20/04/20

Como xa ven sendo habitual nestas Entradas, do bloque Epidemia, máis que centrarme na enfermidade en si o que pretendo é lembrar algún feito arredor desta, pero na contorna de Bueu.
Máis antes, unhas pinceladas sobre esta afección:
 A Varíola a define a RAG na súa acepción médica, como unha “enfermidade infecciosa e contaxiosa, de natureza vírica, que produce febre alta e a aparición de pústulas con bostelas que ao caeren adoitan deixar marcas na pel”.
A varíola pode considerarse como unha das enfermidades máis antigas e mortais xa que, na súa longa historia, atribúenselle varios centos de millóns de mortos. Hai constancia de períodos nos que aparecía como verdadeira pandemia, como no s. XVIII, sobre todo en Europa e América, e que chegaba a afectar a un número importante da poboación. Será neste século cando aparece a primeira vacina variolosa (Edward Jenner, 1796) que marcaría o comezo para a erradicación desta enfermidade.


No Bueu do ano 1898 cando algunha persoa era diagnosticada de varíola acendíanse todas as alarmas e, nada máis recibir a notificación do médico, o Sr. Alcalde emitía unha Orde de confinamento e illamento do enfermo. Os encargados de executar a Orde eran os Alcaldes de Barrio (figura moi importante nos lugares ata finais do século XX).
A casa do enfermo era custodiada por conveciños para evitar que ninguén máis se puidera contaxiar. Proba disto a temos na documentación adxunta, na que estando enfermo un home de O Valado, tiñan que facer garda, obrigatoria e de forma rotativa, os veciños de A Portela, de Meiro e de O Valado. Normalmente a facían de dous en dous e por un tempo de 4 horas.
No caso que me sirve de referencia, deuse a circunstancia de que un dos que lle tocaba o relevo non apareceu a facer este, e os da garda anterior tiveron que dobrar a mesma polo que lle reclamaron ao alcalde ser indemnizados. A desculpa que puxo o infractor foi que “con motivo de ter que gañar a vida foise á pesca crendo vir a tempo para cumprir coa expresada garda pero debido a certas circunstancias no lle foi posible cumprir coa orde que se lle dera, pero que está disposto a abonar á persoa que serviu no seu nome...
En canto a vacinación da poboación, dúas referencias. A primeira un oficio do Gobernador Civil ao alcalde de Bueu (1928) para lembrarlle a “vacinación obrigatoria para o cal facilitaráselles gratuitamente cantas vacinas antivariólicas necesiten, ben entendido que exixirei estreitas responsabilidades ás autoridades no caso lamentable de que aparecera algún brote epidémico de varíola...”.   


No que respecta ao número de vacinas antivariólicas que se adoitaban poñer en Bueu temos o dato de xaneiro de 1936 no que o Médico de Asistencia Pública Domiciliaria, Ignacio Lis Lombos, informa á alcaldía que puxo durante o ano anterior 211 vacinas (todos os días, de 10 a 13 h, no seu despacho e os días fixados previamente nos locais das escolas).

12/04/20

O xarampón/sarampelo é unha enfermidade contaxiosa causada por un virus que se caracteriza pola aparición de manchas rubias na pel, febre alta, etc. que si se complica pode causar a morte por edema cerebral, diarreas agudas, pneumonía, ...
Por ser unha enfermidade moi antiga adxudícanselle millóns de afectados, cifra que se reduciu a poucos miles grazas á vacina, a partires de 1963.
Afecta principalmente aos non vacinados menores de 5 anos e adultos maiores de 30.
As epidemias de  xarampón, antes da vacina, eran recorrentes cada dous ou tres anos. En España chegou a padecela case un 90% da poboación infantil, cun número, nesa porcentaxe, moi pequeno  de mortes.
Vendo as estatísticas da provincia de Pontevedra dos anos 20 e 30 do século pasado, a media de afectados sería 10 con un falecemento, nos meses normais e con 70-250 con 2-8 defuncións ao mes, nos períodos epidémicos.
Bueu non é unha excepción ao resto dos pobos da provincia. Para darnos unha idea do que supuxo a enfermidade fixaremos a atención en dous momentos da súa historia: O primeiro, no ano 1928 (así o uniremos coa anterior entrada do blog, dedicado A Coqueluche) e logo a un episodio epidémico de 1934.


A finais de abril de 1928 no mesmo informe que o Inspector Municipal de Sanidade, Dr. Ignacio Lis Lombos, lle mandara ao alcalde, Camilo Davila Davila, para indicarlle a epidemia de coqueluche en Beluso, pode lerse: ”Tamén debo comunicarlle que onte prestei asistencia facultativa a dous nenos atacados de xarampón nesta parroquia (Beluso) e a varios nenos máis en Bueu, o que demostra a existencia da referida enfermidade en forma epidémica no termo municipal. [...] debo tamén participar a V. S. que o número de casos do xarampón ao que presto asistencia é de sete, todos eles evolucionan normalmente”. 
Un mes despois, 7 de maio, a mestra Ramona Cabanillas, que daba clase na “Escola de nenas nº 2 de Bueu” envíalle un oficio ao alcalde constatando outro rebrote da epidemia que “das 60 alumnas matriculadas na Escola do meu cargo, 23 atópanse atacadas de xarampón e tosferina...”. Ata onde coñecemos, todo transcorreu con normalidade e os días que non houbo clase nesa escola, por esas datas, o foron pola coincidencia co traslado da mesma a outro local (Montero Ríos, 53), con mellores condicións, que sería inaugurado o 11 de xuño.
Se o ano 1928 foi un ano con problemas epidémicos no concello de Bueu, o ano 1934 non se quedaría atrás.
Así o 14 de marzo dese 1934 o Dr. Ignacio Lis Lombos comunica ao alcalde, o farmacéutico Luís Jesús Prieto García, que recibira un informe do médico de Beluso, Rogelio Val, notificándolle a morte dun neno de ano e medio por “meninxites aguda, consecutiva do xarampón que padecera”. E que el atende a dous nenos de xarampón que evolucionan normalmente. Non ten constancia de máis casos nas outras parroquias o que lle indica “por se pode ser motivo suficiente para a suspensión da clase nas escolas, como pretenden exixilo os Srs. Mestres, en oficios” enviados a el como Inspección Médica Municipal.
Tres días despois, ante o aumento de casos, o mesmo Ignacio Lis Lombos comunica ao alcalde a existencia de 12 casos de xarampón que atenderon os doutores Luís Pimentel Gil (4), o seu fillo Ignacio Lis Alonso (3) e el mesmo (5) e que todos evolucionan normalmente.
A primeiros do mes de abril o informe é máis serio xa que “o incremento que toma a epidemia de xarampón habendo casos nos que se presentan complicacións bronquiais e distéricas, polo que lle prego a V. se digne oficiar ao Consello Local de 1ª Ensinanza por se cre oportuno continúe o peche das escolas”.
Ante o cariz que ía tomando a situación o alcalde pasou aviso do informe de Ignacio Lis ao Cosello Municipal de 1ª Ensinanza. Decatado disto, o mestre Guillermo Novío en nome do Consello Local comunícalle oficialmente ao alcalde a resolución tomada “referente á epidemia, de xarampón, o Consello Local acordou clausurar as escolas deste termo municipal, ata que por dito Sr. Inspector de Sanidade se manifeste ter desaparecidas as circunstancias que obrigan a tomar a presente determinación”.
Catro días despois, 13 abril, o Dr. Ignacio Lis asina un oficio  no que constata o decrecemento da epidemia de xarampón na localidade “ata o extremo de quedar escasamente algúns casos convalecentes de complicacións consecutivas á mencionada afección. Considerando polo tanto conveniente se digne ordenar a apertura das escolas deste termo municipal”.
Constatar que dos 214 decesos no concello de Bueu no ano 1934, catro o foron por xarampón, dous nenos e dúas nenas, todos menores de 13 meses e de lugares como A Praia, Banda do Río e Carrasqueira.

E así, igual que a epidemia comeza de súpeto, sen aviso; por sorte tamén vai a menos ao pouco tempo...

08/04/20

Falar de A Coqueluche ao longo do tempo era falar dalgo que se identificaba cunha enfermidade infecciosa que afectaba, sobre todo, aos lactantes. Pero que é A Coqueluche e como a coñecemos na actualidade?
Para dar resposta a iso, e sen caer en explicacións amplas imos tomar ao Instituto Pasteur,  e ao seu departamento de referencia para a enfermidade, coma guía.
A Coqueluche tamén denominada como tosferina ou tose compulsiva[1] é unha enfermidade infecciosa de tipo bacteriano (Bordetella pertussis) que se pode dar en calquera tramo de idade pero afecta de forma máis frecuente e grave aos infantes e persoas que teñan certas patoloxías. O grao que ten de contaxio é moi alto.
Pareceranos que hoxe está erradicada, por non saír nos medios de comunicación ou por posuír potente medicación para facerlle fronte. Moi ao contrario pois aínda segue a bater anualmente a uns 24 millóns de nenos menores de 5 anos, dos que morren máis de 150.000. Unha barbaridade! Verdade? Pero como dáse en países pouco desenvolvidos, do chamado terceiro mundo, ... Unha mágoa!
En España a incidencia da enfermidade ao longo do s. XX non foi moita se exceptuamos pequenos brotes epidémicos que nalgunhas cidades como Oviedo chegaron a 700 casos nun so mes (1928) e con pouca mortalidade.
Se nos achegamos máis a nós, veremos que  na provincia de Pontevedra ese mesmo ano de 1928 o mes, xaneiro, no que máis atacados houbo con 80 e 2 falecidos. Sen embargo sería en marzo do ano seguinte o que máis contabilizou en valor absoluto, con 155 coa enfermidade dos que 6 morreron.
En Bueu o número exacto de coqueluchosos descoñécese, aínda que si se pode afirmar que os mortos foron moi poucos (1 cada dous ou tres anos) a pesar de que de vez en cando había un número nunca moi grande que a padecía.   
Vou poñer un par de oficios que fan referencia a esta enfermidade na parroquia de Beluso. O primeiro é do 4 de maio de 1928 no que o Inspector Municipal de Sanidade, Dr. Ignacio Lis Lombos, comunica ao alcalde, Camilo Davila Davila, do informe que lle envía ao Inspector Provincial de Sanidade sobre o estado sanitario en Bueu:

Con esta data recibo comunicación do Médico de Beluso D. Rogelio Val Barros, que copiada di:
‘Estou asistindo fai días, a varios nenos que presentan os síntomas típicos de coqueluche e segundo puiden observar existe dita enfermidade en forma epidémica nos barrios de Ruanova, Cabalo, Praia, Sar e Montemogos, quedando indemnes por agora os barrios de Bon e Vilar’”.

Na seguinte comunicación, cinco días despois, se di :


Teño o honor de comunicar a V.S. que no día da data, recibín comunicacións de todos os médicos do distrito os que me din, que non prestan asistencia médica a ningún caso de enfermidade infecto contaxiosa a excepción do Sr. Rogelio Val, médico de Beluso que me participa que a epidemia de tosferina segue en aumento e sen complicación de importancia.


Por sorte, e grazas ás vacinas, hoxe non estamos a sufrir en forma epidémica esta enfermidade. Sigamos así!



[1] Houbo autores quen lle chamaban ‘bronquites epidémica’.

06/04/20


Nota: Manteño a documentación tal e como está censurada. Engado un enlace para que poidan verse ás imaxe e o artigo en Faro de Vigo: 

A triste realidade que coa que o COVID-19 golpea a nosa sociedade nestes días faime volver a mirada atrás a aquela outra grande pandemia, ocorrida entre 1918-1920, que se levou por diante varias decenas de millóns de persoas en todo o mundo. Foi a mal chamada “Gripe española”, precisamente por ser este país o que lle puxo cara á enfermidade xa que a orixe ou os primeiros casos estiveron, probablemente, en Kansas (Estados Unidos).
 En canto á incidencia da mesma na nosa provincia serviranos de referencia unha nota aparecida en El Díario de Pontevedra do 5 de outubro de 1918 titulada “La salud pública en Galicia” onde daba o dato dos vinte tres concellos que xa a padecían, entre eles Bueu, e dá recomendacións e ordes das que recollo algunhas para comparar coa nosa situación actual co COVID-19.
-          Como por esas datas na capital aínda había poucos casos de gripe e estes eran benignos aconsellaban: “... Non hai, por tanto, que alarmarse; ao contrario, non debe terse medo porque este ao deprimir o ánimo predispón a adquirir a enfermidade. Procuremos todos combater a epidemia desinfectando coidadosamente as casas, executar unha limpeza persoal exaxerada, e desta forma verémonos seguramente libres do mal que noutros pobos tantas vítimas produce.
-          Non había confinamento pero...: “Tamén oficiou o Sr. Vieira (alcalde) aos propietarios de cafés, cines e teatros, aos curas párrocos e presidentes de sociedades de recreo para que o barrido se faga con serraduras humedecidas cunha disolución antiséptica.
-          E isto parece que nos sona de algo hoxe: “... e aínda cando a maioría dos casos son de carácter benigno os que adquiren bronconeumónico son de funestas consecuencias.

-          O señor Gobernador civil recordou ás Alcaldías o contido do artigo 155 da Instrución xeneral de Sanidade que lles faculta para dispoñer dos servizos de cantos exerzan profesións sanitarias, en casos de epidemias...
E cando máis forte atacaba a enfermidade o gobernador enviou a todas as Alcaldías o seguinte telegrama: “Reitero a miña orde de absoluta prohibición de acompañamentos fúnebres civís nos enterros epidémicos quedando cominada esa Alcaldía coa multa de 500 pesetas conforme artigo 204 Instrución Sanidade sen prexuízo de máis correctivos a que se refire, se non os impedise aplicando artigo 3º lei 15 de xuño de 1880 e notificando desde logo aos directores periódicos se absteñan de inserir en notas mortuorias a invitación acompañamentos que son reunións públicas non autorizadas por motivos de defensa sanitaria.

Se nos cinguimos a Bueu, observaremos que ao longo dos oito primeiros meses do ano danse episodios de gripe común cun número baixo de contaxios, aínda que a consecuencia desta morren catro persoas: unha muller de 57 anos a primeiros de marzo na Cividade, un meniño de só un ano de idade en xuño en Beluso, outra de 80 anos en Bueu en xullo e unha de 76 anos no Viso-Cela en agosto.
Chegada a segunda metade de setembro, sobre todo na parroquia de Beluso en lugares como Bon, Montemogos ou A Rosa, aparece un brote infeccioso da “gripe española” moi relevante que afecta a un cento de persoas das que nos primeiros días de outubro contabilízanse cinco falecementos.
Será a partires do 3 de outubro cando a enfermidade comeza a segar vidas de xeito cruel con certificados médicos como ‘pneumonía gripal’, ‘bronco-pneumonía gripal’, ‘gripe e tuberculose’, ‘febres gripais’ etc. morrendo a diario un, dúas, tres, catro ou cinco persoas de tódalas franxas de idade, pero principalmente mozos (a media de idade é de 27,1 anos). Soamente nove persoas superaban os 50 anos e 16 eran menores de 10 anos.
Como podemos ver nas gráficas os picos máis grandes déronse no último domingo de outubro e o primeiro de novembro. É o punto de inflexión desta enfermidade, xa que a partires de aquí comeza a remitir o número de mortes ata desaparecer totalmente o domingo 8 de decembro, polo que é a data na que se pode dar por superada esta gripe no concello de Bueu.

Se vemos o gráfico de anos inmediatamente anteriores e posteriores e comparamos o total de mortes vemos que o 1918 supera con moito a mortaldade. O saldo total de mortes certificadas pola gripe en Bueu foi de 78 persoas: 40 en Bueu, 18 en Cela, 15 en Beluso e 5 na Illa de Ons. Aínda que en realidade quizais foran bastantes máis, pois houbo outras 62 mortes relacionadas con pneumonías e outros problemas pulmonares (Case todas as mortes certificadas de gripe eran por “pneumonía gripal”).
Entre o persoal médico que atendía aos pacientes na vila, estaba en Cela o Dr. José García Santaclara, tamén natural do lugar de A Torre-Cela. Tras case un mes de atención a un grande número de casos de gripe, acabou contaxiándose e falecendo a consecuencia dos efectos máis severos desta enfermidade.  Ademáis de médico exerceu como xuíz municipal ata o 9 de outubro de 1918. Sendo relevado por Tomás Bolíbar Massó o 11 de outubro. Poucos días despois García Santaclara finou por mor desta doenza.
Co medo a quedar desamparados de todo coidado ante a epidemia, moitos veciños desta parroquia asinaron un documento solicitándolle ao alcalde, tamén de Cela, José García Parada, para lle adxudicase a praza vacante ao médico de Bueu Ignacio Lis Lombos.
Tamén hai que dicir que os gastos desta epidemia, para as pobres arcas municipais, foron cuantiosas, sobre todo na adquisición e emprego de desinfectantes, así como a necesidade de facerse o concello con padiolas para o transporte dos cadáveres ao cemiterio.

Así como estes días miramos que había en Madrid, e noutras localidades, problemas para a cremación da inxente cantidade de cadáveres, en Bueu tamén houbo dificultades de espazo no cemiterio polo que tiveron que habilitar para enterramento os camiños do paseo central, os dous da parte superior, etc. que levou a queixarse aos propietarios que tiñan dominio de nichos por non ser respectados seus dereitos. Dende estas datas formuláronse reiteradamente alternativas dun novo e máis amplo cemiterio que se nun principio ía ser na Chadiza, co paso do tempo rematou sendo realidade no actual de Castiñeiras.  Aínda houbo que esperar 46 anos, ata 1964.
 En calquera epidemia ou simple enfermidade hai dous heroes que se complementan, o que a sufre e loita con ela e o profesional sanitario que lle axuda na batalla. Aquí xa nomeamos a dous dos médicos, o de Cela, ‘caído en combate’, e o de Bueu. Faltaba por citar ao de Beluso, o Dr. Rogelio Val Barros, ao que dous anos despois se lle recoñeceron os “abnegados e humanitarios servizos prestados con motivo da epidemia gripal” coa cruz de 1ª clase de Beneficencia con distintivo morado. Hai que ter en conta que o núcleo duro da pandemia de “Gripe española” focalízase no tempo entre 1918-1920.
Para rematar este pequeno apunte sobre a Gripe en Bueu, dicir que o medo á mesma perdurou moitos anos na poboación e púñase de manifesto en solicitar aclaracións na prensa, concellos, etc.
Así nos atopamos que o 19 de marzo de 1927 aparece una nota de Bueu en El Pueblo Gallego na que se dá conta dun comunicado do Dr. Ignacio Lis Lombos na que di:”… que é unha lamentable fantasía o cualificar de epidemia gripal o que soamente se reduce a algún arrefriado ocasionado polos cambios bruscos do tempo que estamos padecendo, sen que de ningunha maneira poida dárselles o nome de epidemia gripal, e que seus compañeiros de profesión nada lle comunicaron tampouco sobre asistencia a casos de gripe estes últimos días”.

O que agora estamos a padecer é serio, polo que desexo que esta mirada ao pasado nos axude a vela saída. 
Unha vez máis, no espello da historia miramos que si nos xogamos a vida. Polo que temos que seguir a ser responsables!
Xa queda menos para saír deste pesadelo!
Ánimo!

03/04/20

Nota: Manteño a documentación tal e como está censurada. Engado un enlace de Facebook  para que, o que o desexe, poida ver as imaxes: https://www.facebook.com/arturo.bueu
 
Nesta II Entrada seguirei sen falar das enfermidades en si, senón dos aspectos xerais sobre a chegada das mesmas, e para iso comezarei transcribindo unha pequena nota aparecida no xornal Diario de avisos de La Coruña, o 27 de setembro de 1884 páxina 3 que nos da unha primeira idea ante a chegada dunha enfermidade descoñecida:
Hai quen afirma que a enfermidade que hoxe angustia en Francia, Italia, España e que ameaza por estenderse á Portugal, no é o cólera senón unha epidemia completamente descoñecida en Europa e que presenta os mesmos síntomas que aquel, se ben non é tan mortal. Os que tal din baséanse na razón lóxica de que o hospede asiático non avanzaría con tanta lentitude causando tan poucas vítimas e corroboran seu aserto cos exemplos que o pasado lles brinda.”
 A historia ensínanos que enfrontar crises médicas deste tipo é unha tarefa bastante difícil. Moitas veces as epidemias dobregaron aos pobos que as padeceron. Tanto é así que non é raro que a impotencia ante a adversidade, ou as crenzas, leven a algúns a invocar ao divino ou a algún santo protector:  Varias señoras desta cidade proxectan a celebración dunha novena a S. Roque, para que coa súa intercesión nos vexamos libres da epidemia.[1]
Outros, máis que poñer remedios abondosos, o que fan é mitigar un pouco as carencias que lle deron pulo á enfermidade como ocorreu na epidemia tífica de 1887 na illa de Ons: “... o tifos causa horrorosas vítimas nos humildes habitantes da illa de Ons, habendo elevado estes ao Gobernador unha instancia en solicitude de facultativo, medicinas e roupas. O Gobernador Sr. Fragoso ordenou, vaia a dito punto un médico da capital que estudie as causas do mal e propoña as medidas hixiénicas que poidan contribuír a cortalo[2]. E en contestación a este reclamo a actuación do poder central é a de: “Polo Ministerio da Gobernación, foron concedidas 1500 pesetas para remediar en parte a aflitiva situación dos habitantes da illa de Ons[3].

Descoñezo ao médico que foi enviado a Ons. Anos despois, primeiros do s. XX, outra vez por tifos lle foi pedido que acudise á illa, ao que co tempo sería dono de Ons, o Dr. Manuel Riobó, recen chegado de Filipinas onde durante un par de décadas fixo fronte con éxito a distintas epidemias (disentería, variólica, febres palúdicas, etc.). Aquí en Ons, xa dobregada a enfermidade, recibiu unha carta de recoñecemento do alcalde de Bueu e os parabén dos seus veciños.




[1] Na epidemia de cólera en Vigo. Diario de avisos de La Coruña do 12 de setembro de 1884.
[2] El lucense do 5 setembro de 1887.  
[3] Crónica de Pontevedra do 8 outubro de 1887.