29/09/22

O meu confidente, agora vai camiño dos 90 anos, está a falarme das actividades que realizaba nos seus tempos mozos. Sen pretendelo, mesturáronse anécdotas e vivencias co que se oía ou dicían caladamente. Algunhas coñecidas outras non tanto, pero sempre sorprendentes e de abraio impregnado coa dor.

Non fai falta explicación a estas expresións ou frases que cito coa maior precisión posible:

  •  Os da Banda do Río eran comunistas. Pasaban polo concello e levaban unha tunda. Ao pai de Adolfo G..., grazas a Cerviño non lla deron.
  •  Pedro da Ri... levaba unha pel de ovella por embaixo e cando lle pegaban ríase. Cando se deron conta déronlle unha malleira de verdade. Levárono nunha padiola.
  •  A muller de Co... dicía : “cada ‘rojo que mata mi marido, comemos un pollo”.
  •  Meu pai e o Méndez que andaban ao bou, cando ían ao mar ás dúas da mañá moitas veces escondíanse debaixo dunha gamela esperando a que marchara a Funeraria[1]  Os colgaban pola boca e tirábanos ao mar.

  • Unha vez, Narciso Barreiro “O Borralleiro”, fillo de Chuco, irmán da avoa de Berto, estando traballando ao ‘molinete’ colleu un cambo de homes...
  • Á avoa de Berto, cortáronlle o pelo...

Todo iso lembroulle a fame que pasara naqueles anos e para mitigala entre outras cousas:

  •  Comíamos lagarto arnao (arnal); cun anzol o pescabamos e lle sacabamos a tripa e pel. Logo o asabamos nunha fogueira como os indios.
  •  Íamos a unha veiga a coller espigas novas. Como a de Sra Antonia da Nogueira, que tiña o millo aínda novo, con leite. Sacabámoslle a espiga e comiámola e caía o leite pola goxa abaixo (púñaselle a cara de felicidade con só pensalo).
  • Na de Pimentel (Pazo Stº Cruz) .... collíamos amarotes (amorodos).


[1] Nome que coloquialmente lle puxeron ao barco onde trasladaban a xente asasinada para tiralos ao fondo do mar e facelos desaparecer.

05/09/22

Con iso de seguirlle a pista ao furacán Danielle véñome de atopar cunha entrada en Meteored tempo.com  do físico Francisco Martín León co título dun libro de divulgación científica: “Antropoceno y cambio climático”.  Ata aquí todo segundo o guión...  e ata verte a súa opinión con contundencia: “Este é un libro ameno, escrito con rigor científico, non doutrinario, no que exponse como fomos influíndo nos ciclos da natureza”. Case nada!

Para min a alegría foi dobre pois os seus autores están vencellados con Bueu por veciñanza e por aportar cultura do noso, pois asinaron xa no 2011 un artigo titulado “O calendario celta” na revista que publicaba a Asociación Cultural de Meiro “A lingua do corvo”. E Constantino  Armesto Ramón, un dos autores,  xa asinara outro na mesma revista dous anos antes e ata foi pregoeiro na festa do Millo corvo 2012.

Ao vivir en Bueu e ter un amplo e recoñecido labor no mundo da divulgación científica é polo que lle puxen unha entrada na miña páxina web como mostra de aprecio e agradecemento por todo o coñecemento que nos aporta.  

Non me estraña que o libro sexa froito dun Premio, neste caso VI Premio Internacional de Divulgación Científica Ciutat de Benicarló.  Digo que non me é raro ese procedemento de publicar xa que ao ser un excelente comunicador  do mundo da ciencia lle granxeou varios premios de renome neste eido: Premio Prisma Casa das Ciencias de A Coruña 1994,
Premi Europeu de Divulgació Científica Estudi General de la Universitat de València en 1999,
Premio de Narrativa Científica da Facultade de Física da Universidade de Santiago 2008,
Premi VAE
de narrativa científica de la Universsitat Estudi General 2008
etc.

Constantino Armesto

Bibliografía:

·         "Por los senderos de la ciencia" (1995)

·         "Supervivencia o suicidio: hacia el futuro de la humanidad" (2004)

·          "L'enigma de l'esfix" (O enigma da esfinxe)

·         "Un planeta blau" (Un planeta azul)(2008)

·         “Antropoceno y cambio climático” (2022)

… e decenas de artigos, contos de física, exposicións de diapositivas conxugando a ciencia-poesía, relatorios, charlas, etc.

 Cos tempos que corren, precisamos un bo libro  como este que se faga preguntas claras e mostre os camiños dos cambios  que o clima depara ao futuro da humanidade; creo que debemos telo moi en conta.

Parabéns aos autores!

2012- Constantino Armesto pregoeiro do Millo Corvo