do ano 1906 en que no segundo pleno[1] despois de tomar posesión da alcaldía de Bueu, Laureano Piñeiro Domínguez[2] expón a petición dos veciños do Príncipe (actual rúa Eduardo Vincenti) para que se poñan uns farois na súa rúa e o fixeron nos seguintes termos: «... interesando da Corporación que tendo en conta a necesidade que se sinte duns farois na dita rúa e a precaria situación do erario público municipal, se instale por conta dos fondos seis farois cos seus depósitos para producir gas acetileno[3] ofrecéndose os reclamantes a soster o alumeado durante o ano actual...».
Farola na Praia de Beluso
Na sesión plenaria do 20 de xaneiro dáse conta, na mesma liña, de dúas instancias de veciños da praia de Beluso e da Ribeira (actual Montero Ríos) que desexan farois como os da rúa do Príncipe.
O Concello encarga á mesma comisión que tiña que resolver a necesidade dos puntos de luz no Príncipe, incorporando ao salgadoiro Clemente Lago, o faga tamén para Beluso e na Ribeira.
Aínda que na sesión ordinaria do 4 de febreiro de 1906 a Corporación informouse dunha comunicación do Gobernador Civil de que non procedía a concesión de transferencia de crédito para os seis farois que o concello pensaba mercar para a rúa do Príncipe, non será ata o día 12 dese mesmo mes cando se trate do ditame da comisión encargada sobre os farois incluíndo os 5 a poñer na Banda do Río, Ribeira e Praia de Figueirón. O «Concello resolveu que se adquiriran os nove farois de que se trata con todos os seus accesorios e se coloquen nos lugares designados satisfacéndose todos os gastos que con tal motivo se orixinen con cargo ao capíto de Inconvenientes; en cuxo acordo non conveu o 1º Tenente D. Tomás García por non haber cantidade sinalada para este fin no presuposto e necesitarase para outros Inconvenientes».
Como pode comprobarse que non foron 5, nin 6 nin 9 os farois que tiveron algunhas rúas e lugares de Bueu, senón 11.


[1] Sesión ordinaria do día 14 de xaneiro de 1906.
[2] Tomou posesión o 1 de xaneiro de 1906.
[3] Xerado a partires de carburo calcio.

01/01/19

A Praia da Roiba deulle dende principios do século XIX nome ao almacén de salga que está ao seu carón.
Sería Pedro Pastoriza, un dos primeiros salgadoiros locais, o que iniciou a súa construción coa oposición dos veciños do “Partido Xurisdicional de Cangas e do Coto de Bon e Villar”. Tras pasar ao longo do tempo por múltiples mans: Antonio Pérez, Heraclio Méndez, Manuel González Plá, Joaquín Francisco Graña Rodal e Darío Lameiro Sarachaga... e no ano 1936 a que tamén se convertera nunha fábrica de conservas está pechada e é propiedade dun Banco de nacionalidade británica con sede en Londres: The Anglo South American Bank Ltd[1].
 Ata aquí o relato sería normal. Mais o que nos interesa agora é poñer o foco nestas datas de 1936: Tralas eleccións xerais, en febreiro dese ano, gaña a coalición de esquerdas coñecida como Fronte Popular o que motivou unha forte reacción da dereita española. O que propiciou que durante uns meses o ambiente político en España se tensara de tal xeito que serviu de escusa para actos vandálicos de todo tipo. É, neste estado de cousas, cando o gobernador civil[2] manda con data 25 de xuño unha circular a todos os alcaldes, para que se dispoña “que a forza da Garda Civil, preste servicio de vixilancia e custodia caso necesario ás propiedades e edificios de súbditos e entidades de nacionalidade británicas” por ser os desta nacionalidade os que estaban máis no punto de mira dos ‘alborotadores’.
E así é como a Garda Civil vixía durante un curto espazo de tempo a fábrica pechada da Roiba...
Con motivo da necesidade de desprenderse de inmobles, a entidade bancaria inglesa vende A Roiba á sociedade Massó Hermanos que posteriormente, no ano 1948, a vende a Manuel Abalo empresario que tras desenrolar actividades, en sociedade coa familia Carballal, de tratamento de peixe, transformaría o almacén nunha cetaria...



[1] Partindo de todo unha serie de fusións bancarias en Sudamérica, fundamentalmente con capital inglés, dende 1888  fai que xurda a partires de 1907 co nome Banco Anglo Sudamericano. Logo dunha grande expansión comeza nesas mesmas datas de 1936 cunha grande caída polo que foi absorbido sobre todo polo Bank of London and South America.
[2] Gonzalo Acosta Pan, do Partido Republicano Radical-Socialista. Estivo de Gobernador Civil e Pontevedra (anos antes tameno fora de Biscaia) dende o 26 de febreiro de 1936 ata a sublevación das tropas de Franco (18 de xullo) que foi apresado e posteriormente fusilado na Caeira o 8 de setembro.


22/12/18

Manuel Riobó Gimeráns, nado en Meiro o 10-3-1863 (aínda que logo viviu en Cela de onde era o seu pai e avó paterno) é coñecido como o que mercou a Illa de Ons que logo deixaría aos seus fillos. Pero do que agora quero falar e do seu papel coma médico; médico non atallando abrochos de tifos en Ons ou de cólera ou viruela en Filipina ou de forense en Vigo senón como médico asinante dos partes de baixa a catro veciños de Beluso, O Valado, O Enleito e Bueu que foran nomeados Alcaldes de Barrio e que non querían levar esa responsabilidade dende que accedera á alcaldía Agustín García Parada o 1 de xaneiro de 1910. Curioso é que tres deles o fixeron o mesmo día que un novo equipo municipal tomaba posesión. Por se sirve de pista para interpretar os datos que aparecen a continuación, dicir que o Sr. Riobó fora concelleiro co anterior alcalde, Clemente Lago, ata finais de 1809.
Partes de Baixa:
O de Beluso era Luís M., veciño de A Rosa a quen “recoñecido (27-1-1910) e examinado atópase afectado dunha Amiotrofia localizada ao membro inferior esquerdo con deformidade dos pés do mesmo lado, sostida esta afección por profunda alteración nerviosa; padecemento que ven sufrindo desde a nenez, inutilizándoo para a progresión e polo tanto para o desempeño do cargo de Alcalde de Barrio para o que recentemente foi nomeado.”.
O de O Valado Francisco C. R. (27-1-1910) a quen despois de recoñecelo atopou “afectado dunha voluminosa hernia inguinal externa do lado dereito que lle impide todo movemento forzado e a locomoción en determinados estados obrigándolle a gardar cama con bastante frecuencia; padecimiento que le inutiliza para desempeñar el cargo de Alcalde de Barrio para o que recentemente foi nomeado.”
O do Enleito Benito L. L. (27-1-1910) a quen despois de recoñecelo atopouno “afectado dun reumatismo muscular crónico con exacerbacións subagudas seguidas de dores musculares que lle obrigan a gardar cama naqueles períodos; estes estados caracterizados como enfermidades a frigore manifestas, desenvólvense por arrefriamento do organismo impedíndolle dedicarse [...] ao desempeño do cargo de Alcalde de Barrio para o que recentemente foi nomeado.”
O de Bueu era Francisco Fernández S. (22-5-1910) e este tiña, ao dicir do doutor, “unha hernia inguinal do lado dereito que lle impide en determinados estados exercitar os fundamentos da locomoción [...] polo tanto imposibilitado para o desempeño do cargo de Alcalde de Barrio para o que recentemente foi nomeado.”