18/08/18

As burlas, chufas, mofas, mocas, acoso, etc. por desgraza danse en todas as épocas e lugares e sempre con dor para o vexado. Aínda que estamos no verán, e a modo de contrapunto, esta entrada do blog quere suxerir para a reflexión un exemplo de “broma tráxica” con resultado lutuoso.
A finais de novembro de 1920 aparece na primeira páxina do xornal madrileño La Acción unha noticia acontecida en Beluso. O que lle deu relevancia de carácter nacional a un desgraciado “accidente” no rural galego. A noticia apareceu tal como pode verse nas imaxes e que a continuación transcribo:

Broma tráxica
Vigo, 26. No pobo de Beluso aconteceu, orixinándoo unha broma, un suceso sanguento que custou a vida ao xove de quince años Antonio Miranda Martínez.
O feito foi así: Regresaban de pescar varios mariñeiros. Chanceaban estes co seu compañeiro Benito Dávila González. Este, indignado, colleu do chan unha pedra de bastante tamaño e lanzou con forza contra o grupo de pescadores.
A pedra feriu ao xove Miranda na cabeza, de tal gravidade, que faleceu pouco despois.
Segundo o ditame facultativo, a pedra partíralle o cranio.
Dávila ingresou no cárcere.


01/08/18

En carta dirixida ao Alcalde-Presidente do Concello de Bueu polo Comandante Militar deste porto, Gonzalo Torrente solicita un posto de vixilancia e escoita nun local do Concello de Bueu e o fai tal como transcribo:
“Disposto pola Superioridade poñer en execución o regulamento do Servicio Antiaeronáutica, e designado o persoal de milicias que compoñerá o grupo de vixía ou escoita nesta vila (pobo polígono), en servicio permanente, necesítase un local axeitado provisto de teléfono e de horizonte despexado. E reunindo o edificio dese Concello da súa digna presidencia as condicións adecuadas para a instalación de tan importante servizo de guerra, prego a V. teña a ben manifestarme, urxentemente, si, desde logo, pode esta Comandancia Militar contar con a cesión desa Casa Consistorial ao obxecto expresado. Deus garde a V. moitos anos.
Bueu 12 de xullo de 1937
O Comandante Militar
(asina: Gonzalo Torrente)

A resposta foi positiva e tiña como borrador isto que transcribo:
“Considerando ao interesado por V.  en comunicación desta data, éme grato participarlle que na parte alta da Consistorial antiga nas azoteas da mesma, e en comunicación con elas, existe un local que pode ser utilizado por ser o máis axeitado, pode utilizarse para o servizo de vixía e escoita que precisa o Regulamento de antiareonáutica e que a tal fin se interesaron con data e día Representante a compañía de teléfonos, instalaran urxente un aparato en dito local”.