01/05/19


En xullo de 1933 o Gobernador Civil comunícalle ao alcalde de Bueu que ante unha instancia recibida da presidenta da Asociación Unión Rexional de Dereitas (URD) en Bueu, e feitas as oportunas investigacións, non consta no Libro-Rexistro de Sociedades unha con esa denominación polo que “considérase a dita Entidade como Non funcionando”.
O que si coñecía o gobernador era que estas agrupacións locais eran apéndices dun partido político URD (Unión Rexional de Dereitas ) fundado o ano anterior[1].
Sen haber constancia no concello da legalización ou entrega de estatutos con posterioridade a esa comunicación recíbese, meses despois, unha solicitude asinada pola presidenta da URD requirindo autorización para celebrar unha Xunta Xeral, o domingo 5 de novembro de 1933 que sería presidida por unha dirixente provincial da dita Asociación, a Sta. Carmen Blanco Linares[2], coa seguinte Orde do Día:
-Lectura del acta anterior.


-Lectura de contas. 
-Explicación da Lei electoral vixente.

Este último punto era de moito interese para coñecer o marco legal dos comicios Xerais que se ían celebrar o 19 dese mesmo mes[3] e na que as mulleres exercerían por vez primeira o seu dereito a voto.

Nota: Dentro desta liña quero lembrar outra entrada (31-5-2018) na que se fala do movemento asociativo de mulleres no noso concello en 1937 como as “Mulleres ao Servicio de España”. Para ir a esa entrada premer aquí.


[1] E que en 1933 pasaría a integrarse na CEDA (Confederación Española de Derechas Autónomas).
[2] Carmen Blanco Linares foi dirixente Provincial desa Asociación U. Rexional de Dereitas. Logo na Guerra Mundial pertenceu ao coñecido como “Grupo 250 de Sanidade” da División Azul.
[3] Primeira volta das segundas Eleccións Xerais da II República Española.

04/04/19

Unha vez máis presento a persoas que por motivos diversos tiveron medallas ou diplomas concedidas por institución militares ou políticas. 
Hoxe porei tres breves notas que fan referencia a tres bueueses que recibiron medallas en momentos moi distintos e por motivos tamén diferentes.
1º.-  Comezaremos na afastada Filipinas  a finais do século XIX cando con data de 19 de marzo de 1876 (Real Orde de 28-6-1880)  concedéuselle a Cruz de Prata da Orde do Mérito Militar ao bueués José Fazanes Costas para premiar os servizos prestados coma clase de tropa.
José Fazanes era artilleiro do Rexemento de Artillería Peninsular do Exército de Filipinas.  
A condecoración levaba parella unha contía económica de dúas pesetas con cincuenta céntimos mensuais.


2º.- Por Real Orde 10 del novembro de 1927 (Diario Ministerio de Marina 12/11/1927) concédeselle a Cruz de Prata con distintivo branco, pensionada con 300 pesetas anuais, durante o seu tempo de servizo, ao condestable  José Estévez Ferradás, de Beluso, destinado en Marín, polo salvamento de dous mariñeiros que caeran ao compartimento do dique de proa do cruceiro Blas de Lezo, o día 4 de maio do ano 1926, mentres estaba reparándose na cidade de Ferrol.


 .- Na conmemoración do 18 de xullo de 1954 e a proposta da Xefatura Provincial do Movemento foille concedido o ingreso na Orde de Cisneros entre outros, con Cruz de cabaleiro ao alcalde de Bueu, José Mª Massó García.
Anos despois a primeiros de xuño de 1965 o Ministerio da Gobernación concédelle a Encomenda da Orde do Mérito Civil coa categoría de encomenda sinxela, a seis alcaldes e dous secretarios da provincia de Pontevedra. Un deses alcaldes condecorados foi José Mª Massó García.


02/03/19


Hai anos a través da Asociación Amigos da Biblioteca fixeramos un chamamento a todos aqueles veciños que posuían algún exemplar do xornal ‘LA VOZ DE BUEU’ para que puideran doalo á Biblioteca ou permitirnos fotocopialo, a fin de que haxa unha copia en depósito nas Bibliotecas do concello e colexios (ao igual que conseguíramos coa recuperación dos xornais de El ADELANTO).  A importancia desta recuperación do material hemerográfico local reside na práctica desaparición de tal periódico das bibliotecas e museos. Temos lembranza da encadernación  de todos os exemplares que tiña o concello!
Faise pois preciso a colaboración de todos aqueles particulares que, por gardar os seus maiores un recordo daquel periódico ou por manter eles un interese recompilatorio, posúan algunha copia, recorte, etc. se presten a permitila súa recuperación para patrimonio de todos.
De querer poñerse en contacto con nós[1] pode facelo a través do seguinte enderezo: viladebueu@gmail.com ou nas Casas de Cultura/Bibliotecas do concello, Arquivo Municipal (en Cela), etc. onde si o desexa, terá a discreción asegurada.
Na miña páxina http://bueu.ga  ou directamente en http://bueu.esy.es/Xornais/Voz.htm  podedes mirar uns poucos exemplares, recortes ou transcricións moi lonxe daqueles dos 120 números que saíron á rúa de 1904 a 1906.
E agora un pouco de noticias ‘novas’ do que fora La Voz de Bueu:
Ao obxecto de levar a cabo o ordenado polo Ilmo Sr. Gobernador Civil da provincia na anterior comunicación cítese ao Director propietario do semanario que se publica na localidade D. Ramón Galup Maneiro para que cumpra o preceptado no artº 11 da lei de imprenta de 26 de xuño de 1883 presentando no acto da publicación do seu xornal titulado ‘La Voz de Bueu’ tres exemplares de cada número, autorizados coa súa firma para os efectos que dita comunicación indica.
Así o determinou a Sor. Alcalde D. Laureano Piñeiro Domínguez na Constitucional de Bueu a dez e sete de Xaneiro de mil novecentos seis, de que eu Secretario certifico.”
Logo houbo una Notificación:
Na Consistorial de Bueu a dezasete de Xaneiro de mil novecentos seis, previa orde ao efecto presentouse D. Ramón *Galup Maneiro director propietario do xornal titulado ‘La Voz de Bueu’ que sae á luz nesta localidade unha vez cada semana, e pola Sor. Alcalde presidente léuselle a comunicación e providencia que antecede do que quedou decatado e ofreceu cumprir baixo as penas da Lei, en proba do que asina despois do dho Sor Alcalde, de que eu secretario certifico



[1] Ao igual que se fixo cos orixinais de El Adelanto.

01/02/19


No mes de maio de 1908 recíbese unha instancia no concello de Bueu, curiosamente dirixida ao Sr Alcalde (ata aquí todo normal) «e máis tres desta digna Corporación» do que descoñecemos o porque desta insólita misiva así como quen son os tres interpelados[1].  
A transcrición do texto é:
«Josefa R--- F--- de Beluso á V.V. respectuosamente expón: Que mirado por máis dunha vez, que os xogadores da Chave na vía ppca de Beluso, non deixan paso libre aos burros que van cargados de gran para os muíños de Bueu.
Suplica a V.V.  dígnense ter a bondade de ordenar aos Celadores de barrio correspte, de que lles avisen a ditos xogadores para que non comentan semellantes desordes que ofenden ao pobo no que naceron.
Espero acadar do celo e bondade de V.V. o que por necesidade lle pide a expoñente.
Deus garde as súas vidas por ms as.
Bueu a 13 de maio de 1908
(asinado)»

Curioso e gratificante é saber que en menos dunha semana despois o alcalde, Manuel González Graña, deu as ordes oportunas aos Alcalde de Barrio, para que o mencionado na instancia non se repetira:
«O 18 de maio foi cumprido o que se interesa nesta instancia, oficiando ou transmitindo ordes sobre o particular aos alcaldes de barrio.
(Asinado)»


[1] Aínda que podemos interpretar son concelleiros da parroquia de Beluso probablemente implicados na denuncia.