18/10/16


Lido na prensa de hoxe que o alcalde convocaba para o vindeiro xoves aos portavoces de todos os grupos políticos para consensuar unha declaración pública que se faría efectiva na vindeira sesión plenaria sobre a eliminación dos símbolos franquistas xa que, segundo di o articulista, é para facerse eco dun escrito presentado o pasado ano pola Asociación Johan Carballeira. Hasta aquí todo parece “normal” pois segue a ser un problema recorrente espallado no espazo e na xeografía dos pobos no panorama nacional, sobre todo a partires da promulgación da Lei 52/2007 de 26 de decembro coñecida como Lei da Memoria Histórica.


Invitación á Inauguración na igrexa de Cela
Pero tamén en Bueu é un asunto reiterado, pois xa en setembro de 1987 houbo unha Moción na que se dicía: “O PSdeG-PSOE cre que os falecidos na guerra civil morreron en defensa dos seus ideais, tanto os dun bando como os do outro, por iso os privilexios dalgúns deben acabar.Polo anteriormente exposto, queremos que a corporación tome o acordo de xestionar coa Igrexa para que se retiren en todas as igrexas desta vila, os nomes dos mortos na guerra civil que están nas súas fachadas.”
 A Moción foi votada favorablemente polos 7 votos do PSOE e BNG e rexeitada polos 9 votos de A. P. (Alianza Popular) que era o grupo de goberno. Na intervención previa á votación o Sr. Alcalde dixo “que entende que as decisións que se tomaran no seu momento, posiblemente por familiares, Igrexa e Estado, son decisións que se tivera que cualificalas as cualificaría de desafortunadas, pero entende que nas lápidas coas inscricións dos mortos, as únicas persoas que poden tomar decisións ao respecto, son os familiares, anunciando, por elo, o voto en contra do seu grupo”.


14/10/16



O 12 de  outubro do 1933 Antonio Alonso, como Concesionario da exclusiva de transportes de viaxeiros entre Pontevedra e Cangas, por Bueu, solicita autorización oficial ao concello de Bueu para pasar polo centro do pobo co seus coches de  Liña de Viaxeiros. E así as vantaxes para os viaxeiros serían grandes xa que de non posuír dito permiso estes veríanse precisados a trasladarse a pé dende a estrada do Estado ata o centro da vila e viceversa para tomar o coche. “Cobrando o recorrido ao prezo de concesión segundo se ven facendo nestes momentos”
O concello, catro días despois, respóndelle que concede a autorización sempre que rexan as condicións de prezos impostas na concesión de exclusiva pola mencionada estrada.