16/09/05


ESTAMPAS
O VELORIO
Luís, Manolo e Pepe “O Xouba” atópanse na praia guindando pedras ó mar na procura de facelas planear durante máis tempo ou dar saltos máis grandes fora da auga. Pouco a pouco vai minguando a intensidade das tiradas ata que o aburrimento mesturado coas ansias que da a fame asocian o soar languidecinte das campás da igrexa de San Martiño coa posibilidade de conseguir algo que levarse á boca e así adurmiña-lo rato que día a día lles rilla na barriga. O Pepe lembrouse que o defunto que anunciaban as campás era de Meiro pois pola mañá cedo cando chegaran do mar oirallo contar a un tal Xosé de Xexide ó patrón da lancha. - ¡Escoitade! dixo Pepe poñendo voz de patrón. Se queredes comer unha codia de pan podemos ir ata Meiro pois morreu un tal Núñez que é de familia de posibles e algo conseguiremos. Aínda que Meiro quedaba algo lonxe e costaneiro non foi necesario que o repetise dúas veces. Cun cruce de miradas entre Luís e Manolo falou a fame e, cun pequeno movemento da cabeza, asentiron e puxéronse en camiño pois querían estar de volta antes da noite. Comezaron a andar subindo pola Cividade cara á aldea da Cacela, polo Camiño Real. No percorrido as conversas tiñan eixo o sen fin de posibilidades do “botín” que ían conseguir: se pan, se cartos, se touciño,... E para cada un deles un destino diferente. “Se dan pan comemos unha codia e o resto para outro día; se dan touciño ou algo de porco levámolo para casa; se “unha perrachica” mercaremos na taberna de Paulino algo doce que comer,...”. De súpeto quédanse calados e apuran o paso pois na beira do camiño esta un cruceiro, o coñecido polo de Cobertoreiro; chamado así, porque onde hoxe está asentado apareceu morto un barateiro que andaba vendendo mantas e os veciños, promovidos pola Confraría das Ánimas, ergueron esa cruz. Entre un e outro pensamento e coa presa no corpo achéganse á aldea de Meiro pola que dan unhas voltas ata que oen berros de lamento que sae dunha fiestra. Métense no chouso da casa onde, así o indicaban tódolos indicios, estaba o defunto que propiciaría a “enchente”. Mesturados entre os veciños que con caras serias falaban das horas da rega, das viñas, do millo e do tempo, etc. e nunca do morto, coa excepción dalgunha exclamación ou xemido das mulleres ó entrar ou saír cara o velorio.
Continuará...
ESTAMPAS
NOS TEMPOS DA FAME: O VELORIO
Luís e Manolo, máis tímidos e metidos no seu papel de “honra-la memoria do defunto” íanse achegando con cara formal, como a ocasión o requiría, ata a alcoba onde estaba o cadáver. Nisto Pepe “Xouba”, can vello nestas lides, dicíalles - ¡Á cociña! ¡Á cociña!. Facendo caso do “patrón” torceron o seu rumbo achegándose ata a cociña onde sentados á mesa había dous homes tomando un grolo de viño e falando das súas cousas, mentres unha muller, con moitos anos escritos na pouca pel da cara que o pano da cabeza lle permitía ensinar, andaba dun lado para outro da cociña traballando en algo que eles non chegaron a saber. Manolo e Luís puxéronse preto de Pepe que con lentos, pero precisos movementos estaba nunha situación estratéxica, xusto fronte a pota do cocido, na mesma lareira. Pasados uns minutos, Luís xa cansado de mira-los dedos dos pés ou as negras nubes debuxadas polo fume no teito da cociña, oíu unha badalada de arrebato, a penas perceptible polos restantes mortais, que acaparou toda a súa atención. Era o Pepe que coas mans por detrás do corpo, e como se fora un prestidixitador en plena actuación, tiña levantado cunha man a tapa da ola e a outra mergullada na busca dalgún anaco de carne, touciño, chouriza, pataca ou calquera outra cousa sólida susceptible de mata-la fame. Os seus compañeiros están seguros (el negouno sempre) de que algo debeu atopar pois con grande disimulo consigue chegar coa man á boca sen ser visto por ninguén dos maiores alí presentes. Intentando repeti-la acción foi delatado polo ruído causado por unha cadea que pendía da lareira que estaba nunha situación non prevista polo rapaz. Un dos homes que se atopaba na estancia levantouse e, de xeito pouco amigable, expulsou ós tres, non só da cociña senón da mesma casa. No traxecto da cociña ata a porta da casa que sae ó chouso o Pepe, que era rapaz máis grande e curtido, tramou a súa vinganza, pois logo de tan longa viaxe non se contentaba con ir de balde e con berradura incluída. Cando estaban os tres saíndo do chouso o Pepe Xouba dixo –¡Isto non pode quedar así! ¡Aínda lles queda a adega!. Os outros dous resistíanse pero el impuxo a súa vontade e os tres alá se meteron na adega que estaba descoidada pola desgracia que na casa ocorrera.
Continuará...

ESTAMPAS


NOS TEMPOS DA FAME: O VELORIO
Pepe sacou unha e outra cunca de viño que bebía dun só trago. Manolo e Luís non quixeron participar do “festín de vinganza” e só miraban os compasados movementos do Pepe, que fora de se parecía querer beber todo o barril. O Pepe cando non puido beber máis saíu da bodega e, metendo os dedos na boca, vomitou durante un anaco e limpándose as babas coa manga da camisa dixo -¡Que se fodan! e volveu á adega a seguir bebendo.
Minutos despois de iniciado a segunda viaxe á adega, Luís e Manolo conseguiron convencer ó Pepe para marchar cara a Bueu pois xa se facía de noite. Saíron con moito sixilo polo camiño que baixa polos muíños do Canudo onde o Pepe baixou moitos metros a tombos pois a “tranca” era grande e as pernas non respondían.
Manolo e Luís, así llo lembraba o seu estómago, só pensaban no que puido ser e non foi, mirábanse derrotados pola mala sorte. Cando a fame lles roía un pouco máis forte que o seu abatemento imaxinábanse ós que estaban no velorio recibindo, como era costume ás 12 da noite, unha codia de pan, un pouco de caldo e, de seguro, unha copa de caña para os homes. ¡O que darían eles por estar a véla-lo defunto toda a noite! Pois non se esquecían de que ás seis da mañá daban outra rolda...
Chegados ó cruce do Outeiro, Pepe, que a penas se tiña, subía encurvado e tordeando; Manolo tomou cara a súa casa pensando nos traballos que aínda lle quedaba por facer; e Luís baixou ata a praia para ver se o barco estaba ben amarrado e limpo, que non faltaba ningún tolete, estrobo ou calquera outro equipamento necesario. Xa cansado botouse a durmir na “tilla” (baixo a cuberta) pois ás tres da mañá chegarían os homes para saír ó mar...