11/07/19


Como moitos sabedes o pasado martes 9 de xuño faleceu en Bos Aires un “Fillo adoptivo” de Bueu: Fernando de la Rúa Bruno, que tamén fora presidente da República Arxentina entre 1999 e 2001.
Mais o que tamén quero poñer de relevo é o seu interese persoal, incrementado pola idade, polo pobo dos seus devanceiros e pola súa historia o que lle permitiu coñecer mellor as súas raíces.
Isto faime lembrar os poucos minutos que tivemos de conversa privada durante a súa estancia en Bueu. Foi na beirarrúa de Loureiro, logo da visita ao Pazo de Santa Cruz. Quería illarse da presión de Fraga para chegar a tempo ao acto oficial de entrega da Medalla de Ouro de Galicia que tería lugar no pazo de Raxoi.

Quería estirar o tempo no Bueu do seu avó. Non paraba de preguntarme cousas para alongar a súa estadía nesta terra e así respirar ese aire agarimoso que o embargaba. Cando o reclamaban para marchar dicía: Esperen! Esperen! Mentres me apartaba en dirección contraria á comitiva. Logo, e aínda emocionado, chamou a un axudante para que lle trouxera algo que, cun abrazo mesturado con palabras de gabanza e recoñecemento, entregoume. Era a medalla da Presidencia[1]. Despedímonos con promesas incumpridas por ambas partes...
Marchou co corazón chorando e con palabras de agradecemento a Bueu e as súas xentes. No mesmo discurso da entrega da Medalla de Ouro de Galicia o recoñeceu publicamente con estas palabras, tal e como pode comprobarse no vídeo adxunto: “... Hoy he vivido en Bueu una de las jornadas más emocionantes de mi visita a España pero también de las más emocionantes de mis días, de mi militancia, de mis viajes. Porque el pueblo de Bueu me brindó una bienvenida que me emocionó estrujándome el corazón hasta hacerme un nudo en la garganta. Recordé, mejor dicho, imaginé a mi abuelo viajando con su hermano a los quince años de edad rumbo a América para fundar allí su porvenir y su familia. De allí provengo yo. Y reencontrarme con esa tierra ahora próspera, llena de posibilidades igual que esta Galicia extraordinaria [...] ha sido para mí muy emocionante. Sé que esta emoción ha sido compartida por todos los miembros de mi delegación. Quiero decirles por eso mi afecto y mi respeto ...


[1] Pareceume que quería darlle outra ao Sr. Alcalde. Cousa que no sei se coas presas chegou a facelo


01/07/19


Se vos fixades nas fotografías veredes que na Robaleira houbo unha columna da que só algunhas persoas se poden lembrar. Unha desas é Lelo… que ante as preguntas do sobriño Miguel confirmou non só a súa existencia senón tamén cal fora a súa utilidade real.
As explicacións confirmaron as hipóteses que sobre ese ‘elemento estraño’ propuxeramos entre amigos na procura de interpretalo.
A descrición que da columna fixo era a dun guindastre (grúa) que se puxera aí para cargar de pedra aos galeóns que a levaban para a construción do muelle vello (que pode mirarse ao fondo na mesma fotografía e que se atopa agora no interior do recheo do ISM e da lonxa nova).
Á busca da pedra que lle servira de base foi infrutuosa, pois está desaparecida ao igual que algunhas que tamén había ao seu arredor.  A esta incógnita tamén lle deu solución pois no discurso aclaratorio apuntou que cando quitaron a columna, pois xa non facía falta, aproveitaron para cortar as pedras e facer ‘mortos’ para o fondeo dos barcos.
E, por se fora pouco, a partires dese momento, ao eliminar unha barreira natural, comezaron a afectar de forma directa as marusía ao extremo da Banda do Río, na zona do Penedo ou Niño do Corvo, tirando ao pouco tempo parte do que fora salga da familia Galup (A Requisa) alí localizada.