16/01/19


Se nos achegamos á sesión plenaria do 21 de febreiro de 1924 que «A proposta da presidencia e en atención ao citado deterioro no que están os once farois do antigo alumeado por acetileno propiedade deste Concello, que están depositados na Consistorial, a Corporación acorda proceder á súa adxudicación mediante concurso..
Anunciado oportunamente durante un período de quince días só se recibe no Concello unha solicitude para facerse cos farois, e non por todos senón por catro. A petición ven dende a Illa de Ons, da man de Didio Riobó Bustelo, xestor e fillo do dono da mesma. Didio oferta pagar por cada un dos farois 4 pesetas.
O 20 de marzo de 1924 o alcalde Jesús Prieto tramita, á proposta da Corporación, o expediente de adxudicación de «farois deteriorados» ao único que participou na poxa, Dídio Riobó Bustelo.
E así é como os farois foron a parar á casa-almacén que a familia Riobó posuía na súa illa, Ons.
Pero se seguimos o rastro deses farois retrocedendo no tempo chegaríamos a xaneiro do ano 1906 en que no segundo pleno[1] despois de tomar posesión da alcaldía de Bueu, Laureano Piñeiro Domínguez[2] expón a petición dos veciños do Príncipe (actual rúa Eduardo Vincenti) para que se poñan uns farois na súa rúa e o fixeron nos seguintes termos: «... interesando da Corporación que tendo en conta a necesidade que se sinte duns farois na dita rúa e a precaria situación do erario público municipal, se instale por conta dos fondos seis farois cos seus depósitos para producir gas acetileno[3] ofrecéndose os reclamantes a soster o alumeado durante o ano actual...».
Farola na Praia de Beluso
Na sesión plenaria do 20 de xaneiro dáse conta, na mesma liña, de dúas instancias de veciños da praia de Beluso e da Ribeira (actual Montero Ríos) que desexan farois como os da rúa do Príncipe.
O Concello encarga á mesma comisión que tiña que resolver a necesidade dos puntos de luz no Príncipe, incorporando ao salgadoiro Clemente Lago, o faga tamén para Beluso e na Ribeira.
Aínda que na sesión ordinaria do 4 de febreiro de 1906 a Corporación informouse dunha comunicación do Gobernador Civil de que non procedía a concesión de transferencia de crédito para os seis farois que o concello pensaba mercar para a rúa do Príncipe, non será ata o día 12 dese mesmo mes cando se trate do ditame da comisión encargada sobre os farois incluíndo os 5 a poñer na Banda do Río, Ribeira e Praia de Figueirón. O «Concello resolveu que se adquiriran os nove farois de que se trata con todos os seus accesorios e se coloquen nos lugares designados satisfacéndose todos os gastos que con tal motivo se orixinen con cargo ao capíto de Inconvenientes; en cuxo acordo non conveu o 1º Tenente D. Tomás García por non haber cantidade sinalada para este fin no presuposto e necesitarase para outros Inconvenientes».
Como pode comprobarse que non foron 5, nin 6 nin 9 os farois que tiveron algunhas rúas e lugares de Bueu, senón 11.


[1] Sesión ordinaria do día 14 de xaneiro de 1906.
[2] Tomou posesión o 1 de xaneiro de 1906.
[3] Xerado a partires de carburo calcio.

01/01/19

A Praia da Roiba deulle dende principios do século XIX nome ao almacén de salga que está ao seu carón.
Sería Pedro Pastoriza, un dos primeiros salgadoiros locais, o que iniciou a súa construción coa oposición dos veciños do “Partido Xurisdicional de Cangas e do Coto de Bon e Villar”. Tras pasar ao longo do tempo por múltiples mans: Antonio Pérez, Heraclio Méndez, Manuel González Plá, Joaquín Francisco Graña Rodal e Darío Lameiro Sarachaga... e no ano 1936 a que tamén se convertera nunha fábrica de conservas está pechada e é propiedade dun Banco de nacionalidade británica con sede en Londres: The Anglo South American Bank Ltd[1].
 Ata aquí o relato sería normal. Mais o que nos interesa agora é poñer o foco nestas datas de 1936: Tralas eleccións xerais, en febreiro dese ano, gaña a coalición de esquerdas coñecida como Fronte Popular o que motivou unha forte reacción da dereita española. O que propiciou que durante uns meses o ambiente político en España se tensara de tal xeito que serviu de escusa para actos vandálicos de todo tipo. É, neste estado de cousas, cando o gobernador civil[2] manda con data 25 de xuño unha circular a todos os alcaldes, para que se dispoña “que a forza da Garda Civil, preste servicio de vixilancia e custodia caso necesario ás propiedades e edificios de súbditos e entidades de nacionalidade británicas” por ser os desta nacionalidade os que estaban máis no punto de mira dos ‘alborotadores’.
E así é como a Garda Civil vixía durante un curto espazo de tempo a fábrica pechada da Roiba...
Con motivo da necesidade de desprenderse de inmobles, a entidade bancaria inglesa vende A Roiba á sociedade Massó Hermanos que posteriormente, no ano 1948, a vende a Manuel Abalo empresario que tras desenrolar actividades, en sociedade coa familia Carballal, de tratamento de peixe, transformaría o almacén nunha cetaria...



[1] Partindo de todo unha serie de fusións bancarias en Sudamérica, fundamentalmente con capital inglés, dende 1888  fai que xurda a partires de 1907 co nome Banco Anglo Sudamericano. Logo dunha grande expansión comeza nesas mesmas datas de 1936 cunha grande caída polo que foi absorbido sobre todo polo Bank of London and South America.
[2] Gonzalo Acosta Pan, do Partido Republicano Radical-Socialista. Estivo de Gobernador Civil e Pontevedra (anos antes tameno fora de Biscaia) dende o 26 de febreiro de 1936 ata a sublevación das tropas de Franco (18 de xullo) que foi apresado e posteriormente fusilado na Caeira o 8 de setembro.