27/09/15


No ano 1939 créase en Cartagena (Murcia) a primeira banda de “gaitas galegas” na Infantería de Marina Española. A “culpable” de que se constituíse esta, e de que nos actos da Armada Española houbese “representación da música galega”, foi dunha gaita de Beluso e do seu dono Manolo Barros Comedeiro, naquel tempo infante de mariña.
Conformaban a banda 32 gaitas mercadas nun establecemento da rúa Velázquez Moreno
de Vigo. O encargado de recollelas e transportalas ata Cartagena foi o mesmo Manuel Comedeiro. Os compoñentes eran case que todos galegos e mallorquinos; e a primeira peza que tocaron fora “Baila, miña Maruxa”. Participaron no “Desfile da Victoria” dese ano e ese foi o empurrón para que se consolidara a ”banda de gaitas na Infantería de Marina”.
Pero se queredes coñecer as reviravoltas polas que se chegou a iso teredes que ler o relatorio  do profesor Staffan Mörling, “A gaita galega nas bandas de música da Infantería de Mariña Española” no libro titulado “Albeites, compoñedor@s e menciñeir@s”[1], ou, de non poder facerse con el, atoparédelo neste enderezo:  https://bit.ly/2kZmgej ou neste outro da revista Aunios nº 12:   https://bit.ly/2sSLIpr


[1] Libraría Librouro de Vigo, editora do libro.

15/09/15



Tal como recolle La Correspondencia Gallega do 26 de setembro de 1907 na súa páx. 2  houbera, o domingo 22 dese mes unha festa cívico relixiosa, baixo a advocación da Virxe do Carme. Hai unha descrición a polo miúdo o que nos serve para ter unha idea do transcorrer dese evento:
Houbo bo fogo de artificio e de aire confeccionado polo pirotécnico Iglesias de Bueu; as vésperas estiveron moi animadas e concorridas, amenizando as festas as músicas de “La Lira” de Ribadavia y el “Eco de Moaña”; dúas bandas mellores que a mellor charanga ben organizada”. Logo fala da misa solemne con orquestras e coros e do sermón do P.Silos, Capuchino do convento de Vigo.
O artigo remata comentando o “tráxico remate” destas festas cun “homicidio frustrado dun mozo de Cela, ocorrido ás dúas da madrugada do luns na taberna coñecida co nome de ‘Pepa Sabela’ establecemento no que víñanse celebrando os bailes dominicais, con que os xoves obsequiaban ás familias e cuxos produtos constituían uns dos emolumentos para sufragar as dúas ou tres mil pesetas que lle custan estas celebérrimas festas”.