23/06/18


Galicia, e Vigo como referente, dende o mes de xaneiro ata este mes está a homenaxear ao intrépido mariño Blas de Lezo (1689-1741). O fixo no seu momento coa exposición na Casa de América co título «Blas de Lezo y la Guerra del Asiento»[1] que xa fora inaugurada polo Rei Felipe VI en Cartaxena de Indias no 2016 e que ao longo deste ano segue a percorrer España.
Na lembranza deste ilustre mariño púxoselle o seu nome a un cruceiro lixeiro[2] (1925 a 1932) que acabaría afundíndose nunhas manobras navais a cinco millas da costa de Fisterra e, por sorte, salvándose toda a tripulación.
Será neste cruceiro no que un 4 de maio de 1926, cando estaba en reparación no porto de Ferrol, a desgraza estivo a piques de segar a vida de dous mariñeiros do buque que caeran ao compartimento do dique[3] de proa de non ser pola afortunada intervención de bueués José Estévez Ferradás.
Por esas datas, José Estévez, de 1926 estaba en Ferrol rematando o ano de prácticas como Técnico Auxiliar da Armada[4]. Por mor da súa valentía outorgóuselle ao ano seguinte a Cruz de prata ao Mérito Naval con distintivo branco pensionada con 25 pesetas mensuais.
Todo un heroe! De Beluso…



Outros datos do segundo Condestable[5] José Estévez Ferradás:
Naceu en Bon, parroquia de Beluso.
A primeiros de decembro de 1932 sendo Auxiliar 2º foi trasbordado da cañoneira ‘Dato’ ao buque de transporte ‘Contramaestre Casado’.
No mes de abril de 1934 aparece na publicación ferrolá da Armada =Memorial Técnico del Auxiliar de la Armada” un artigo seu titulado «Distancias y estadías». En xuño deste mesmo ano é destinado coma Auxiliar 2º á Escola Janer de Marín.
No 1937 era Auxiliar 1º de Artillería.


[1] Exposición que estivo aberta en Vigo do 25 de xaneiro ata o 16 de marzo. Neste mes de xuño estamos a mirar polas rúas de Vigo exhibicións de duelos de espadas do s. XVIII na honra de Blas de Lezo.
[2] Dende decembro do 2004 a Armada Española ten unha fragata (F-103) que leva o nome de Blas de Lezo.
[3] Obra de construción que permite poñer os barcos en seco para reparalos, pintalos etc.
[4] Remataría o 1-6-1926
[5] Suboficial na artillaría de mariña.

02/06/18

A raíz dos distintos cambios no trazado da procesión de Corpus en Bueu ocorridos nos últimos anos e que se viviron con disparidade nas opinións dos veciños quero mostrar que noutras épocas isto era ‘normal’ e adoitaba poñerse a última decisión na alcaldía. Como exemplo a ‘petición’ do cura párroco de Bueu en 1931, Ángel Rama Lestón que o facía nos seguintes termos:
Téndose que se celebrar por disposición popular a festividade do Santísimo Sacramento nesta vila do S. Martiño de Bueu, vinte un da corrente, o párroco da mesma, que ten a honra de subscribir, compracese en poñelo en coñecemento de V. por se reserva algún motivo de orde público que aconselle algunha variante na tradicional procesión relixiosa subseguinte aos outros actos interinos do culto; así como tamén respecto ás horas e lugar do concerto vespertino que a banda de música amenizadora da festa indicada ten, segundo me din, costume de executar en dito día, para solaz do noso culto e católico pobo.
Reiterando a V. e ao Concello que tan acertada e prudentemente preside meu humilde, pero leal cooperación, haberei de agradecerlle no nome da Comisión de festexos, e acatar miñas reservas o que teña a ben resolver acerca dos mencionados extremos.
S. Martín de Bueu, 16 de xuño 1931
Angel Rama Lestón.”