19/09/13

No domingo 8 de setembro de 19129 na edición da mañá do xornal madrileño ABC, páxina 42, aparece unha pequena noticia da que sacando o anecdótico e o “xocoso” atopámonos coa dura realidade do illamento de moitas das persoas que vivían en Ons.   A transcrición literal é:OS VOOS DAS AVES ANELADAS
 Vigo 7, 10 mañá. Francisca Patiño Pérez, de sesenta anos de idade, recolleu na illa de Ons unha pomba mensaxeira, a cal, nos seus aneis, ostentaba as seguintes inscricións: “Wahter. N. N. 4. 3. 872. U. S. A
Alguén fíxolle crer que o achado valdriale moito diñeiro, e a boa muller presentouse no pobo de Bueu, pedindo unha crecida cantidade pola pomba e negándose a entregala ás autoridades. Dáse o caso curioso de que Francisca, que non saíra da illa desde hai vinte e cinco anos, realizou agora a viaxe convencida de que posuía un tesouro.

01/09/13


No semanario “La Tierra Gallega[1] editado na Habana o 17 de maio de 1896 aparece publicitado o café e fonda “La villa de Bueu”. Estaba ubicado na marxe esquerda na entrada da bocana do porto da Habana, preto do castelo de San Carlos. Os seus propietarios eran os señores Mañá e Barreiro, ámbolos dous emigrados a illa de Cuba dende a nosa vila.
Á vez que se embarcaron no mundo dos negocios cun “Café e fonda” tamén o fixeron coa importación dos viños da súa terra. Como di a publicidade este viño do Morrazo é a primeira vez que se presenta na Habana. De “tan exquisito producto” son os únicos representantes e importadores.


[1] Fundado e dirixido por Curros Enríquez (1894-1896)