30/11/14


No xornal ABC, cando este era “Órgano de unión republicana” aparece en primeira páxina do 21-11-1937 e baixos os titulares: “España na Arxentina - OS FIEIS Á REPÚBLICA ESPAÑOLA” un longo listado de entidades e persoas que queren mostrar a súa adhesión ao goberno de España. Entre esas entidades está a sociedade  Unidos del Ayuntamiento de Bueu”.
O texto que encabeza a listaxe e que todas asinan é o seguinte: ”Sociedades españolas que expresaron a súa adhesión ao Goberno lexítimo de España e a súa protesta contra a invasión da Patria por tropas estranxeiras

22/11/14

De cando en vez aparecen na prensa unha serie de prohibicións dirixidas aos donos de mascotas, principalmente cans: non utilizar a praia na época estival, igualmente cos parques infantís, limpar excrementos, ir atados e con boceira se son de razas, etc. Cando a norma para ter (non posuír) mascotas, fillos,… debese estar regulado de forma natural, entre outros, polo sentido común pero como non adoita ser así apelo á lema das asociacións de amigos dos animais: “Tenencia responsábel”.
Como contrapunto, recoñezo que un tanto macabro, particípovos dunha noticia aparecida no ABC, Sevilla 13-11-1930, falando do ataque a un veciño de Bueu por parte dun can abandonado con síntomas de hidrofobia.
Polas festas de San Martiño E.M.P., “cando se dirixía á verbena, viuse acometido por un can hidrófobo, e entre el e o animal estableceuse unha loita desesperada.
O can mordeu no peito, e Enrique aproveitou aquel momento para suxeitarlle fortemente a cabeza, cortándolla cunha navalla que levaba no peto.
Enrique presentouse na casa do médico da localidade, sangrando abundantemente, e levando na man a cabeza do can”.
Sen comentarios!

06/11/14


O día de San Martiño de 1920 inaugurouse en Bueu o cine “Victoria”[1] que como anunciaba a prensa foi o “primeiro salón cinematográfico estable da vila. Dispoñendo dun proxector Power nº 6B con indutor, fabricado en Norteamérica”.
O seu propietario, José Cornide González, prometeu ”contribuír o mellor posible á divulgación do Sétimo Arte, aínda en mantillas como quen di…”
D. José Cornide foi Secretario do concello dende novembro de 1909, definitivo dende 1914, ata 1925 en que dimitiu e foise ao concello de O Valadouro-Lugo. A consecuencia
José López Díaz e a súa dona Carmen Gelpi
disto o cine estivo pechado dous anos ata que un amigo seu, José López Díaz ("Forneiro"), alugoullo con todo o que nel había (aparato e accesorios, piano, mobiliario, etc.) por cinco anos a 1.350 ptas (8,11 €) cada ano.
Cando remataron estes cinco anos o señor Cornide vendeullo ao mesmo José López Díaz por 6.750 ptas (40,57 €).
De 1954 a 1977 o propietario foi o mestre José Martínez Camiña que para regular a súa actividade presentou un proxecto con memoria e planos do arquitecto Emilio Quiroga Losada.
A partires de 1978 pasa a ser propiedade dos irmáns Carballo (José e Luís) ata que cesou a actividade oficialmente o 30 de novembro de 1984.


[1] Así chamábase unha das súas fillas.

Nota: Grazas a Carmen Santos Cidrás polas fotografías.