19/03/18


O panorama político e o económico percíbense cada vez con máis sombras que luces. E para darnos unha pequena alegría, esquecéndose do pesimismo social imperante, de cando en vez, moi de cando en vez, hai que pararse a mirar pola xanela da honradez. Esta, segundo borboriña o vento, existiu. E ata hai ecos anónimos, por vergoña, que din que existe.
Para mostra un botón:
Remontémonos á primavera do ano 1932 e parémonos nas ordes que o Axudante de Mariña
lle dá aos amanuenses da mesma en canto á prohibición de aceptar calquera regalo que se trouxera a dita Comandancia, ... podendo ser sancionados, segundo a lei, o donante e receptor do mesmo...
Pois dunha infracción a esta prohibición quedou documentada cando o Sr. Axudante de Mariña da Capitanía do porto de Bueu, D. Gonzalo Torrente Piñón[1], enviou un oficio ao alcalde acompañado duns “corbelos”, manifestando que unha muller intentara regalarllos.  Pero mellor é que lles transcriba o oficio dirixido ao alcalde de Bueu:
“Por se se digna dispoñer a súa entrega a unha familia pobre desta localidade que V. teña a ben designar, teño o gusto de remitirlle o peixe que se acompaña, dos denominados “corbelos”; o cal foi entregado nesta Axudantía en concepto de obsequio para a Autoridade que subscribe, por unha muller que fuxiu ao serlle rexeitado en cumprimento ás miñas instrucións; sen prexuízo da sanción que de acordo coas leis vixentes haxa de impoñerlle cando pescude quen é a muller de que se trata.
Bueu 27 de maio de 1932.
(Selo e sinatura)  Gonzalo Torrente”

Nota: Ao dorso do documento atopámonos cunha nota manuscrita co nome da persoa á quen lle foi entregado o peixe. Era do lugar do Norte.


[1] Pai do escritor Gonzalo Torrente Ballester. Estivo na Axudantía Militar de Marina do 1935 ata 1952. No xullo de 1936 foi o militar encargado de facerse cargo do concello, depoñendo ao alcalde José Gómez de la Cueva (Carballeira)..

01/03/18


Un mecánico de máquinas de peche das latas, empregado da fábrica de Massó elevou unha pregunta, nos primeiros meses de 1933, ao Ministerio de Traballo e Previsión: Tal e como se pretende, é preciso modificar as condicións laborais na industria, autorizando xornadas femininas ilimitadas ou diminuír o prezo das horas extraordinarias?
Resulta inquietante e moi raro que en condicións normais un empregado, e para máis irmán do xefe de fabricación de envases, poña en cuestión ante as autoridades a política da empresa. Cal sería o motivo real da pregunta? Foi feita “motu propria” ou inducida?  Fose como fose, responder a esta cuestión hoxe aínda resulta difícil. O certo que por esas datas non había graves conflitos laborais en Massó. A empresa Massó era adiantada non só tecnoloxicamente senón tamén nas condicións laborais. E con respecto ás horas laborais recollo do historiador Manuel Aldao[1]:«No regulamento de 1930 xa aparecían as horas extra»

Transcrición da resposta dada, ao través da alcaldía, pola Dirección Xeral do Ministerio de Traballo, ao traballador:
“Pola presente prego a V. sírvase comunicarlle ao obreiro, empregado da fábrica de conservas da Compañía Massó Hermanos S.A., Ángel XXXXXX que, en contestación ao seu escrito elevado ao Ministerio de Traballo e Previsión, a Dirección Xeneral ordéname lle comunique o seguinte: “Que se considera non é indispensable efectuar as modificacións que se pretenden para que poida traballar a industria en condicións normais, xa que non é posible autorizar xornadas femininas ilimitadas nin tampouco diminuír o prezo das horas extraordinarias.
Saúdalle atentamente
Vigo a 14 de xullo de 1933.”

En vez de dar receitas que cada quen chegue a algunha conclusión, aínda que sexa utilizando só o sentido común, e no día a día obre en consecuencia.


[1] La Voz de Galicia, 4-02-2018: “Cuando Massó se adelantos a las grandes mejoras laborales” de Gladys Vázquez