25/01/17


A multa na que hoxe nos paramos pon de manifesto, unha vez máis, o vencello histórico das Ordenanzas e das Leis á moral relixiosa. Non fan falta moitas explicacións xa que, como pode lerse na transcrición, se comenta por si sola.  
Providencia

Na Consistorial de Bueu a dezanove de decembro de mil oitocentos noventa e nove, o
Sr. Alcalde Dn Miguel Nogueira por ante min secretario dixo: que como queira que Agustín Pastoriza e Pastoriza, veciño de Beluso do lugar de Montemogos, permitiuse o día domingo dez do corrente transitar polas rúas desta vila e camiño público que de aquí pasa a Cangas co seu Carro, causando escándalo e en aberta oposición ao disposto no Artº 19 das vixentes Ordenanzas Municipais, vin en impoñerlle por tal infracción a multa de dez pesetas que fará efectivas no papel correspondente existente no arquivo Municipal e dentro do prazo de catorce días a contar desde a data da notificación desta providencia, pois pasado o cal sen liquidar o importe, incorrerá no prema do cinco por cen diario do total da multa ata facer o duplo da mesma, que en tal caso farase efectiva pola vía xudicial conforme ao disposto nos artigos 77, 185, 186 e 188 da vixente Lei Municipal.
Así o resolveu dito Sr. Alcalde do que eu Secretario Certifico

(Asinan: Miguel Nogueira e José Plácido Lino)




19/01/17

A primeiros de febreiro de 1905 o xornal bueuense La Voz de Bueu, daba a noticia que na casa-comercio de José Pérez Troncoso, fíxose un redondal na horta no que actuou unha Compañía ecuestre. Espectáculo amenizado pola banda de Paratcha.
Aproveitando esta actuación da compañía ecuestre en Bueu, baixo a dirección do Sr. Deforjo, falouse con el para facer unha clase de ximnasia.
No mes seguinte, e o mesmo xornal, comentaba da Xestións para crear una Sociedade Recreativa para o que se acordou que, para comezar, sexa o seu local o cascador (logo salga) de Francisco Rúa Pazó na baixada a Pescadoira.

En canto á clase de ximnasia non hai documentación que a confirme ou a desminta mais algo debeu facerse nese sentido porque o nome completo da sociedade foi: Sociedad Recreo Gimnasio Artistica.
Na directiva constituínte da Sociedade estaban persoas moi próximas ao conserveiro Juan Tapias (fillo) como eran Manuel Martínez, Francisco Pardo, Francisco Puig e Ramón Galup.
A inauguración do local parece ser que se fixo o 23 de abril dese mesmo ano.
 En canto a outro tipo de actividades deportivas patrocinadas por esta Sociedade temos as Regatas de canoas, bucetas, traiñeiras, botes polbeiros e gamelas, que se celebraron o día 31 de xuño. Deste evento coñecese que:
Regata Traiñeiras:  1º Premio… con trofeo da Sociedade Ximnasio  e 2º Premio… trofeo de Eduardo Vincenti, que meses momentos era alcalde de Madrid.
Regata botes polbeiros: o 1º Premio…donado polo gobernador de Cáceres, José Boente Sequeiros, eran 25 pts.
Regata gamelas: 1º e 2º Premio… doado polo Recreativo Ximnasio eran de 10 pts a cada un.
 Outras particularidades desta regata recollidas por J. Mª Estévez eran:
Que a saída foi desde Pescadoira , fronte a fábrica de Curbera (despois a de Alonso).
Que o percorrido era de 1800 e 2000 metros. Que a traiñeira, competiron catro, gañadora nos 2000 metros foi “La Antigua” con 10 minutos.
O xurado estaba composto por Gaspar Massó Ferrer, Francisco Garrido, Antonio Fontanils, José Garrido, Manuel Santos Varela (Charreche), Gil, Durán e, como secretario José Domínguez.
No 1912 achégase a Bueu o bueuense afincado en Córdoba (Arxentina) Manuel Antonio Bares Giráldez, irmán de Matilde Bares. O motivo era facer entrega de 2.000 pesetas recadadas entre os emigrantes da nosa contorna para a Sociedad Recreo Gimnasio de Artístico.

Ao parecer todo foi ben mentres a sociedade tiña como gran valedor ao industrial Juan Tapias. Ao marchar este para Vigo comezou a declinar a actividade ata que en setembro de 1914 o alcalde de Bueu comunícalle ao Gobernador civil que queda disolvida a Sociedad Recreo Artístico en virtude dun acordo da xunta en vista da excesiva baixa de socios”.

01/01/17

Fai non moito tempo atopeime cun selo-moeda supostamente impreso para a súa utilización na contorna do concello de Bueu. Ata aquela descoñecía este tipo de moeda pero decidín facerme con ela foxe ou non verdadeira. Logo vería...
 Mentres tanto preguntaba ao meus amigos por si algún familiar, xa maior, tiña coñecemento destas moedas. As respostas duns e outros eran negativas ata que de súpeto apareceu unha, e logo outra, confirmando a utilización da mesma.

No primeiro caso era de “Chita” que de rapaza vivía no barrio de Petís. Certo día súa nai Benita mandouna a mercar a unha tenda coñecida por “A de Cristina” próxima á súa casa. Entregoulle para pagar, un selo pegado a un cartón redondo. A nena non quería ir cun cartón semellando cartos pois dicía que aquilo non servía e que se rirían dela. A súa nai insistiulle que non tivera medo que si lle valerían. Como así foi.
Cando lle ensinei o cartón moeda polo lado do selo iluminóuselle a cara ao lembrar algo que lle resultou coñecido. Non así cando lle amosei o reverso, non lle dicía nada, pois non se lembraba de como era.
O outro caso relatado por Consuelo ou “Telo” (coa súa irmá Emilia tiñan a carnicería na rúa Eduardo Vincenti), a súa neta Mari Carmen. Contáballe que cando ía a mercar gando para carne levaba os cartos nun segundo peto que tiña debaixo do escote. E tamén levaba unhas tesoiras para marcar o gando e de paso, “como era muller”, defenderse se fora preciso. Ela dicía que houbo unha época que levaba unha chea de moedas de cartón e billetes para os pagos...

Resumo do Selo-Moeda ou Cartón-moeda de uso provisional
Por mor da guerra o metal comezou a escasear e o goberno da República fixo provisión de metais (cobre, níquel, bronce, ouro, prata,...) tan necesarios para mercar ou utilizar no armamento. Pronto a xente quedouse sen moeda pequena para as transaccións diarias e o goberno tivo que recuar e acuñar nova moeda de valores fraccionarios pero esta seguía a estar escasa. Algúns concellos, colectividades obreiras, organizacións sindicais, etc. españois chegaron a emitir tamén moeda con valores por debaixo dos 50 céntimos. Sobre todo, pero non só, nas zonas de influenza republicana autorízase[1] a circulación transitoria de timbres e selos adheridos a discos de cartón ata que se puidera acuñar toda a moeda necesaria.
Adoitaban ter no reverso normalmente un escudo constitucional ou local e no anverso un selo de correos que indicaba o valor. Dimensións: 35 mm de diámetro e 0,5 g de peso.
Ao final da guerra foi cando o goberno de Franco ilegalizou as emisións de moedas republicanas.





[1] 24 de febreiro de 1938, aínda que xa circulaban con anterioridade.