26/08/21

O 11 de maio de 2014 fixen unha entrada neste Blog titulada “O Alcalde de Bueu encarga fotos para unha Exposición en Londres”. Nela aportaba hemeroteca pola que o alcalde encargaba ao fotógrafo Pintos unha reportaxe fotográfica de Bueu para a dita Exposición.  

A precaución levoume a dicir que: “Probablemente as fotografía se fixeran máis non temos constancia de se chegaron ou non a ser enviadas”.A resposta de quen fixo as fotos e cales eran estas, estaban á vista de todos na revista Vida Gallega na páx. 16 do Número 58 saída o 25 de xuño dese ano de 1914.  Eu aínda tardei uns meses en decatarme que polos meus apuntes andaba a solución. Pero como “a cada porco lle chega o seu San Martiño” pasou o tempo, probablemente cebándose, e agora lle chegou o momento, sen cerimonia premeditada.

Nesa revista podemos confirmar cales foron as fotografía elixidas e cal o fotógrafo: E. Díez, e non o Pintos que indicaban outras publicacións.

Todas as fotografías son coñecidas ao través das redes, pero o relevante agora é que coñecemos, como valor engadido, que estas foron como expositor cara o mundo das marabillas dunha vila coma Bueu.  

08/08/21

 Puidera pensarse, de forma xeneralizada, que nos tempos pasados carecían de moitas cousas que agora posuímos. Certo é, pero menos do que se supón. Basta dar un paseo polas hemerotecas para comprobar que as noticias, anuncios e inquedanzas seméllanse máis do esperado cos tempos que nos tocou vivir.

Unha desas noticias que pensaba cousa desta época é a Mancomunidade de municipios. Como era fácil supoñer, estaba equivocado. Como era fácil supoñer, estaba equivocado. Cal sería a miña sorpresa estudando á familia Riobó, donos de Ons, atoparme na Acta da sesión ordinaria do 2 de setembro de 1904 que reunidos os concelleiros relacionados ao marxe (entre eles Manuel Riobó) baixo a presidencia do alcalde José Rodríguez Estévez este fixo presente:

que en virtude de invitación do de Moaña, concorreu á este punto onte domingo e reunidos co de Cangas e adhesión do de Marín deliberaron asociarse en nome dos seus respectivos municipios para todos os fins que redunden en ben xeral da colectividade das citadas entidades e que ao efecto empregarán mancomunadamente todos os medios de que poidan dispor para solicitar dos poderes públicos todo aquilo que máis necesite cada termo municipal; quedando en ir unha comisión de cada concello para o sábado próximo ao obxecto de presentarse ao noso Digno Deputado Dn, Eduardo Vincenti e relatarlle o convido…”

Logo nomeouse unha comisión, que representaría ao concello de Bueu, formada por Manuel Riobó, Daniel García Lis e Heriberto García Martínez.

Actualmente a Mancomunidade do Morrazo, así se chama, a forman os municipios de Bueu, Moaña e Cangas, xa que Marín está asociado só para algunhas cousas.

A finalidade hoxe e onte coinciden no obxectivo de xestión comunitaria de certos servizos. Hoxe centrados nalgúns como a xestión de residuos (Planta da Portela), Parque de Bombeiros de Castiñeiras (este forma parte do Consorcio Provincial),  etc.