14/09/17

A pesar da alta temperatura na que está hoxe en día a política en España co tema catalán, e sen a máis mínima intención de interferir con ningún tipo de discurso, vou plasmar nesta entrada un telegrama que hai moito tempo había fotocopiado e que a casualidade fixo que me volvera a tropezar con el e cunha pequena nota que lle axuntara. Polo que paso a transcribilos pois penso que pode ser unha información interesante ou, cando menos, curiosa:
O 15 de abril de 1931, día seguinte da proclamación da Segunda República Española, os gobernadores civís tiveron moito traballo en comunicar ao través do telégrafo esta nova a todas as alcaldías[1]. Á súa vez entre as noticias corrían rumores de todas cores e intencións acordes coas alporizadas loitas políticas e ideolóxicas que na España se estaban a vivir por esas datas.  
Unha destas azueiras ou rumores que o Ministro da Gobernación, ao través dos gobernadores provinciais, quería desmentir era o da suposta constitución da “República de Cataluña”. E o fixo ese día que nos estamos a referir, o mércores 15 de abril de 1931, nos seguintes termos como reza no telegrama recibido polo alcalde en funcións de Bueu, Ramón Domínguez Ferradás:
Para a súa satisfacción e do público xeral transmito a V. o seguinte telegrama recibido do Ministro Gobernación e que debe V. facer público en canto o reciba.
Son absolutamente falsos rumores que se espallaron acerca proclamación República Cataluña con sentimento hostilidade, nin sequera de morneza para o resto das rexións e a totalidade do Estado, polo contrario, o presidente goberno república celebrou co Sr. Macía e personaxes significados de igual tendencia cordialísimas e efusivas e conmovedoras conferencias nas que valorou ao par que unha mutua confianza para satisfacción das aspiracións de Cataluña e Grandeza España os máis nobres e elevados sentimentos. Segundo comunicaron as mesmas persoas proclamárase a República [Española] entre o entusiasmo do pobo que daba as súas vivas frenéticas á nova forma Estado, a Cataluña e a España.”







[1] No Arquivo Municipal hai constancia destes telegramas e do que se transcribirá aquí.

01/09/17



Hoxe remata agosto e nos seus ollos reflíctese a equipaxe da tristura que dá a partida dos amigos, dos veciños, dos veraneantes,... Setembro, unha vez máis, reparte pensamentos e sentimentos de Bueu na memoria e no corazón dos Santi, dos Paco, das Lucías, das Lolas e de tantos e tantas que, como as andoriñas, tentarán volver no vindeiro ano.
En homenaxe a todos os que estivestes en Bueu este verán e desexades regresar... un pequeno relato froito dunha estancia na praia de Beluso, a mediado dos anos sesenta do século pasado, da doutora coruñesa, afincada en Granada, Lina Anguiano, titulado “Unha carta á praia de Beluso” e que continuación transcribo e traduzo:



Preme para ver artigo do libro
Premer no libro para ver artigo orixinal
Rúa longa dunha ringleira de casas que mira á costa. Un pequeno porto. Unhas redes tendidas ao sol. E barcas, moitas barcas de quilla achumbada que no país chaman dornas; unas varadas na area, outras cabeceando nas augas da ría.
Ás costas un val, o verde val que ascende ata Beluso, domina o pobo e as próximas praias e as suaves montañas que alá enfronte contornan a distancia .
Un museo, en cuxa fachada unhas palabras vibran sobre a pedra, como un himno de gloria ao mar.
Un monumento en granito ao pescador, unha lonxa, unhas tendas con aparellos de pesca. Rapaces que xogan a ser mariñeiros. Mulleres que van e veñen con cestas de peixe á cabeza. Homes curtidos, que a porta dunha taberna, charlan en grupos ao caer a tarde, antes de facerse ao mar.
Vento salobre, vento de brea que ule a eucalipto y ten todos os sabores do val. Vento que descende do bosque de Beluso, vento insondable do Norte.
E un mar que brama desde o principio do Tempo día e noite, día e noite, sen amainarse, sen sosegarse nunca.
Este é Bueu, o pobo de pescadores, mecido no regazo da aldea de Beluso. Este é Bueu.
O vermello amante do faro protexe agora ao pobo que quedou sen homes. Ao meu balcón, aberto ao presaxio das olas, chega o eco duns pasos e o dolor dunha aguda nostalxia. Unhas débiles luces escintilan nas augas da ría. Lixeiras nubes ocultan a medias a lúa. Pero o ceo é claro e vexo como emerxen as montañas e vexo o pobo e o reloxo do museo mariñeiro que marca as horas en Bueu.
No hai voces. Non hai murmurios. Ninguén vela. Só o latexo do mar e o latexo da miña escura nostalxia. Unha anguria, a ignota angustia do mar que arrastra as lágrimas de todos os mundos, irrompe a ondadas na miña alma. A praia de Beluso recolle o meu pranto e o nome dun soño que se vai.
Mañá xa partira... Mañá.
De cara ao alento da noite, douche as gracias e dígoche adeus.
Douche grazas pola luz con que teus ollos me miraban, polo teu sorriso, por las fondas baladas da túa patria que me bríndache á medianoite a véspera de irvos a Bueu.
Douche grazas polo bondadoso ademán con que a túa man me protexía. Douche graxzas por non abandonarme un só instante. Douche grazas por todas as atencións, por todas as pequenas cousas que me ofrecías a diario. Douche grazas, grazas sempre por todo lo que recibín de ti.
Cambiaría meus días máis felices polas sinxelas comidas na longa mesa familiar que presidía a túa nai. Á miña memoria acude unha e outra vez a tenra solicitude conque todos os irmáns a obsequiabades a ela e o cálido xesto con que ti te inclinabas para atenderme a mi.
En ocasións túa nai conversaba cos tres compatriotas que compartían a vosa vida. Falaba da cociña, as costumes e as doces vivencias que quedaran no Leste, no país natal.   
Todas as miñas alegrías as cambiaría por volver a escoitar o suspiro das ondas naquela mesa. E as cambiaría polo fermoso paseo que facíamos todos xuntos para asistir o domingo á parroquia de Bueu.
A ti gustábache ir polo camiño máis largo, por un sendeiro bordeado de árbores que ascendía ata a igrexa. No azul da mañá e da ría, o saúdo da campá brincaba gozoso polo val.
Vosos amigos e teus dous irmáns levaban a túa nai no centro. Ti diante, viñas sempre comigo. De vez en cando chegaban a nós algunhas frases no teu idioma eslavo. Era túa nai quen falaba, Ti volvíaste cara o ser querido que salvara varias fronteiras para vir a mirarvos. Volvíaste cara ela cos teus claros ollos iluminados de caricias. Logo, sorrindo, traducíasme a min as súas palabras ... E seguíamos camiñando.
De súpeto dabas un salto para alcanzar a pola dunha árbore. Ou apartábasme delicadamente do sol. Ou me gastabas unha broma. E me mirabas aos  ollos. E sorrías ... E seguíamos camiñando.
A veces eu detíñame para mirar atrás. Bueu e a praia ían quedándose abaixo. A medida que ascendíamos, a paisaxe se dilataba, se expandía ata o horizonte. Na inefable calma da altura, unha visión de montes, de prados e casais, de ría, de sol, de verdes e azuis, de barcas, de luz e de brisa, parecía desbordarse e inundar de beleza á terra. Parada alí, na cima, escoitando o trémulo secreto das árbores, eu miraba e miraba. Miraba cos ollos do rostro e miraba cos ollos da alma.
Mañá, agora mesmo, todo isto xa non é máis cun recordo, o nome dun soño que se vai.
Xa para sempre estes días serán meu Tatra, a vella montaña do Leste, onde ti naciche  e que acaso nunca a volvas ver.
Unha tarde falábasme da túa infancia. Falábasme dos Cárpatos, das veces que remaras polo río que serpeaba o Tatra. Non era en Bueu onde evocabas a túa nenez. Era noutra praia, sentados sobre unha rocha nun lugar deserto de matos e penas, batido polas ondas. Foramos ata alí en lancha. O vento borrascoso do Norte  azoutábanos o rostro e sacudía os fentos que crecían ao pé da rocha. Ti detivécheste a contemplalos e pasando a man polas matas, pregúntacheme como se chamaba na miña lingua. Eu che dixen o nome e entón dícheme a coñecer unha lenda que os vellos contaban aos nenos do teu país.
Segundo a lenda, o fento daba unha flor que vivía unha sola noite, a noite de San Xoán. Había que saír de madrugada a buscala ao resplandor das fogueiras acendidas ao pé das montañas e aquel neno que tivese a fortuna de atopala, podía pedirlle tres cousas, as máis desexadas, que a flor tiña a virtude de conceder… De pequenos adoitaban falarlle dun neno que en tempos achara a flor... Ti ­dicías sorrindo­ non atoparas ningunha.
Referíasme a lenda na rocha, de face aos grises da tarde, nunha paraxe que traía á túa memoria o recordo do Tatra.
Mañá xa partiría e cando chegue o verán xa non poderei ir á rocha a buscar o froito do fento a noite de San Xoán. Pero se nalgún outro lugar atopásea, pedirei á flor que che sexa dado volver ao Tatra. Pedirei que outra vez che sexa dado pousar a túa man nos fentos dos Cárpatos e asucar o río onde ti aprendiches a remar na nenez.
Está a subir a marea e as ondas estrélanse contra o dique onde ti e eu estivemos sentados esta noite. Só fai unhas horas e xa parece que o reloxo do museo mariñeiro cesase de latexar. Só fai unhas horas que ti che desposuías do xersei para botalo blandamente sobre os meus ombreiros. Só fai unhas horas.
Sopraba o vento e o pobo fórase a descansar. Unicamente nós permaneciamos sentados no dique escoitando a rouca sonata das ondas. Toda a noite desexariamos quedarnos alí, á clara luz de Eternidade que bañaba as nosas almas.
Agora, mentres ti dormes mergullado talvez na nostalxia do Tatra, eu contemplo o dique e de novo dígoche grazas. Grazas por coidarme tan docemente. Grazas pola benvida que me dispensaches na estrada cos teus irmáns e amigos a tarde que cheguei a Bueu. Grazas polas mouras, polas rosas silvestres que, atadas no teu pano para que non me picase, íasme ofrecendo esta tarde cando subiamos polo bosque á festa de Beluso.
Os músicos estaban tocando cando chegamos arriba.  Un vendedor cun mazo de papeletas acercouse a nos. Ti mércachelle uns cantos boletos dunha rifa que sorteaban unha tenreira. E os dous votámonos a rir.
Na contorna nosa bulía unha algarabía de campesiños que subían á aldea, de luces, de faroliños, de traxes novos, de música e pregóns, enmarcado todo polo bosque, os prados e o sol da tarde que refulxía abaixo, na ría de Bueu.
Entre a xente atopamos a teus dous irmáns e a teus amigos. Ao mirarnos sorríronse, viñeron a saudarnos e volveron a deixarnos só.
Un gaiteiro arrancouse de pronto cun vals. Os mozos dividíronse en parellas. Ti que es tan alto  inclínachete cara min e cun novo destello nos teus límpidos ollos, pregúntacheme sorrindo: «¿Bailamos?». Pero sen saber por que nos quedamos alí sen movernos. Quedámonos apoiados no muro presenciando o baile e todo o escenario da festa.
Durante longos años estiven anhelando este momento. Durante longos años estiven desexado que me fora concedido volver á terra, compartila, abarcala, vivila de novo cunha persoa achegada ao meu corazón. E xa miras, puiden escoitar na túa compaña a gaita e as cancións que arrolaron a miña nenez. E penetreime de todos os errantes espíritos do mar e do vento, acubillada na calor dunha prenda de lá que era túa. E asistín a unha misa aldeán con todos vós. E puiden admirar ao teu lado as candorosas imaxes de todos os cruceiros que nos saían ao camiño de Beluso. E xa entre as sombras do ocaso, regresei contigo pola soidade do bosque. Regresei coas túas rosas silvestres na man, despedindo caladamente os casais e a ría de Bueu e as chispiñas de luz que se ían acendendo nas aldeas veciñas mentres arriba, ás nosas costas, quedaban cada vez máis lonxe o baile e os rumores da festa.
Agora teño o corazón cheo de cousas belas, cheno de Bueu e de vosoutros e ao mesmo tempo que te dou a ti as grazas, doullas tamén a Deus.
A noite está declinando. Dentro dunhas horas, cando veñas ti, como todas as mañás a buscarme para ir a almorzar con vós, eu xa terei partido. Márchome ao amencer á hora na que os homes retornan da pesca. Voume coas rosas silvestres que ti me deches esta tarde... Voume lonxe da terra, moi lonxe da miña Tatra.
Non sei a que lugares levarame o meu destino. Pero, por  onde queira que pase e saiba eu que ti te atopas alí, irei a mirarte. Sempre irei a mirarte.
A flor do fento que vive só unha madrugada, floreceu esta noite. É a ofrenda que che fago en memoria do Tatra. É a miña última mirada. É o meu adeus.
A ti mar de Beluso, que seguirás pisando no dique o lamento de todos os que pasaron, que seguirás cantando día e noite a túa sombría cantinela aos nenos que quedan e a todos os que vaian vir; a ti praia de Beluso, déixoche a miña carta. Nela entrégote o meu silencio, entrégote o meu pranto e o nome dun soño que se vai.