25/09/18

Agora que se está a dar por rematada a campaña de verán é o momento de facer balance ou pararse uns intres a reflexionar e ata de botar unha ollada atrás para comparar sobre o fenómeno turístico.
O que para uns foi boa ou excelente tempada, para outros “un desacougo pola xente”.
Non serei eu o que poña tachas a estas cavilacións xa sexan positivas ou negativas.  O que quero é amosar esa outra mirada no tempo na que aparecen as reiteradas gabanzas de Bueu como lugar que quere proxectar o seu potencial de engaiolar aos posibles visitantes para que non só tendan
pontes na economía local senón que a enriquezan culturalmente facilitando o progreso en todas as direccións.
La Correspondencia Gallega_diario de Pontevedra - 29 agosto 1906 páx. 1
Como primeiro exemplo, polo de agora, preséntovos o que un correspondente facía a finais de agosto do ano 1906 no diario pontevedrés La Correspondencia, baixo a sinatura ‘X’ e co título ‘De veraneo’:
Isto das subsistencias lévame da man ao que puidera ser Bueu se non se procurasen comodidades aos forasteiros facilitando os medios de subsistencia: porque Bueu, que é verdadeiramente fermoso, con porto limpo, seguro e extenso, en exuberante e rica chaira, de atractiva paisaxe, de ceo azul en despexado e amplísimo horizonte, clima benigno, con praia de máis dun quilómetro, nunha cuncha pechada por unha cinta de bonitas edificacións, formando un lindo pobo cheo de establecementos industriais e mercantís, cuxa riqueza, si está coñecida non vai ben canleada; non ten Bueu vivendas para forasteiros, nin alicientes para os bañistas, nin sequera praza ou mercado diario […]
E logo da a súa particular visión de quen son aqueles que nos visitan e ata fai unha relación dos que considera máis relevantes:
...os forasteiros veñen aquí atraídos nada máis que por relacións de familia, ou por outras causas de amizade ou interese, que os achegue a estas praias onde están veraneando, o acreditado e coñecidísimo enxeñeiro industrial, intelixente director da notable revista “Artes-Industrias”; de Barcelona D. Gerónimo Bolívar, coa súa dona e fillos, que veu a esta praia ao lado dos seus irmáns; o ilustrado catedrático do instituto de Reus, literato e publicista Sr. Saiz Armesto, coa súa dona, sogra e fillos, que teñen aquí a súa casa de nobreza antiga dos Aldaos; a familia do señor Romero, escritor e xornalista filipino, que veu a renovar as relacións de amizade que de antigo lle unen co reputado Doctor Riobó, fillo de Bueu; e os señores de García Cobas de Pontevedra, pais políticos dos señores Massó, a cuxo lado pasan estes días. Moitísimo se podería facer para que os de fora, coñecendo este país, veñan a pasar a tempada de calor nestas praias; máis hoxe non o pedimos...”

01/09/18

 Antes de entrar en materia póñovos brevemente as orixes dunha capelanía, a de Santo Domingo
da igrexa de Beluso. Fundada polo natural de Cela, D. Domingo Piñeiro Blanco, presbítero tamén de Beluso o 16-10-1729 ante o escribán Tomás de la Rúa e Freire e consistía nunha capelanía titular e de padroado lego constituída baixo a advocación de Stº Domingo (no lateral de Ánimas ao lado dereita do Evanxeo) que tiña unha misa rezada perpetua ao alba tódolos domingos e festivos, dotándoa con bens suficientes para a sustentación do capeláns e ata para que estes puidesen ser ordenados sacerdotes (os que non o fosen)... e preferentemente ocupada, a proposta dos patróns “por seren Parentes do propio fundador”.
 Así chegamos ao 29-5-1788 en que a ‘Patroa’ nese momento, Gertrudis Pastoriza nomea, ante o escribán de Sta Cristina de Cobres, Antonio Jacinto de Arsaujo, a José Sebastián Fernández Regueiro, presbítero e veciño de Beluso como capelán levador dos bens e rendas da obra pía que baixo a advocación de Sto. Domingo fundara Domingo Piñeiro.
Ata aquí todo sería normal se non aparecera en escena o recen nomeado Tenente cura de Beluso, Benito Riobó, que reclama a capelanía ao considerar que lle correspondía legalmente por ser neto dun parente do fundador.
Ante as reticencias por parte do capelán José Sebastián, pois este xa levaba unha ducia de anos exercendo como tal, fan que en maio de 1800 Benito Riobó, dea o paso de querelarse para reclamar a capelanía. Para o cal da un Poder, ante o escribán Pascual de Juncal, a un procurador de A Coruña chamado Andrés López Couto  para que litigue no seu nome contra Joseph Sebastián Fernández Regueiro.
O argumento máis válido na querela era que Benito Riobó xustificaba a súa ascendencia como neto de Domingo Piñeiro de Castiñáns, veciño de Cela e nomeado como parente polo fundador da capelanía, razón máis que de peso polo que se consideraba seu lexitimo herdeiro:

Ante esta actitude firme, belixerante e, sobre todo, fundada, o demandado José Sebastián decide facer cesión da capelanía a Benito Riobó evitando así a contenda xudicial. Faino catro meses despois da demanda, o 5-9-1800, ante o mesmo escriban Pascual de Juncal poñendo fin de forma civilizada a unha disputa interna de curas dunha mesma parroquia por intereses nunha capela.


Arquivo H. Provincial de Pontevedra. Escrib. Pascual de Juncal
Data: 15-5-1800   Ca-1461(2) Fol.18  
Arquivo H. Provincial de Pontevedra. Escrib. Pascual de Juncal
Data: 5-9-1800   Ca-1461(2) Fol. 21