12/8/17


Leron ben! Cada vez que un coche do servicio público (alugado ou de líña) circulaba por calquera das rúas de Bueu tíña que pagar. En 1902 a cantidade era de vinte céntimos.
Pareceume interesante ver un Presuposto Municipal dos inicios do século XX pois nel quedan reflectidos a recadación ao través dos Arbitrios para intentar equiparar ingresos e gastos. Del pódense extraer moitas conclusións e para facelas visibles fixarémonos na seguinte certificación:
Don José Plácido Lino González Secretario do Concello de Bueu
Certifico: que na acta levantada con motivo da Sesión celebrada pola Xunta Municipal en vinte e cinco de setembro último á que asistiron os señores que soan ao marxe, aparece entre outras, o particular que di así:
 “Seguidamente na propia forma e por mandato da presidencia, leuse por min o infraescrito Secretario en alta e intelixible voz o Presuposto Municipal ordinario que rexiran durante o próximo ano de mil novecentos tres; e fixada a Xunta en toda minuciosidade en cada unha das partidas de que aquel se compón: visto que foi censurado polo Síndico e prestarlle o seu asentimento, a Corporación en sesión de tres do corrente, permanecendo despois exposto ao público polo termo ordinario sen que contra el se producira a menor reclamación, a mesma acordou aprobar dito Presuposto sen o menor obstáculo, fixando os ingresos en vinte e dous mil cincocentas setenta e tres pesetas e os gastos en igual cantidade.
Pasando agora a ocuparse a propia Xunta dos dereitos que deben satisfacer polo arbitrio sobre postos públicos en rúas e prazas, resolveu sexan os seguintes:
Por cada cesta da cabida de medio a dous ferrados de millo que ocupe sitio no Mercado con efectos para a venta, pagaranse cinco céntimos.
Por id  id de menor cabida de id dous céntimos.
Por id vara de catro cuartas cadradas que se ocupe de sitio con mesa, banco, caixón o tarima, dez céntimos.
Polo sitio que se ocupe para a exposición de estampas, mesas de quincalla, roupa ou louza, sinon ocupara máis de dous metros, vinte e cinco céntimos.
Por id  id  con tenda, de arrastre senón excedese dos dous metros, vinte céntimos.
Polos lugares que se ocupen con calquera obxecto excedendo dous dos metros anteditos, pagarán en proporción aos dous tipos anteriores.
Por un feixe de leña ou vime, dous céntimos.
Por cada carro ou carromato que transite polas rúas con efectos para a venda cando estas consistan en castañas, patacas, peixe, trigo, centeo, millo, froitas legumes, por cada vez que o fixere, vinte e cinco céntimos.
Por ídem  ídem  ídem  que  ídem  ídem   con outros obxectos para a venda distintos dos expresados no parágrafo anterior, por cada día unha peseta.
Por cada cabalaria cargada con calquera clase de efectos para a venda que transite igualmente por las rúas, satisfará dez céntimos.
Por cada cabeza de gando que se venda, xa na praza, xa nas rúas con destino ao consumo inmediato, dez céntimos.
Por ídem  ídem  de cría chamada de segunda man, cinco céntimos.
Por piara de gando de porco de la mesma clase, vinte e cinco céntimos.
Por cada cabeza de ganado lanar ou caprino, cinco céntimos.
Por cada ave solta que se conduza en brazos, dos céntimos.
Por ídem  carro que ocupe sitio na Praza Mercado, cincuenta céntimos.
Por ídem  carromato que ídem  ídem , setenta e cinco céntimos.
Por cada coche que entre polas rúas desta vila ben sexa alugado ou ben de líña, pagará por cada vez, vinte céntimos.
Así resulta do orixinal de referencia; e a que conste expido a presente co Vº Bº do Sor Alcalde na Consistorial de Bueu a dez e seis de outubro de mil novecentos dous.
Asina
José Plácido Lino
Vº Bº
José Rodríguez



1/8/17

Para velo premer aquí
Fai algo máis de 3 anos (1/2/2014) puxera unha entrada neste blog titulada Xentilicio de Bueu: “Bueuense” ou “Buenense e, xa dende o ano pasado, tiña pensado retomar o tema a raíz de coñecer o libro “Os xentilicios de Galicia[1] do profesor Xosé-Henrique Costas González, Se non o fixen ata o de agora foi por estar á espera de se aparecía algunha directriz, a propósito do libro, por parte do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ou da Asociación Galega de Onomástica (AGON).
Se daquela, 2014, tiña moitas dúbidas sobre «buenense»[2]” (termo que ata me renxía) agora, e logo de ler o libro citado, non teño ningunha dúbida: Eliminado do meu vocabulario!
Por certo, dos milleiros de documentos de todo tipo: notariais, relixiosos, etc. que levo visto nos últimos corenta anos non lembro atopar o xentilicio de Bueu. As poucas veces que o vin foron nalgúns xornais, e todos a partir de 1909 e en artigos ou crónicas en castelán.
Estes días estaba a reler un libro de recente publicación onde eu escribira ... no mundo da salga bueuense...” os correctores[3] puxeron ... no mundo da salga bueués...” corrección que dei por válida sen ser consciente no seu momento e que agora volveu a acender as alarmas que tiña sobre o tema e lembreime da páxina 43 do libro citado onde se da como xentilicio de Bueu: «bueués» / «bueuesa»
Consecuencia disto o vin tamén en Galizionario. Dicionario galego. Wiktionary no enderezo https://gl.wiktionary.org/w/index.php?title=bueu%C3%A9s&oldid=596552 que amosa:
Cáusame un certo pracer pensar que unha das primeiras referencias escritas onde se utiliza o xentilicio «bueués» sexa no libro que asino con outros compañeiros[4].   
E que pasa con «bueuense»[5]? A pesar de estar en case todo de acordo co profesor Xosé-Henrique Costas aínda non sei se seguirei ou non a usar este termo no futuro e de facelo penso que non me causaría ningún trauma[6].
Reflexionen sobre a nova proposta e mentres non haxa directrices claras dos organismos competentes vostedes decidan... Eu xa o teño claro!



[1] O libro pódese ler no seguinte enderezo da Universidade de Vigo: http://anl.uvigo.gal/opencms/export/sites/anl/anl_gl/documentos/Xentilicios.pdf ou reducido en https://goo.gl/rNWQDc . Aínda que aconsellaría lelo todo, dicir que fala de Bueu nas páxinas 14, 25, 32 e 43.
[2] Diario de Galicia do 28/5/1909 páx. 1 e 23/6/1909 páx. 2. En El Pueblo Gallego do 22/3/1924 páx. 6, 1/3/1929 páx. 17 ou do 20/11/1927 páx. 15, 24/2/1928 páx. 8, 24/5/1928 páx. 14, 14/7/1928 páx. 13, 11/11/1928 páx. 9-10, 18/5/1929 páx. 6 10/7/1929 páx. 3, 8/8/1929 pá. 10, 26/3/1930 páx. 9, 26/11/1930 páx. 6, 21/1/1931 páx.11 ou do 5/9/1956 páx 8
[3] Aos que lle agradezo enormemente o seu traballo.
[4] Travesía por tres momentos da Historia de Bueu. Autores: Fructuoso Díaz, Miguel Romaní, Pablo S. Otero, Xosé Manuel Cerviño e Arturo S. Cidrás. Coordinador: Salvador Castro. Edita Deputación de Pontevedra, 2017.
[5] Exemplo disto: A sección “Relieves bueuenses” en El Progreso dos anos 1915 e 1916. Ou  “… el paisaje bueuense,…” que dicía o corresponsal Carballeira en El pueblo Gallego do 25/04/1929 páx. 13. Ou mesmo na crónica deportiva, “… Dávila… único bueuense del equipo” El pueblo Gallego do 24/05/1962 páx. 8. “Con gran satisfación para los bueuenses...” El pueblo Gallego do 24/02/1965 páx. 14
[6] Xa que escribo, dende a modestia e intentando ser rigoroso, para dar, informar, divulgar, poñer en valor, etc. e non para amestrar, pontificar, manipular, influír, impoñer, etc.