18/10/18

Dende hai moitos anos o segredo da igrexa nova da illa de Ons non é segredo, cando menos para un reducido grupo de persoas. Parte do mesmo apareceu publicado nunha páxina de Facebook[1] pero non tivo a repercusión que penso que debería ter.
Unha visita ás illas fai poucos días rachou o silencio que ao longo dos anos impuña a ‘modestia’ do protagonista deste segredo e da igrexa nova: A autoría do poema que pode lerse no fronte da capela.
 Sen mencionar o nome do autor, voulles comentar algunha cousa arredor do poema e de como este chegou alí.
Autor ante a obra
A mediado dos anos sesenta do século pasado, cando a igrexa e o poboado de Curro en Ons eran algo máis que proxecto do Instituto de Colonización, propuxéronlle ao profesorado de Bueu que fixeran un especie de concurso de poesía sobre a illa de Ons. Os rapaces, sen saber a finalidade do mesmo, levaron o labor coma tarefa para casa sendo a entrega do mesma voluntaria. O noso protagonista escribiu un pequeno poema pero logo decidiu non entregalo pois, por ser moi esixente consigo mesmo, non lle parecía de calidade. Mais a casualidade fixo que llo ensinara a un amigo a quen lle gustou tanto que o estivo animando durante un tempo para que o entregara, como así o fixo ao mestre Manuel Omil. Nos días seguintes á entrega os rapaces estaban á espera dalgún tipo de recoñecemento ou premio pero pasou o tempo e nunca máis volveuse a falar dos poemas e pronto todos esquecéronse dos mesmos.
Bastantes anos despois, e co motivo dunha visita de lecer á illa de Ons, o noso protagonista quedou pasmado ante algo que fixera na súa adolescencia e que estaba impreso en cerámica e, para maior ‘vergoña’, exposto ás miradas de todos. Unha mestura de sensacións encontradas o perseguiu durante moito tempo. Era o mesmo poema cunha soa palabra cambiada: onde el escribira ‘isliña’ agora era ‘illiña’. Decidiu non contarllo a ninguén que non foran da súa familia ou amigos moi achegados. Foi un segredo que ao longo dos anos todos gardamos por expreso desexo do autor. Aínda que pareza paradoxo eu sigo a respectar os desexos do amigo pero tamén creo que é relevante que se saiba quen escribiu algo que miles de persoas leron dende hai algo máis de cincuenta anos.


      SANTO

      San Xaquinciño da Illa                Esta illiña gallega
      dainos un ventiño en popa         defensa da nosa Ría
      pra chegar o a noso porto          e devota a San Xaquín
      que temos a vela rota                 o pai da Virxen María.


[1] De ‘... o Morrazo’ nunha entrada do 9 de maio do 2013.

01/10/18

O día 4 de xuño de 1939 o comandante de posto da Garda Civil de Bueu envía un oficio ao alcalde de Bueu solicitándolle que admita no Depósito Municipal, á espera do que decida o Gobernador Civil, a 5 mulleres, todas de Cangas, detidas por compra-venda de ovos sen a tarxeta-autorización do Negociado de Abastos. Requisáronlles 292 ovos en total.
Levaban seis días na cadea municipal cando o alcalde recibe comunicación do gobernador de que lles pon 15 días de prisión dos que se descontarían os que xa estiveron nesta. E nun segundo oficio o gobernador indícalle ao alcalde que debe vender os ovos a ‘prezo de tasa’ e poñer o recadado a disposición da autoridade gobernativa.

O 20 dese mesmo mes o alcalde envía comunicación de que os 292 ovos foran vendidos por 75,15 pts e foran depositadas ao través dunha conta do Banco Hispano Americano á conta do Xefe Provincial de Abastos.




Por se parecera que o narrado fora unha excepción exemplarizante dicirlles que non foi así, era un suceso bastante habitual. Como exemplo, no mesmo Bueu, o mesmo comandante de posto detén a outra veciña de Cangas tamén como ‘traficante de ovos’ e a manda ao Depósito Municipal á espera do que dispuña o gobernador. Decomisáronlle 42 ovos. O Delegado Provincial de Abastos manda vender os 42 ovos e o importe entregalos a “Comisos da Delegación de Abastos”...